O Consello da Cultura Galega e o Observatorio do Patrimonio Lúdico soben á rede os xogos tradicionais

O ser humano xoga durante toda a súa vida. Sobre esta premisa o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Observatorio do Patrimonio Lúdico galego traballaron man a man nun proxecto que buscaba aproveitar as novas tecnoloxías para difundir os xogos tradicionais. O resultado é “Xogos tradicionais” unha web e unha APP (para Android e Apple) que conteñen información de medio centenar de xogos que se poñen a disposición da cidadanía. Do puño puñete á petanca, pasando pola chave, a cadeira de raíña.... son algunhas das propostas que se poden atopar no proxecto presentado esta mañá pola presidenta da institución, Rosario Álvarez; o coordinador técnico, Manuel Gago; e dous representantes das diferentes entidades que integran o Observatorio, Paco Veiga e Xosé Manuel Barreiro. Ademais, Manolo Charrancas da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, lanzou o peón máis pequeno do mundo.

O refraneiro popular afirma que “polo San Martiño peóns ao camiño”, que sinala o comezo da temporada de brinquedo. E foi a data escollida polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego para presentar este proxecto interactivo que se concreta nun espazo web e unha aplicación para dispositivos móbiles que contén a información de medio centenar de xogos populares pero que permite máis dun centenar de combinatorias. O proxecto nace coa intención de “revitalizar o seu uso para que volvan formar parte do día a día da nosa sociedade” apuntou a presidenta Rosario Álvarez. Unha idea na que tamén incidiu Paco Veiga, do Observatorio do Patrimonio Lúdico que concretou que “a idea é que nun minuto se poida poñer en práctica o xogo”.

O proxecto non é un catálogo, senón que está pensado para que os xogos poidan ser recuperados e usados. Concibido como un apoio para nais, pais e docentes que queren incorporar os ancestrais xogos da nosa cultura ao acervo familiar, para que poidan consultala con facilidade en interior e en exterior, no rural e no urbano. Pero tamén para calquera persoa, de calquera idade, que queira xogar. Outra das características do proxecto é que os xogos non están descritos, senón que se ofrece unhas mínimas indicacións para entender a esencia do xogo e unha serie de ilustracións que serven para explicar o xogo e que axudan máis que as propias fotografías. A ilustradora é Nuria Díaz (Vilagarcía de Arousa, 1982), licenciada en belas Artes que se caracteriza polo sinxelo e poético, que se move entre o tradicional e o dixital, cun traballo que mestura ambas técnicas e que se pode ver no proxecto.

Manuel Gago, responsable técnico do proxecto, apuntou na presentación que se realizará unha actualización anual e explicou a distribución interna dos contidos. Os diferentes xogos están clasificadas por "idades" (as diferentes idades da vida), por “obxectivos” (grandes categorías de xogos) e por “tipos de xogos” máis miúdos. Entre as propostas que se poden atopar nesta primeira fase do proxecto están clásicos como a pita cega, a cadeira da raíña o puño puñete e outros que necesitan dalgún instrumento. Por exemplo, na billarda ou estornela aparece descrita propoñendo darlle a un pau aguzado (a billarda) cun pau de medio metro (o alán), é dicir, o proxecto vai a amosar a esencia do xogo. A descrición suxire conseguir a habelencia necesaria para despois practicar o xogo con regras. A explicación das regras aparece en ligazóns externas. O proxecto tamén incorpora nalgúns casos vídeos, coma no xogo da zoadeira ou fungona, que explica como facela.

A aplicación de Xogos Tradicionais s pode descargarse de balde desde a App Store e desde a Play Store de Android, así como desde o sitio web xogostradicionais.consellodacultura.gal.

As entidades
O proxecto é o resultado da colaboración do Consello da Cultura Galega co Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, entidade que agrupa á Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT), a Asociación de Xogadores/as da Chave da Santiago; a Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional; o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), de Ponteceso; a Odaiko Krea, SL; o recuncho das argalladas, museo de Vilanova de Lourenzá; a Xogos Populares e Tradicionais (Santalla - A Pontenova) e a Xogos Tradicionais Muimenta (XOTRAMU), máis a unha serie de persoas a título individual (Antón Cortizas Amado, investigador dos xogos e xoguetes tradicionais; Apolinar Graña Varela, investigador da Universidade de Navarra; Carmela Sánchez Aríns, investigadora e técnica do patrimonio; Ismael Álvarez López, investigador da Universidade de Burgos; Manuela Vázquez Coto, investigadora da Universidade da Coruña). Ademais, colaborou poñendo os xogos en imaxes Antonio Ferrer Moreira, do CEP Campolongo de Pontevedra.