Marcos Valcárcel
Ourense, 3/ 3/1958 - Ourense, 5/12/2010Autoría: Afonso Vázquez-Monxardín
O valor da xenerosidade, a historia desde Ourense
Marcos Válcarcel López é o segundo fillo dunha familia de xoieiros ourensáns, nado na primavera de 1958. Irmán do pintor Fiz Valcárcel, desde noviño estivo preto dos círculos culturais da cidade. Estudou nos Maristas de Ourense onde entra en contacto con grupos de cristiáns de base e coa Agrupación Cultural Auriense que, en 1973, organizara alí un curso de lingua galega no que participaron Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Xoaquín Lorenzo, Carlos Casares, Francisco Rodríguez, entre outros. Desde aquel momento, achégase a Auriense onde desde 1976 exercerá como bibliotecario e formará parte da súa directiva.
Comeza a carreira de Xeografía e Historia no efervescente Santiago de 1975, onde se incorpora de cheo tamén ás iniciativas culturais d’O Galo e O Eixo, como dinamizador de conferencias, xornadas literarias, concertos e proxeccións cinematográficas. Precisamente neste último campo, será un dos impulsores no tránsito dos setenta aos oitenta, do Cineclube Padre Feijoo de Ourense e da Federación de Cineclubes de Galicia, da que foi fundador e secretario.
Na Facultade compostelá será discípulo de Ramón Villares Paz e Xosé Ramón Barreiro Fernández. Presenta, en 1983, a súa Tese de Licenciatura, axiña convertida no primeiro da súa ducia de libros, e obra de referencia sobre o tema, A prensa en Ourense e a súa provincia. Catalogación e estudio (1987). Logo, en 1993 doutórase coa mellor das cualificacións cunha tese, tamén dirixida por Ramón Villares, sobre a vida política e a conflitividade social nos anos da Segunda República en Ourense, co seu título, Ourense, 1931-1936. Estrutura económica e comportamentos políticos.
Foi profesor -numerario primeiro, catedrático logo, de Lingua e Literatura Galega- do centro que hoxe leva o seu nome, o IES Marcos Valcárcel - A Carballeira de Ourense. Alí conservou o seu primeiro destino funcionarial, ininterrompidamente, desde 1983 ata que a enfermidade lle impediu continuar exercendo, en 2008. Para a Consellería de Educación elaborou, xunto con Afonso V. Monxardín, as exposicións e unidades didácticas para a celebración dos días das letras galegas dedicados ao Padre Sarmiento (2002), Avilés de Taramancos (2003), Xoaquín Lorenzo (2004), Lorenzo Varela (2005) e Manuel Lugrís Freire (2006). Anteriormente elaboraran, en 2001, a exposición Otero Pedrayo, sempre en Trasalba para a Fundación do autor, e posteriormente, para Merlín Comunicación, Galicia, célula de universalidade. Europa e a xeración nós (2007).
A súa actividade como investigador estivo centrada na historia local, no estudo e rescate de obras e autores aos que dedicou numerosos artigos e monografías, entre as que destaca a inicial biografía Otero Pedrayo, vida obra e pensamento (1988) elaborada xunto a Xosé Ramón Quintana Garrido. Outros autores sobre os que centrou a súa ollada foron Lamas Carvajal, Curros Enríquez, Antón Tovar, Ferro Couselo, Xaquín Lorenzo, Vicente Risco, Eduardo Blanco Amor, Basilio Álvarez, Xavier Prado “Lameiro”, Carlos Casares, etc. Promoveu a reedición dalgunhas obras destes autores cos seus estudos correspondentes, e sobre eles fixo achegas constantes en congresos, xornadas e seminarios. Sen dúbida foi a persoa que máis contribuíu á posta en valor da cidade de Ourense como universo literario e foi anfitrión imprescindible de canto acto de presentación de libros de autores galegos se celebraba na cidade, chamado polos propios autores, polas editoriais ou en actos organizados polo Clube Cultural Alexandre Bóveda. Desde a fundación deste Clube, en 1989, ata a súa autodisolución en 2001, liderou o proxecto, e nel impulsou roteiros literarios como o da Esmorga, o da Xeración Nós, o de Alexandre Bóveda, o de Carlos Casares; exposicións como Blanco Amor fotógrafo (1993) ou O fillo da Florista (1998), as Xornadas de Literatura de autores ourensáns, os as homenaxes cívicas a personalidades senlleiras de Ourense baixo o título de De cea con... (Carlos Casares, Antón Risco, Roberto Verino, Buciños, Mauel de Dios, os irmáns Quesada, o Liceo de Ourense); e outra chea de actividades, moitas delas en colaboración coa Casa da Xuventude que presidía o seu amigo Benito Losada, ou a Aula de Cultura de Caixa Galicia, xestionada polo tamén amigo Xosé Trebolle. Unha vez pechado o ciclo do Clube, dirixirá a Sección de Literatura do Liceo de Ourense, que ha recoller parte das inciativas do Clube, como os roteiros anuais da Esmorga ou as Xornadas literarias.
