NOTICIA

----

A falta de tempo lastra os hábitos culturais segundo un estudo do Observatorio da Cultura

A falta de tempo é o principal motivo que alega a cidadanía galega para non visitar máis museos, exposicións ou galerías de arte, pero tamén para non ler máis. Canda estas razóns, tamén xustifica na falta de interese o motivo para non frecuentar bibliotecas ou teatros. Son algúns dos indicadores do último Documento de Traballo (DT-OCG) do Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG) que mide hábitos e prácticas culturais en Galicia. O documento, que proporciona datos da enquisa realizada polo Ministerio de Cultura e Deporte, tamén establece unha correlación familiar ao constatar que as cifras son máis positivas na infancia e mocidade cuxos pais teñen hábitos culturais frecuentes.

Este Documento de Traballo (DT) analiza as nosas prácticas culturais, é dicir, a asistencia a espectáculos e eventos culturais, o consumo de medios de comunicación, a lectura de libros e a convivencia e hábitos no ámbito familiar. Segundo a enquisa, o que máis lle interesa á poboación é, nunha escala de 0 a 10, a música (7,6), os contidos audiovisuais (6,5), a lectura (6,4), o cine (6), os museos (4,6) e as visitas a xacementos arqueolóxicos e exposicións (4,4). Suscitan menor interese as galerías de arte (3,5), o circo (3,5), o ballet (3,2) e a visita a monumentos (5,7). Cunha puntuación inferior a 5 atópanse o teatro e ópera (2,9) e as bibliotecas (2,5).

As motivacións
A falta de tempo e de interese son as principais causas que alega a cidadanía galega para explicar algúns dos seus hábitos culturais. O 30,8% non vai nunca a un museo, una cifra máis baixa ca no conxunto do Estado; e os que asisten fan unha media de 2,5 visitas cada trimestre. Os que non len explícano alegando que non teñen tempo (o 52%) e que non lles gusta (19,2%). Con todo, o interese da poboación galega pola lectura aumenta, mesmo en maior medida que no conxunto de España. Os fogares galegos que dispoñen de libros son nove de cada dez; e nos fogares onde hai libros, o número medio tende aumentar e sitúase nos 239 exemplares. En canto ao libro dixital, o crecemento é moi importante, aínda que algo menos que no conxunto do Estado. Os que consultan libros neste formato len máis e teñen máis. A enquisa tamén revela que seguimos a ser bos lectores de prensa, máis da metade dos galegos e galegas fano a diario, case un 10% por rima do total de España. A poboación galega tamén é algo máis afeccionada a escribir.

No apartado relacionado coas artes escénicas, a falta de interese é a principal explicación que esgrimen os que non van ao teatro (31%), ópera (48,3%), zarzuela (53.6%), danza (46,0%) e circo (45,6). Séguelles de lonxe a falta de tempo e a pouca oferta. Con todo, o teatro segue a ser o espectáculo que máis cidadanía atrae e, aínda que a influencia é inferior ao conxunto do Estado, ten unha evolución positiva nos últimos anos.
O custo da entrada só é significativo no caso da ópera e do cinema. Con respecto a este último, a frecuencia de asistencia a salas en Galicia é baixa, pero aqueles que acostuman ir fano cunha periodicidade similar ao conxunto de España. As cifras tamén indican que se está a recuperar o hábito de ir ao cine, moi lastrado durante os anos da crise. En comparación co resto de España, en Galicia tamén se ven algo menos outros contidos audiovisuais. Con todo, un 15,7% ve diariamente películas e un 22,2%, series. O tempo dedicado a ver vídeos é de 373 minutos á semana. Case unha cuarta parte da poboación galega está subscrita a plataformas dixitais de pago. Ademais, tamén se constata que nos últimos anos descende o uso de medios gratuítos e sen licenza.

O peso do exemplo da familia
O Ministerio inclúe por primeira vez un bloque que analiza as prácticas culturais na infancia (entre 0 e 14 anos). En Galicia xa coñeciamos datos semellantes por mor dun bloque sobre convivencia e hábitos familiares nunha enquisa de 2016 realizada polo Instituto Galego de Estatística. Estes novos datos reforzan a idea do exemplo que pais e nais exercen sobre os seus descendentes no que atinxe aos seus hábitos culturais. Dous terzos da poboación galega que le tiña nais e pais lectores. O mesmo sucede con aproximadamente a metade dos que van ao cine, asisten a espectáculos escénicos e musicais e visitan museos. De igual xeito, en Galicia, os proxenitores con crianzas menores de 18 anos tenden a acompañalas nas actividades culturais nunha medida parecida á do conxunto dos pais e nais españois, malia que van algo menos ao cine e un pouco máis a espectáculos escénicos e musicais.

Aproximación estatística
A redacción deste informe baséase na explotación da Enquisa de Hábitos e Prácticas Culturais en España 2018-2019, realizada polo Ministerio de Cultura e Deporte. Trátase dunha investigación dirixida a unha mostra de 16.000 persoas de 15 anos en diante residentes en España. O proxecto enmárcase no Plan Estatístico Nacional. Para Galicia fixéronse 952 entrevistas, que son as que se explotan para o presente informe.
A actividade do Observatorio da Cultura Galega
O Observatorio é un servizo dependente do Consello da Cultura Galega que pretende encher o baleiro de información existente sobre a cultura a través dun método rigoroso e estándar de recolleita de información. A produción fundamental do Observatorio é a información estatística, aínda que entre as súas funcións está a redacción de informes de tipo cualitativo e avaliativo. Todos os resultados teñen como fin último contribuír ao desenvolvemento de políticas culturais sobre unha evidencia empírica.