Luís Rei
O Grove (Pontevedra), 1960 - Pontevedra, 9/8/2015Autoría: Emilio Xosé Insua López
Activista da cultura marítima, biógrafo de Cabanillas e de Basilio Álvarez
O primeiro deles, o do compromiso cívico e político. Desde moi novo, inicialmente da man de seu irmán máis vello Javier e logo xa coas súas particulares concepcións, tivo militancias sucesivas na Liga Comunista Revolucionaria (LCR), no Partido Socialista dos Traballadores (PST), a partir de 1983 no Bloque Nacionalista Galega (BNG, primeiro como independente e máis tarde na Corrente de Non Adscritos) e, por último, após a Asemblea de Amio (2012), en ANOVA, sen esquecermos a súa condición de delegado sindical no concello cambadés pola CIG nin a súa participación decisiva na creación do Colectivo Ecoloxista do Salnés, do que foi primeiro presidente.
Dos seus tempos aurorais de militancia, que coincidiron co bacharelato no instituto de Cambados e coa carreira de Maxisterio en Pontevedra, Luís contaba un mundo de anécdotas. En certa ocasión, combatendo a celebración dunhas xornadas de tiro ao pombo na Toxa, chegou a ser ameazado, escopeta en man, por un neto do ditador Franco. Noutra, alentou o boicot a un acto institucional diante da tumba de Cabanillas: estaba lonxe de saber entón que lle dedicaría ao persoeiro infinitas horas de investigación.
Creador dunha célula no Grove co seu amigo Moncho Meis, entre outros, axiña recibiu a correspondente
chata: Luís, o “Trotsko”. A militancia fixo del unha persoa refractaria ao dogmatismo, afeita a razoar, namorada do debate clarificador. Sería deshonesto negar que tamén lle trouxo algunha vez amarguras e desánimos, mais nunca ata o punto de lle facer arriar as súas bandeiras máis sentidas e queridas.
Estando en Madrid tratou con camaradas que se fixeron logo famosos, como o xornalista Paco Lobatón ou o actor Antonio Resines. Nun campamento do PST en San Vicente coñeceu a moza Yolanda González, que sería asasinada en 1980, con tan só 19 anos, por unha banda de extrema dereita.
Luís fixo parte da Corporación meca en varias lexislaturas e erixiuse en voceiro principal da oposición, protagonizando debates de grande altura dialéctica cos seus adversarios e forxando sona de orador incisivo e de político honesto e ben preparado.
En segundo lugar, destacou Luís pola súa faceta de técnico e programador cultural. Tras acabar a carreira de Maxisterio, o matrimonio coa súa primeira muller, Loli Arce, e o nacemento da súa primeira filla, Sabela, forzárono a procurar estabilidade. Traballou primeiro na explotación dun
chiringuitode praia, asociado co seu irmán. Andou tamén ao mar unha tempada e aínda probou a dar aulas nun colexio privado de Pontevedra. Acabou finalmente por presentarse ás oposicións a
encargado da Casa da Culturade Cambados, praza que gañou en 1987.
Neste campo, ademais de promover o primeiro agrupamento de técnicos culturais do país, o Colectivo LandRover, desenvolveu moitas iniciativas: provisión de fondos e atención á rede de bibliotecas municipais; desenvolvemento de campañas de fomento da lectura e do uso do galego; creación e atención dun Centro de Documentación Local; recuperación e edición de diversos álbums fotográficos (Cambados: dos tempos idos, en 1990 e Cambados, século XX, en 2000); programación anual de teatro para público adulto e infantil; organización cos centros educativos da celebración de efemérides como as Letras Galegas; organización de xornadas conmemorativas sobre figuras locais; comisariado de exposicións artísticas; etc.
Nel atoparon sempre outros investigadores e escritores axuda, orientación e asesoramento: Vila Fariña, Maribel Iglesias, Manuel Núñez, Xacobe Domínguez, Sindo Mosteiro, Xosé Monteagudo para a novela Todo canto fomos (2016), etc... Outro tanto fixo no Grove con Francisco Meis, Sole Rei e Antón Mascato.