Unha das facetas máis transcendentes da súa vida foi a de colaborador de prensa. Desde 1977 ata a fin dos seus días mantivo unha presenza constante tanto nas seccións de cultura dos máis destacados xornais do país ─ La Voz de Galicia, La Región, Faro de Vigo, A Nosa Terra─ como en iniciativas novas como O Correo Galego, Galicia hoxe, Diario de Galicia, Orense diario cifrándose a súa produción en varios milleiros de artigos. Aínda que a maioría dos seus textos van asinados co seu nome, tamén usou os pseudónimos de “Loval”, “Xabier Ribalta” e “Aser Vilar” en varias series.
Moitos dos artigos, xunto con textos de conferencias, presentación de libros, etc., integran dúas misceláneas referidas a Ourense: A cidade da Xeración Nós (1996), Pé das Burgas. Estudios de historia, literatura e xornalismo (1998). Unha síntese global da súa visión da cidade recóllese no libro Historia de Ourense, (2008) que sería a súa derradeira publicación e cuxa presentación se fará coincidir coa homenaxe cívica á súa persoa.
Marcos, atento ás novas formas de comunicación, creou e impulsou desde marzo de 2006 un blog que durante máis dunha década sería referencial na cultura galega As uvas na solaina pois converteuse un dinámico foro de intercambio de artigos, ideas e comentarios sobre a vida cultural e política de Galicia, un auténtico faladoiro no espazo das novas tecnoloxías e desde a perspectiva dun galeguismo aberto integrador e progresista.
Membro correspondente da Real Academia Galega, pertenceu ao Pen Clube de Galicia, á Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e ás Fundacións Carlos Casares –escritor do que foi moi amigo- e Curros Enríquez.
O 31 de maio de 2007 pronunciou no pregón da Feira do Libro de Ourense, unha extraordinaria peza oratoria, homenaxe persoal ao seu amigo Carlos Casares, morto había xa cinco anos. O argumento era emotivo e claro. Carlos Casares visitábao vido da ultratumba e convidábao a un paseo no que percorrían xuntos os espazos literarios máis emblemáticos da cidade. En paradas no Liceo, na Praza Maior, Praza da Madalena, Praza da Barreira, Museo Arqueolóxico, Praza do Correxedor, Alameda e Paseo íanse encontrando cos vellos escritores de Ourense e evocando as súas vidas e actividades. O texto, fermosísimo, foi editado nas páxinas da «Revista das Letras» de El Correo Gallego do 21 de xuño dese 2007. Foi o derradeiro dos actos de plena normalidade na súa vida, pois no verán empezou a manifestarse a cruel enfermidade, a ELA, que acabaría con el.
Nos últimos anos de vida recibiu homenaxes cívicas e recoñecementos institucionais e dos amigos: A medalla Castelao da Xunta de Galicia, o premio Otero Pedrayo das Deputacións de Galicia, os premios anuais do Pen Clube de Galicia e da Asociación de Escritores en Lingua Galega, impúxose o seu nome á Biblioteca do Centro no que traballaba ─derradeiro acto ao que asistiu─ menos dun mes antes do seu pasamento.
