Carlos García Martínez
Santiago de Compostela, 1945 - Santiago de Compostela, 17/3/2018Autoría: Xosé Ramón Fandiño
Prehistoriador, impulsor e director do Museo do Pobo Galego
A andaina vital que fixo de Carlos García Martínez un referente do compromiso cos alicerces e co devir do pobo galego iniciouna de moi novo, pois cando aínda era estudante universitario vinculouse á tarefa intelectual que desenvolvían os superviventes daquela xeira luminosa que constituíra o Seminario de Estudos Galegos, ao mesmo tempo que se adhería aos movementos sociais que arelaban unha Galicia nova. No Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento formouse como arqueólogo, prehistoriador e antropólogo ao carón dos mestres Fermín Bouza-Brey, Luís Monteagudo, Antonio Fraguas, etc. Impulsou a fundación do Museo do Pobo Galego, a posta en marcha do novo Seminario de Estudos Galegos, da Fundación do Pedrón de Ouro, da Fundación Castelao. Representou ao Consello Galego de Museos, do que foi presidente, no plenario do Consello da Cultura Galega. Foi tamén académico correspondente da Real Academia Galega.
Carlos García Martínez, nacido en Santiago de Compostela en 1945, licenciouse en Dereito en 1968, curso no que participará nas loitas do movemento estudantil que tentaban derrubar a longa ditadura franquista, pero o ano anterior xa ingresara na sección de Arqueoloxía e Prehistoria e máis tarde na de Etnografía e Folclore do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, do que foi secretario, bibliotecario, membro da Comisión Executiva e da Xunta de Goberno. No Padre Sarmiento, García Martínez tomou conciencia da memoria viva do galeguismo ao que serviu con total entrega como nacionalista de firmes conviccións o resto da súa vida. Iniciouse na investigación xunto aos seus compañeiros de xeración: Fernando Acuña, Carro Otero, González Reboredo, Vázquez Varela, etc., guiados da man sabia de Bouza Brey que, no primeiro aniversario da creación da sección, lles dedicou o poema «Aos mozos arqueólogos de Galiza en Compostela»:
Diante de nós albea
aquela flor remota
das orixes, da Oestrimnia e mais da Celtia,
da Galiza de outrora.
Entre os traballos de campo desta primeira etapa débense salientar os que realizou sobre a arte rupestre galega e as escavacións en necrópoles megalíticas galegas e baixorromanas no Grove, Terra de Montes, Abelleira, Roupar, Buriz, Bexo e Argalo, algunhas dirixidas por el e outras, como mostra da súa sólida formación como prehistoriador e arqueólogo, realizadas en colaboración cos prestixiosos profesores Cesare Giulio Borgna (Universidade de Turín), Estyn Evans (Universidade de Belfast), Elizabeth A. Shee (Universidade de Cork) e Carlos Alberto Ferreira de Almeida (Universidade de Porto). E son moi importantes, tamén, as súas publicacións sobre megalitismo, arte rupestre ou da cultura do vaso campaniforme.
Unha das áreas de preocupación de García Martínez foi a defensa e expansión da cultura popular galega e por iso se significou como fundador e sustento moi principal dun dos principais centros de antropoloxía e etnografía de Galicia, o Museo do Pobo Galego como institución que fose museo da identidade e lugar de memoria, no que desempeñou os cargos de secretario, subdirector e director. A creación do Museo do pobo Galego no ano 1976 respondía a unha vella aspiración do SEG, que á par do seu transcendental labor científico e cultural cobizaban crear un museo etnográfico que recollese, conservase, divulgase, defendese e promovese as manifestacións máis diversas da cultura tradicional galega e que
había ser a máis firme executoria da personalidade de Galiza, un monumento eterno ao pobo galego como criador e traballador.
Xurdido da sociedade civil nun momento en que os profundos cambios sociais, económicos e ideolóxicos poñían en perigo a pervivencia da cultura popular, o MPG naceu co propósito de ser un referente da identidade galega que, con carácter dinámico, lle mostrase aos propios galegos a cultura xerada polo pobo e aos foráneos como se foi construíndo a memoria cultural e histórica de Galicia. Os 45 anos de vida do Museo do Pobo Galego son indisociables da figura de Carlos García Martínez, que compaxinou esta dedicación xenerosa co seu traballo profesional como secretario técnico do Colexio de Arquitectos de Galicia. Este inxente labor, sempre acompañado da súa proverbial discreción, non lle deixou vagar para practicar tanto como el quixera a súa finura como escritor e publicista.
En 1999, con motivo de serlle concedido o Premio Trasalba, a Fundación Otero Pedrayo editoulle o libro De alicerces e devocións, no que en consonancia con Cuevillas e Bouza-Brey defende que
a razón de ser diste pobo estrano que quere desaparecer e non o consegue, está tan fonda, tan afundida no tempo, tan identificada coas rocas dos seus montes, coa terra dos seus vales, coa iauga do seu mar e dos seus ríos, que soilo pode perecer cando o Universo morra.