Entre as iniciativas que puxo en marcha están a celebración de xornadas como Muller e Literatura (1996), Modernos e Malditos (1997) e Plácido Castro (2004). Destaca tamén a súa estreita colaboración con entidades como a Asociación de Ensinantes Candea, o colectivo A Santa Compaña, a comparsa de Entroido
Unha, Grande, Chea, o grupo Xironsa, etc. Con Fernández Rei foi responsábel do deseño e execución dos actos de todo tipo que durante 2009 constituíron en Cambados o brillante Ano Cabanillas, incluído o reparto gratuíto masivo dun Roteiro pola poesía de Ramón Cabanillas e a confección dunha Escolma poética para Faktoría K, ilustrada por Anxo Pastor.
Resulta significativo que co seu marcado perfil ideolóxico e tendo dependido de sucesivas corporacións municipais presididas por alcaldes populares, lle fosen rendidas na vila do Albariño ata dúas homenaxes en vida, en 2010 (a iniciativa do propio Concello) e en 2015 (Premio Cabanillas das librarías locais), respectivamente. Nas dúas ocasións estivo acompañado da súa segunda esposa, Rosa Reboredo, e da súa segunda filla, Sara.
Cando xa a doenza o minaba fatalmente, aínda tivo azos para participar nas presentacións que se fixeron en Cambados do documental de Antón Reixa sobre Maruxa Mallo, das traducións dos versos de Cabanillas ao xaponés (Takekazu Asaka, 2014) e ao ruso (Elena Zernova, 2014) e para conferenciar en Mondariz, presentado por Isabel G. Avión, sobre a estadía do poeta no Balneario de Peinador. Tamén importa salientar que, unha vez falecido, a Corporación Municipal de Cambados adoptou de inmediato por iniciativa do daquela concelleiro de cultura Vítor Caamaño e da entón alcaldesa socialista Fátima Abal, por unanimidade, o acordo de bautizar a Biblioteca Municipal co seu nome.
Moi vencellada a ese labor como técnico cultural está a terceira vertente salientábel da súa traxectoria, a de estudoso e investigador da cultura, da literatura e da historia, nomeadamente das vinculadas á Ría de Arousa, aínda que non só.
Luís é autor da máis brillante e completa biografía do “poeta da Raza”, Ramón Cabanillas, publicada en 2009 pola editorial Galaxia co título de Crónica de desterros e saudades. Pola súa amenidade expositiva e polo exhaustivo proceso de documentación en que se sustenta, esta obra constitúe unha referencia obrigada en calquera traballo que sobre ese autor e sobre a cultura galega do seu tempo queira escribirse. Grazas a ela; á edición facsímile que fixo con Xabier Camba dos xornais cambadeses El Umia e El Cometa (2001); á súa peza teatral Camiño longo (2004, representada pola compañía Teatro do Aquí que fundara Vidal Bolaño e que dirixía entón Belén Quintáns); a varios traballos seus publicados en revistas como Pontenorga, Cuadrante, Casa da Gramática, Grial ou A Trabe de Ouro; aos relatorios que achegou para volumes colectivos como EBA 5.0. (2009) e Faustino Santalices (2011); e, finalmente, á condición de comisario ou factótum de magnas exposicións como Ramón Cabanillas. A roseira dos recordos e Cabanillas e os artistas galegos do seu tempo, celebradas en 2009, Luís erixiuse nun dos máis entusiastas, competentes e constantes divulgadores do coñecemento do autor de No desterro. En novembro de 2014, xa moi enfermo, participou e disertou nos actos de conmemoración do 55 cabodano do poeta e tamén na homenaxe ao pintor Lino Silva.
No Museo do Paseo da Calzada cambadés, inaugurado o 3 de xuño de 2021 e cuxo fondo Vidal-Cabanillas el propio comezou a catalogar pouco antes de morrer -labor que completou logo Fernández Rei-, o seu nome ocupa, como é lóxico, un lugar preferente. O extraordinario legado documental que xuntou como investigador sobre o poeta de Fefiñáns, doado polas fillas Sabela e Sara en 2018, está tamén depositado nese Museo.