E foi obxecto, o 29 de novembro de 2008, dunha homenaxe cívica das máis sobranceiras da historia recente de Galicia, con máis de 350 persoas chegadas de todos os puntos do noso territorio e na que tomaron a palabra os amigos Bieito Iglesias, Suso de Toro, Alonso Montero, Manuel Rivas, Kristina Berg (viúva de Carlos Casares), Xosé Luis Axeitos e Ramón Villares. Con tal motivo, os amigos de Ourense ultimaron un libro, Marcos Valcárcel, o valor da xenerosidade (2009) que presentaron pouco despois, no que colaboraron con textos e imaxes, máis de 200 escritores, artistas plásticos de Galicia e compañeiros da súa militancia política no nacionalismo ao longo de tres décadas, desde os tempos de ERGA aos de PSG-Esquerda Galega.
O día 24 de maio de 2010 despídese dos amigos a través dun emotivo texto recollido xa coa máxima dificultade, titulado «Un lóstrego».
A súa morte, produciuse en Ourense, o 5 de decembro de 2010. Logo da incineración, cumpriuse o seu desexo e espalláronse as cinzas no mar bravo da Costa da Morte.
O pleno da Deputación Provincial de Ourense concedeulle, por unanimidade, a Medalla de Ouro da provincia a título póstumo e designou co seu nome o Centro Cultural sito no histórico edificio Simeón de Ourense en 2012.
O seu compromiso social e cultural, a súa firmeza elegante, a súa bonhomía e o seu esforzo na concordia fan del un referente exemplar para as xeracións presentes e futuras.
Como citar: Vázquez-Monxardín, Afonso : Marcos Valcárcel. Publicado o 5/12/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=6616. Recuperado o 27/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
«Un lóstrego», texto de despedida de Marcos Valcárcel das súas amizades. Ourense, 24 de maio de 2010
Fonte: texto facilitado por Afonso Vázquez-Monxardín
Estudo de Marcos Valcárcel sobre Valentín Lamas Carvajal na revista Raigame
Valcárcel, Marcos: «Valentín Lamas Carvajal: o seu xornalismo», Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares,, 24 (2006), 57-73
Fonte: https://dialnet.unirioja.es/servlet/revista?codigo=7547 [Descarga: 2022-12-05]
Marcos Valcárcel lembra a Carlos Casares, entre a memoria e o mito
Valcárcel, Marcos: «Entre a memoria e o mito, Ourense». En Carlos Casares: os amigos, as imaxes, as palabras. Vigo: A Nosa Terra; Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; D.L. 2004; 23-25.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Sobre o cineclubismo en Galicia
Valcárcel, Marcos: «O cineclubismo en Galiza: de onte para mañán», Grial: revista galega de cultura, 87 (xaneiro-marzo 1985), 111-116
Fonte; https://editorialgalaxia.gal/revgrial/ [Descarga: 2022-12-05]
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Entrada biobibliográfica de marcos Valcárcel na Enciclopedia Galega
«Valcárcel López, Marcos». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso, D.L. 2003; XLII, 229.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Marcos Valcárcel no
«Valcárcel López, Marcos». En Vilavedra, Dolores (coord.): Diccionario da literatura galega. I: Autores. Vigo: Galaxia, 1995; 585.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Ligazóns de interese
Ciclo do Liceo de Ourense Recordando a … Marcos Valcárcel. 2 de decembro de 2020
Fonte: https://www.liceodeourense.com/2.0/?p=12317 [Consulta: 2022-12-05]
Lembranza de Marcos Valcárcel en crebas.gal, bitácora de Miro Villar
Fonte: http://crebas.gal/?p=1851 [Consulta: 2022-12-05]
Monxardín escribe sobre o texto de despedida de Marcos Valcárcel
Vázquez-Monxardín, Afonso: «Pepe Trebolle», Navigar é previso, viver nao é preciso, (14 de decembro de 2010)
Fonte: https://www.laregion.es/opinion/afonso-vazquez-monxardin/navigar-preciso-viver-nao-preciso/20101214085002250648.html [Consulta: 2022-12-05]
Artigo de Afonso Monxardín sobre o pasamento de Pepe Trebolle e de Marcos Valcárcel
Vázquez-Monxardín, Afonso: «Pepe Trebolle», La Región, (11 de decembro de 2010)
Fonte: https://www.laregion.es/opinion/afonso-vazquez-monxardin/pepe-trebolle/20101211085002250628.html [Consulta: 2022-12-02]
Marcos Valcárcel, Premio Otero Pedrayo 2009
Fonte: https://www.laregion.es/articulo/ourense/marcos-valcarcel-premio-otero-pedrayo-2009/20090521190453086641.html [Consulta: 2022-12-05]
A homenaxe a Marcos Valcárcel en Brétemas, blog de Manuel Bragado. 29 de novembro de 2008
Fonte: http://bretemas.blogspot.com/2008/11/todos-con-marcos.html [Consulta: 2022-11-29]
«Marcos Valcárcel, o vendimador da cultura galega», reportaxe en vieiros.com. 29 de novembro de 2008
Fonte: https://www.vieiros.com/nova/70565/marcos-valcarcel-o-vendimador-da-cultura-galega [Consulta: 2022-12-05]
Artigo de Marcos Valcárcel sobre Plácido Castro
Valcárcel, Marcos: «Galeguismo e universalismo en Plácido Castro», La Región e El Correo Gallego, (25 de xaneiro de 2002)
Fonte: Fundación Plácido Castro.