En outubro de 2018, aos poucos meses do seu pasamento, Adra, a revista das socias e socios do MPG, publicou un número especial como homenaxe a Carlos con achegas dos seus amigos e colaboradores máis próximos. E en 2020 o Museo publicou unha voluminosa colectánea que recolle un cento de artigos, que van desde os primeiros publicados nos Cuadernos de Estudios Gallegos do Instituto Padre Sarmiento ata un inédito inconcluso sobre as terras do Incio. O volume está dividido en 5 seccións: Arqueoloxía e Prehistoria, Etnografía, Biografías (especialmente as de Bouza-Brey, Antonio Fraguas, Florentino López Cuevillas, Xaquín Lorenzo, Rodríguez Fraiz…), De varia lección, Miscelánea. E o citado colofón Crónica inacabada dunha terra.
Carlos García Martínez, persoeiro de probada curiosidade intelectual e exquisito bibliófilo, malia a súa inveterada reserva aceptou ser distinguido co Premio Trasalba en 1999, Galego do Mes de Decembro de 2008 e a Insignia de Ouro do Museo do Pobo Galego en 2012. E en 2018 o Padroado do Pedrón de Ouro decidiu outorgarlle, de forma excepcional, o Pedrón de Ouro a título póstumo. Ao recibir a insignia de ouro do Museo, Carlos rematou o seu discurso de agradecemento da seguinte maneira;
Queda agora o porvir. Se os retos nestes anos foron serios e dabondo, non o serán menos os que nos agardan, e algúns de entidade a encarar dende o compromiso con Galicia: prioritario asegurar o seu financiamento; inaprazable levar a cabo a reforma do Museo, materializando o proxecto arquitectónico, museolóxico e museográfico integral, xa redactado, conveniente manter con rigor e seriedade a identidade institucional do MPG, e indispensable, posto que os anos non limitan a vida dunha institución, pero si a dos individuos, a renovación xeracional.
BIBLIOGRAFÍA
Fontes principais
García Martínez, Carlos (1999): De alicerces e devocións. Trasalba (Ourense): Fundación Otero Pedrayo.
García Martínez, Carlos (2020): Obra completa. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego.
Fontes secundarias
Sierra Rodríguez, Xosé Carlos (1999): «Carlos García Martínez, premio Trasalba 1999», Croa: boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, n.º 9.
Caamaño Suárez, Manuel (2006): «Carlos García Martínez. Premio Trasalba 1999», en Dun tempo e dun país. A Coruña: Laiovento.
Fandiño, Xosé Ramón (2018): «Carlos García Martínez: a patria enteira na memoria», El Correo Gallego, (18-03-2018).
Fernández Cerviño, María Xosé (2018): Carlos García Martínez, Pedrón de Ouro 2018. Discurso pronunciado na Casa da Matanza no acto de entrega do Pedrón de Ouro a Carlos García Martínez a título póstumo. Inédito.
Adra: Revista dos socios e socias do Museo do Pobo Galego (2018). Número especial en homenaxe a Carlos García Martínez. Santiago de Compostela.
«García Martínez, Carlos» (2003), en Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, 2ª ed. Lugo: El Progreso-Diario de Pontevedra. T. 21, p. 33
Como citar: Fandiño, Xosé Ramón : Carlos García Martínez. Publicado o 16/3/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1610. Recuperado o 16/07/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Mesa redonda «As relacións Galicia-Portugal». Ver Documento
Este documento recolle a transcrición realizada por Amancio Liñares da mesa redonda celebrada dentro do marco do I Encontro Universitario do Noroeste Peninsular celebrado na Facultade de Xeografía e Historia da USC en 1983.
O contido transcribe unha mesa redonda de outono de 1983. O artigo «As relacións Galicia-Portugal, a debate» abranguía na publicación orixinal da páxina 467/59 (non numerada) á 476/68 e contiña na páxina 471/63 unha viñeta humorística do debuxante Siro, asinada no ano 84, na que dous homes vestidos de traxe con puro nas mans ollan un para o outro, un cunha bandeiriña que di Celta pensando ¡Cascarilleiro! en alusión ao outro, e reciprocamente o segundo cunha bandeiriña que di Deportivo pensando ¡Portugués! polo primeiro. O debuxo ía co pé de foto en tipografía impresa «Relacións Galicia-Portugal». Existe a gravación sonora correspondente no ASG, Col. Amancio Liñares, signatura ANMI—XUN/98. Nótese que a intervención de Ramón Villares no inicio da versión textual non está recollida no documento sonoro.
Baixo o título «As relacións Galicia-Portugal, a debate» o artigo impreso publicouse case un ano máis tarde na revista Encrucillada n.º 40 (novembro-decembro de 1984, pp. 59-68).
Ligazóns de interese
Obituario de Carlos García Martínez publicado en Sermos Galiza
Artigo de Xosé Carlos Sierra sobre a concesión do Premio Trasalba a Carlos García Martínez, publicado na revista Croa en 1999
Sierra Rodríguez, Xosé Carlos (1999): “Carlos García Martínez, premio Trasalba 1999», en Croa: boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga. Nº 9.
Audios
Mesa redonda «As relacións Galicia-Portugal»
Artigos Carlos García Martínez
GARCíA MARTíNEZ, C. (2/1979) A herdanza do SEG: Cara a propia realidade nacional | Nosa Terra, A. (50), 8.
GARCíA MARTíNEZ, C. (3/1980) Aproximación a unha xénese da etnia galega | Nosa Terra, A. (100), 34.