Por outra banda, Luís deitou atención á historia das dúas vilas ás que se sentiu máis unido. Nun suplemento da edición arousá do Faro de Vigo publicou por entregas «Tópicos e (pre)textos para unha historia de Cambado», posteriormente recollido no volume Farol perpetuo na néboa (2020). Tamén se recolleron nel unha charla sobre historia do Grove pronunciada na Toxa e dúas valiosas conferencias sobre a represión franquista na ría arousá. Na revista local Sustansia, con graza e rigor a partes iguais, deixou así mesmo varias achegas sobre xentes, feitos e efemérides da historia da vila en que naceu.
Ademais, en 2022, en edición de Emilio Xosé Insua, con epílogo de Fernández Rei e baixo o título de Basiliana, a produtora Lobisome tirou do prelo a biografía do líder agrarista e republicano Basilio Álvarez que Luís estaba a elaborar cando xa o cancro que finalmente o levou comezaba a lle gañar a partida. Esa biografía, incompleta e todo, coloca novamente o seu nome entre as referencias bibliográficas fundamentais para toda persoa interesada en coñecer con rigor a situación económica, social, política, literaria e cultural da Galicia de comezos do século XX.
E cabe non deixar esquecidos outros traballos, que redondean a importancia desta vertente: a participación como socio de Prolingua na presentación no Grove en 2010 de 55 mentiras sobre a lingua galega; o prólogo ao volume Mecos. A memoria dos homes (2010), editado por Patricia Arias e Antón Mascato; a colaboración coa revista de cómic Enormic Banda (2013); a conferencia «O xornal Galicia Nueva e os intelectuais galeguistas», ditada no IES Bouza-Brey de Vilagarcía en 2014 e, finalmente, a edición en 2015 na revista vilanovesa Cuadrante, en colaboración con Francisco X. Charlín, dun roteiro literario pola ría arousá da man de Valle Inclán e Cabanillas.
Finalmente, xogou un importantísimo papel no movemento de estudo, recuperación e divulgación da cultura marítima e fluvial de Galicia e do Norte de Portugal. Fillo como era dun mariñeiro que faenou nos xélidos caladoiros de Terranova e Groenlandia, mariño logo na mercante holandesa e alemá e finalmente pesco da frota de baixura meca, Ricardo Rey Naveiro, e mais da señora Esther Núñez Barral, traballadora da conserva entre 1946-1972, primeiro en Rons e logo na de Escuredo en Meloxo, máis tarde tendeira-taberneira en Terra de Porto, Luís non puido resistirse ao poderoso chamado que proviña das súas raíces de salitre, pois, en verbas de Antón Mascato,
o cheiro ao carenado das dornas, o romrom dos serróns e táboas cepilladas dos remendos nas cubertas, non lle eran alleos.
Achegado da man de Lola Varela, Dionísio Pereira e Lino Lema á Federación Galega Pola Cultura Marítima (actual Culturmar), acabada de constituír en Ribeira en 1993, axiña destacou como animador do Colectivo Etnográfico Mascato no Salnés e como integrante das sucesivas equipas directivas e técnicas da propia Culturmar.
Luís deseñou paneis, dípticos divulgativos e roteiros marítimos polas Rías Baixas. Ideou e foi comisario de exposicións e pavillóns para que a presenza dos barcos da Galicia tivese verdadeiro impacto en citas internacionais como as que se celebraron nos portos bretóns de Douarnenez (2004) e Brest (2008), con títulos como O mar, o barco e mais nós (2003), Patrimonio do vento e do sal (2007) e Galice08Brest (2008). Levou o peso da organización do VII Encontro de Embarcacións Tradicionais, celebrado en Cambados en 2005, e puxo o seu experto quiñón en moitos outros Encontros anteriores e posteriores. Escribiu artigos de temática mareira en revistas como A Cruxía e Real Club Náutico de Vigo, entre outras, e dirixiu entre 2004-2013 a revista Ardentía, editada por Culturmar, probabelmente unha das mellores publicacións sobre a súa materia que teñan existido.