https://www.fundacionplacidocastro.com/reflexions-arredor/marcos-valcarcel [2022-12-05]
Biobibliografía de Marcos Valcárcel na Galipedia
Fonte; https://gl.wikipedia.org/wiki/Marcos_Valc%C3%A1rcel [Consulta: 2022-12-02]
As uvas na solaina, blog de Marcos Valcárcel
Fpnte: http://asuvasnasolaina.blogspot.com/ [Consulta: 2022-12-05]
Marcos Valcárcel no Centro de Documentación da AELG
Fonte: https://www.aelg.gal/Centrodoc/GetAuthorById.do?id=autor97 [Consulta: 2022-12-05}
Marcos Valcárcel na páxina web da Fundación Carlos Casares
Fonte: http://fundacioncarloscasares.org/tag/marcos-valcarcel/
Videos
Noticia sobre a homenaxe a Marcos Valcárcel. Telemiño,
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=0V-PwFNfJvU [Consulta: 2022-12-05]
Ciclo do Liceo de Ourense Recordando a … Marcos Valcárcel. Decembro de 2020
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=O3T8cYcaLaU [Consulta: 2022-12-05]
Audios
Ciclo en memoria de V. Risco: presencia galega nas vangardas
Artigos Marcos Valcárcel
VALCáRCEL, M. (12/1978) Cine: «Víctimas del terrorismo» o «Corazoncito» dos imperialistas. Nosa Terra, A. (43), 18.
Ver opinión Fonte da dixitalización: Fundación A Nosa Terra;
VALCáRCEL, M. VEIGA, E. (3/1979) Campaña electoral e medios de comunicación. Nosa Terra, A. (53), 12.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Fundación A Nosa Terra;
VALCáRCEL, M. (7/1979) Ideoloxía burguesa e comunicación. Nosa Terra, A. (72), 12.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Fundación A Nosa Terra;
Libros do ccg sobre Marcos Valcárcel
Galicia 25: unha cultura para un novo século.
2009 | Víctor F. Freixanes, Comisariado. Henrique Monteagudo, Comisariado. Iago Seara Morales, Comisariado.
Consello da Cultura Galega 1983-2008
A comunicación no seu tempo.
2008 | Rosa Aneiros, Coordinación. Xosé López García, Coordinación. Marcos S. Pérez Pena, Coordinación.
Actas do encontro celebrado os días 30 de xuño e 1 de xullo de 2005
O exilio galego: actas do congreso e repertorio biobibliográfico.
2007 |
O exilio galego de 1936: política, sociedade, itinerarios.
2006 | Pilar Cagiao, Edición. Xosé M. Núñez Seixas, Edición.
Actas do I Congreso Internacional “Curros Enríquez e o Seu Tempo”.
2004 | Xesús Alonso Montero, Edición. Henrique Monteagudo, Edición. Begoña Tajes, Edición.
(Celebrado en Celanova, 13 al 15 de setembro de 2001 ). Tomo I
Actas do I Congreso Internacional “Curros Enríquez e o Seu Tempo” .
2004 | Xesús Alonso Montero, Edición. Henrique Monteagudo, Edición. Begoña Tajes, Edición.
(Celebrado en Celanova, 13 al 15 de setembro de 2001). Tomo I
Carlos Casares.
2003 | Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Coordinación. Henrique Monteagudo, Coordinación.
A semente aquecida da palabra