O Consello da Cultura Galega inicia un gran foro para facer unha proposta integrada sobre o patrimonio

O 16 de novembro celébrase o Día Internacional do Patrimonio Mundial. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) toma como punto de arranque dunha iniciativa pioneira. Trátase do “Foro Patrimonio e Sociedade” que presentaron esta mañá a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a responsable da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, Rebeca Blanco-Rotea, e representante da consellería de Cultura e Turismo, Valentín García. A iniciativa pretende facer unha análise profunda da situación actual do patrimonio cultural que dará lugar á elaboración dunhas liñas estratéxicas para a súa xestión. Está, segundo destacou a presidenta, “integrado no marco da función asesora da institución de elaborar informes e documentos para a disposición da cidadanía e dos que teñen capacidade de goberno”. Este gran foro artéllase en tres mesas de debate participativas que se estenderán ao longo de oito meses de traballo. Esa reflexión e análise culminarán nunhas xornadas de presentación das conclusións que se celebrarán no Día Internacional do Patrimonio de 2020.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“Hoxe é un día feliz, no que presentamos unha iniciativa que nace de moito tempo atrás e na que levamos traballando moito tempo” explicou Rebeca Blanco-Rotea. O Foro Patrimonio e Sociedade xorde como resposta a unha serie de situacións. En primeiro lugar, ao cambio do que se entende por patrimonio cultural; en segundo lugar, pola transformación dos procesos de patrimonialización e, terceiro, polos cambios na relación das comunidades co patrimonio. A isto engádeselle que a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega detectou nos últimos anos unha serie de eivas que inciden na necesidade dunha nova estratexia en materia de xestión do patrimonio cultural na que prime a transversalidade real na súa xestión, nas súas liñas políticas e na relación entre cidadanía e patrimonio. Unhas deficiencias que están en parte recollidas en documentos como as “Liñas forza en materia de Patrimonio e Bens Culturais para a elaboración da diagnose do sector cultural galego como base para a creación da estratexia da Cultura Galega 2021” (5 de decembro de 2017).
Formato
Esta iniciativa terá un formato pioneiro, que se concreta na realización de tres mesas de debate que se estenderán ao longo de oito mesas e que culminarán nunhas xornadas de presentación das conclusións. A cita final realizarase en novembro de 2020 e coincidindo co Día de Patrimonio.
Cada mesa de debate responde á mesma estrutura: un mes antes da constitución de cada espazo procederase a nomear os participantes; despois, entregarase o plan de traballo, no que se fixan os prazos para extractar ideas, elaboración de borradores, xuntanzas e dos documentos de traballo finais. As mesas non funcionan de xeito independente senón que contarán con reunións interconectadas.
Os participantes de cada unha das mesas abranguen os diferentes tipo de entidades e institucións ou colectivos relacionados co patrimonio; é dicir, universidades, academias, administracións, asociacións culturais, industrias culturais, profesionais liberais...

Temáticas de análise
O foro está organizado de tal xeito que nel teñen cabida todos os aspectos que están, directa ou indirectamente, relacionados co patrimonio. A primeira mesa chámase “Patrimonio, políticas públicas e normativa legal” e conta coa coordinación de Teresa Nieto e Cristina Sánchez Carretero. Esta primeira sesión pretende analizar como a conservación do patrimonio cultural pode ser parte das políticas públicas que a deben integrar e como romper coas políticas defensivas do patrimonio e coas políticas defensivas contra o patrimonio.

O obxectivo é elaborar un documento que sexa útil no deseño desas políticas públicas e na harmonización dos seus obxectivos e da lexislación. Nesa análise cómpre atender, non só ao contido das políticas públicas, senón tamén aos problemas e necesidades públicas, á toma de decisións ou procesos e ás consecuencias, resultados ou impactos.

A segunda mesa titúlase “Xestión patrimonial: conservación, protección e promoción-difusión do patrimonio cultural. Iago Seara e Carlos Nárdiz serán os seus responsables. Nesta ocasión achégase a cada ben patrimonial desde unha perspectiva integradora que atende a todos os aspectos da cadea de valor (conservación, protección ou difusión). Ademais, tamén se analizara se se está atendendo de maneira igualitaria aos diferentes tipos de patrimonio ou se existen preferencias, se se prima, por exemplo, o patrimonio monumental sobre o identitario.

A terceira mesa ten como título “Patrimonio, educación, formación e cidadanía” e estará coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e Juan Monterroso. Nesta ocasión preténdese reforzar a vinculación entre o patrimonio e a sociedade a través de temáticas como o patrimonio nas escolas, a formación regrada e non regrada arredor do patrimonio, o papel da cidadanía na xestión patrimonial, a cidadanía e a xestión da memoria compartida, entre outros.

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta xornada insírese nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. Rebeca Blanco-Rotea coordina esta Sección, integrada por profesionais como Teresa Nieto, Beatriz Prieto, Iago Seara, Carlos Nárdiz, Pegerto Saavedra ou Isidro García Tato.