Ademais, colaborou no volume Tendendo cabos (2007), editado polo Museo do Mar de Vigo, e mais no documental Cadernas da historia. Arte e oficio da dorna, de Vítor Gallego e Bruno Ordóñez. Prologou o álbum titulado Os galeóns da Arousa (1996), con texto de Dionísio Pereira e ilustracións de Pepe Gondar. Deu conferencias en incontábeis localidades sobre historia mariñeira, tipos de embarcacións, patrimonio ribeirán construído, actividades marisqueiras, industria conserveira, o mar como espazo para o lecer, a propia historia de Culturmar... E coordinou os traballos para a realización desa pequena enciclopedia do mar galego que foi a Axenda do Mar 2008.
En recoñecemento a todo ese labor e como homenaxe póstuma, a citada Culturmar editou en 2020, en plena pandemia da COVID, un volume co título de Farol perpetuo na néboa. Luís Rei e a cultura marítima, en edición preparada por Francisco Fernández Rei e Emilio Xosé Insua. Nese volume aparecen reunidos multitude de artigos, ensaios, propostas de traballo, proxectos expositivos, entrevistas, fotografías e outros materiais de diversa índole que deixan patente que Luís é un dos nomes máis relevantes á hora de entender como Galicia é desde o ano de 1993 un dos lugares de Europa onde o movemento da cultura marítima está máis vivo e ten máis forza que en ningures.
O volume titulado Luís Rei. Crónica de traballos e amizades, escrito por varios dos seus moitos amigos e amigas, ofrece moitos outros detalles do retrato humano e do perfil intelectual e público de Luís Rei que reforzan este provisorio catálogo de méritos aquí só esbozado. Luís foi, en derradeira instancia, en palabras do escritor Ramón Caride,
unha curiosa mestura de erudito á vella usanza e axitador cultural, cun toque de dandismo mariñeiro, ou, como anotou o seu bo amigo Antón Mascato:
Un larapeto ilustrado, metade acedo limón, metade marmelo en folla de lata. Iso na boca, que o corazón tíñao de manteiga, por moito que se emperrenchara en ocultalo, poñéndoo en modo pandullo.
Bibliografía
Bibliografía primaria
Rei, Luís (1996): «O conflicto da praia da Lanzada», Cerna, Santiago de Compostela: ADEGA, 17 (1996)
Rei, Luís (1999): «O ano do cometa de Ramón Cabanillas», A Nosa Terra, Vigo, 908 (11 de novembro), 29.
Rei, (2000): «Cabanillas en Cambados: a forxa dun poeta", en Pontenerga. Revista de Estudios Sociolingüísticos, Deputación Prov. de Pontevedra, nº 2, pp. 33-52.
Rei, Luís e Camba, Xabier (2001). ‘El Umia’. ‘El Cometa’. Ramón Cabanillas, xornalista cambadés, Concello de Cambados. Edición facsímile.
Rei, Luís (2004): Camiño longo. Antre as roseiras de Cabanillas. Peza teatral representada pola compañía Teatro do Aquí e inédita [consérvanse rascuños orixinais no Fondo Luís Rei do Museo Ramón Cabanillas de Cambados].
Rei, Luís (2006): «Ramón Cabanillas. A disidencia republicana, I», A Trabe de ouro, 67 (xullo-setembro), 301-321.
Rei, Luís (2006): «Ramón Cabanillas. A disidencia republicana, e II», A Trabe de ouro, 68 (outubro-decembro), 505-520.
Rei, Luís (2009): «Cabanillas, o 25 de xullo e o asunto xacobeo», Casa da Gramática. Especial Papel de Color. Ramón Cabanillas, IES Virxe do Mar de Noia, núm. 33.
Rei, Luís (2009): Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Vigo: Galaxia.
Rei, Luís (2009): «Ramón Cabanillas na Catedral da Arte». En Cabanillas, Ramón (2009): Cabanillas e os artistas galegos do seu tempo. Catálogo. Pontevedra: Museo de Pontevedra.
