“Bacon e Gorky sintetizaban dalgunha maneira a problemática que eu tiña formulada: a realidade dura e lacerante que arrastramos os hispanos nas nosas entrañas e, por outra parte, un desexo ou necesidade biolóxica de romper os lazos e ataduras para libremente expresar a interioridade da alma”. Estas palabras son de Alberto Datas e nelas reflíctese o espírito que caracterizou a súa pintura. No marco do ciclo Revisando a nosa arte, diferentes expertos analizarán a traxectoria artística, vital e profesional deste xenio expresionista.
A sesión comezará cunha presentación a cargo de Manuel Quintana Martelo, coordinador da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG, e de Paula Cabaleiro, coordinadora da actividade. A continuación, desenvolverase a mesa redonda “Achegándonos á vida e obra de Alberto Datas, a través de olladas cómplices dende o comisariado, a historia da arte, a crítica e o mercado”. Moderada por Paula Cabaleiro, contará coas intervencións de Marisa Marimón, fundadora da galería homónima en 1994, cuxo catálogo de artistas inclúe a Alberto Datas; de Alberto Ruiz de Samaniego, comisario e crítico de arte, e do escritor, profesor e xestor cultural Xavier Seoane, que organizou en 2009 a mostra Alberto Datas (1935-2007) na Fundación Luís Seoane.
A figura de Alberto Datas
Nado na Coruña en 1935 e falecido en Madrid no ano 2007, Alberto Datas foi un dos máis influentes representantes da plástica galega do último século. As súas obras, nas que se aprecian as influencias de Bacon, Gorky, Basquiat ou Pollock, debuxan un artista que deconstruía o que vía ao seu redor para construír a través da expresión máis primixenia. Figura independente e cun espírito investigador e rebelde, mantivo as súas linguaxes experimentais nas marxes e buscou sempre fuxir do imposto, do establecido, de modas ou tendencias. Desenvolveu unha intensa traxectoria, na que destacan as numerosas exposicións que realizou en todo mundo, aínda que nela tamén se observan certos momentos de descontinuidade creativa.
A condición humana, a natureza e a crise da civilización contemporánea conforman os piares temáticos da súa plástica, unha pintura permeable ao momento que lle tocou vivir e na que incluso chegou a incorporar a colaxe e o graffiti. A través dela, reflectiu tamén unha maneira de sentir e de pensar(se), sempre fiel a si mesmo, aos seus ritmos e aos seus tempos, que o achegaron á vangarda europea e aos movementos do expresionismo abstracto americano.
Revisando a nosa arte
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas puxo en marcha en marzo de 2022 Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX. Isto implica afondar no Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundaron Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e que se enriqueceu nas décadas seguintes con novas poéticas e tendencias. Estas xornadas tratan de poñer en valor e reinterpretar as obras destes e doutros artistas, a súa produción e as súas traxectorias. O ciclo comezou cunha análise da figura de Carlos Maside e continuou coas de Laxeiro, Maruja Mallo, Arturo Souto, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Guillermo Monroy, Mon Vasco e Luis Borrajo.
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e ten como membros a Paula Cabaleiro, Carmen Díaz Cacheda, Miguel Fernández-Cid, Jesús Pastor, María Asunción Rodríguez, Luis Rosón, Ramón Rozas, Sofía Santos, Rosario Sarmiento, Manuel Vilariño e Lucila Yáñez.