Rei, Luís (2009): «A Obra Completa de Ramón Cabanillas. Outro cincuentenario das angueiras de Blanco Amor». En VV.AA. (2009): EBA 5.0. O universo de Eduardo Blanco Amor 50 anos despois de ‘A Esmorga’. Ourense: Difusora de Artes, Letras e Ideas; 89-102.
Rei, Luís (2010): «O que non se foi co vento». En Arias Chachero, P. e Mascato, A. (2010): Mecos. A memoria dos homes. O Grove: EDNL do IES As Bizocas.
Rei, Luís (2010): «Non é en honor do Patrón (sobre as orixes e antecedentes do Día Nacional de Galiza)”, A Trabe de ouro, Compostela, 82, (abril-xuño), 223-235.
Rei, Luís (2010): «Cinco poemas pouco coñecidos de Ramón Cabanillas», Grial, Vigo, 185 (xaneiro-marzo), 124-127.
Rei, Luís (2011): «Faustino Santalices e Ramón Cabanillas, dúas almas xemelgas». En VV.AA. (2011): Congreso Faustino Santalices. Ciencia da gaita, consciencia da zanfona. Tradición musical galega. Ourense: Difusora de Artes, Letras e Ideas; 55-69.
Rei, Luís (2013): «Diatriba contra Goliath», Enormic Banda, Coordinadora de EDNL do Salnés.
Rei, Luís e Charlín, Francisco Xavier (2015): «Roteiro literario. A Ría de Arousa na literatura: viaxe ao Salnés de Valle-Inclán e Cabanillas», Cuadrante, Vilanova de Arousa, 30:180-220.
Rei, Luís (2020): Farol perpetuo na néboa. Luís Rei e a cultura marítima. Santiago de Compostela: Culturmar (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial). Edición de Emilio Xosé Insua e Francisco Fernández Rei.
Rei, Luís (2022): Basiliana. Materiais para unha biografía de Basilio Álvarez que ficou inconclusa. Cambados: Lobisome Producións. Edición de Emilio Xosé Insua; epílogo de Francisco Fernández Rei.
Bibliografía secundaria
Fernández Rei, F. (2001): «Xabier Camba e Luís Rei (eds.): El Umia. El Cometa. Ramón Cabanillas, xornalista cambadés», A Trabe de Ouro, Santiago de Compostela, 48, (outubro-decembro), 525-528.
Fernández Rei, F. (2009): «Os desterros e as saudades de Cabanillas segundo Luís Rei». En Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa. Vigo: Xerais, 2015; 111-113.
Fernández Rei, F. (2015): «Luís Rei, luz que fulgura na néboa», A Trabe de Ouro, 104 (outubro-decembro), 173-178.
Fernández Rei, F. (2017): «A nova singradura de Ardentía, co patrón Luís Rei no leme», Nova Ardentía, 9:7-8. [accesíbel en https://culturmar.org/publicacion/nova-ardentia-9]
Fernández Rei, F. (2019): «Notas sobre o Legado familiar Ramón Cabanillas», Cen Follas de Artes e Letras, Cambados, 1: 16-26.
Fernández Rei, F. (2020): «Luís Rei, o activista cultural que segue a fulgurar na néboa», Cen Follas de Artes e Letras, Cambados, 2:91-98.
Fernández Rei, F. (2021): «Inauguración do Museo Ramón Cabanillas Poeta Galego», A Trabe de Ouro, Compostela, 118 (setembro-decembro), 167-174.
Fernández Rei, F. (2022): «Basilio Álvarez, Ramón Cabanillas e Basiliana de Luís Rei», O Umia, Asociación de Amig@s de Fefiñáns, 7 (xullo-decembro), 36-43.
Insua, Emilio X. (2009): «Un Cabanillas por fin completo e coñecido», A Trabe de Ouro, Compostela, 79 (xullo-setembro), 457-462.
Insua, Emilio X. (2015): Texto lido na entrega a Luís Rei do XII Premio Ramón Cabanillas (Cambados, 16 de maio de 2015). Accesíbel en http://ainsuadoinsua.blogspot.com/2015/05/na-entrega-luis-rei-do-xii-premio-ramon.html.
Insua, Emilio X. (2015): «Na morte de Luís Rei» [accesíbel en http://ainsuadoinsua.blogspot.com/2015/08/na-morte-de-luis-rei.html]
Insua, Emilio Xosé (2017): «Luís Rei e a revista Ardentía: unha experiencia impagábel de divulgación da nosa cultura marítima e fluvial», Nova Ardentía, 9:9-17. [accesíbel en https://culturmar.org/publicacion/nova-ardentia-9]
Insua, Emilio Xosé (2020): «O legado documental de Luís Rei», Cen Follas de Artes e Letras, Cambados, 2:85-89.
López, Cristian (2015): «Luís Rei, un activista xeneroso pola cultura do país», Sermos Galiza, 161 (3 de setembro), 35.
Mascato, Antón (2021): «Luís Rei, memoria do faro que alumea», Aunios, O Grove: Asociación Cultural Pineiróns , 26:19-22. [accesíbel en http://bueu.esy.es/Revistas/Aunios/26/05-Luis-Mascato.pdf]
Mosteiro, Sindo (2015): «Leva a dorna, patrón; leva a dorna, Luís, polo río abaixo» [accesíbel en https://flic.kr/p/wUmxoh]
VV.AA. (2020): Luís Rei. Crónica de traballos e amizades. Lobisome Producións, 2ª ed. (1ª ed., 2015).
Vidal Cabanillas, Pitusa (2021): «Eu xa cheguei onde tiña que ir. Na inauguración do Museo Ramón Cabanillas», A Trabe de Ouro, 118 (setembro-decembro), 161-165.
Como citar: Insua López, Emilio Xosé : Luís Rei. Publicado o 20/12/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=26925. Recuperado o 19/04/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Capa da publicación Farol perpetuo na néboa. Culturmar, 2020. Ver Documento
Fonte: REI, Luís: Farol perpetuo na néboa. Edición de Emilio Xosé Insua e Francisco Fernández Rei. Culturmar, 2020.
Cinco poemas de Ramón Cabanillas, por Luís Rei. Ver Documento. Artigo
Rei, Luís: «Cinco poemas pouco coñecidos de Ramón Cabanillas», Grial, 185 (xaneiro-marzo de 2010), 124-127.
Fonte: Grial. Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Dous artigos de Luís Rei no número 5 da revista Ardentía. Ver Documento. Artigo
Rei, Luís: «A Atalaia», Ardentía: revista galega de cultura marítima e fluvial, 5 (2009), 6; «Sobre o leste duro e outros ventos mareiros. (Bolinando no mar de Cabanillas)», 5 : 78-83.
Fonte: https://culturmar.org/publicacion/ardentia-5/ [Descarga: 2022-12-12]
Cuberta e contracuberta do libro de Luís Rei Crónica de desterros e saudades. Galaxia, 2009. Ver Documento
Fonte: REI, Luis: Crónica de desterros e saudades. Vigo: Galaxia, 2009. (Memoria; 23).
Primeira entrega do ensaio de Luís Rei «Ramón Cabanillas: a disidencia republicana», publicado na revista A Trabe de Ouro. Ver Documento. Artigo
Rei, Luís: «Ramón Cabanillas: a disidencia republicana (I)», A trabe de ouro, 67 (xullo-setembro de 2006), 301-321.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Segunda entrega do ensaio de Luís Rei «Ramón Cabanillas: a disidencia republicana», publicado na revista A Trabe de Ouro. Ver Documento. Artigo
Rei, Luís: «Ramón Cabanillas: a disidencia republicana (II)», A trabe de ouro, 68 (outubro-decembro de 2006), 505-320.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Emilio Insua sobre a relación de Luís Rei e a revista Ardentía. Ver Documento. Artigo
Insua, Emilio Xosé: «Luís Rei e a revista Ardentía: unha experiencia impagábel de divulgación da nosa cultura marítima e luvial», Nova Ardentía: revista galega de cultura marítima e fluvial, 9 (2017), 9-17.
Fonte: https://dialnet.unirioja.es/servlet/revista?codigo=26626 [Descarga: 2022-12-12]
Luís Rei e a revista Ardentía, por Francisco Fernández Rei. Ver Documento. Artigo
Fernández Rei, Francisco: «A nova singradura de Ardentía, co patrón Luís Rei no leme», Nova Ardentía: revista galega de cultura marítima e fluvial, 9 (2017), 7-8.
Fonte: https://culturmar.org/publicacion/nova-ardentia-9/ [Descarga: 2022-12-12]
Lembranza de Luís por Francisco Fernández Rei, na revista A trabe de ouro. Ver Documento. Artigo
Fernández Rei, Francisco: «A nova singradura de Ardentía, co patrón Luís Rei no leme», A trabe de ouro, 104 (outubro-decembro de 2015), 485-490.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Sobre a publicación El Umia, El Cometa. Ramón Cabanillas, xornalista cambadés, editada por Luís Rei e Xabier Camba. Ver Documento. Artigo
Fernández Rei, Francisco: «Xabier Camba e Luuís Rei (eds.): El Umia, El Cometa. Ramón Cabanillas, xornalista cambadés», A trabe de ouro, 84 (outubro-decembro de 2001), 525-528.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Ligazóns de interese
Intervención de Emilio Xosé Insua no acto de homenaxe a Luís Rei organizado polo BNG do Grove. Agosto de 2022
Fonte: http://ainsuadoinsua.blogspot.com/2022/08/intervencion-na-homenaxe-luis-rei.html [Consulta: 2022-11-03]
Memoria de Luís Rei, por Antón Mascato
Mascato, Antón: «Luís Rei, memoria do faro que alumea», Aunios, O Grove: Asociación Cultural Pineiróns , 26 (2021), 19-22.
Fonte: http://bueu.esy.es/Revistas/Aunios/26/05-Luis-Mascato.pdf [Consulta: 2022-11-03]
Nova na web de Cultumar sobre a edición do volume recompilatorio Farol perpetuo na néboa. Luís Rei e a cultura marítima. 2020
Fonte: https://culturmar.org/noticia/culturmar-edita-un-libro-cos-traballos-de-luis-rei-sobre-cultura-maritima/ [Consulta: 2022-10-02]
Luís Rei en crebas.gal de Miro Villar
, Miro: «Unha obrigada lembranza do amigo grovense Luís Rei Ñúñez», crebas.gal, ( 7 de setembro de 2015)
Fonte: http://crebas.gal/?p=5702 [Consulta: 2022-12-12]
Caderno de poesías escrito por Emilio Xosé Insua no primeiro cabodano de Luís Rei. 2016
Fonte: http://ainsuadoinsua.blogspot.com/2016/08/no-primeiro-cabodano-de-luis-rei.html [Consulta: 2022-11-02]
Derradeira entrevista de Luís Rei, feita por Rosa Estévez. 10 de agosto de 2015
Estévez, Rosa: «A derradeira entrevista:
Fonte: La Voz de Galicia.A miña é unha historia de puras circunstancias», La Voz de Galicia, (10 de agosto de 2015)
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/o-grove/2015/05/17/mina-e-unha-historia-puras-circunstancias/0003_201505A17C7991.htm [Consulta: 2022-11-02]
«Luís Rei, un loitador que nos deixou»: nova da morte de Luís Rei en Praza Pública. 10 de agosto de 2015
Fonte: https://praza.gal/cultura/luis-rei-un-loitador-que-nos-deixou [Consulta: 2022-11-02]
Entrega do premio Ramón Cabanillas a Luís Rei
,Emilio Xosé: «Na entrega a Luís Rei do XII Premio Ramón Cabanillas en Cambados», A insua do Insua: Blog persoal de Emilio Xosé Ínsua, ( 17 de maio de 2015)
Fonte: http://ainsuadoinsua.blogspot.com/2015/05/na-entrega-luis-rei-do-xii-premio-ramon.html [Consulta: 2022-12-12]
Entrevista con Luís Rei na web cambados(tk). Abril de 2010
Fonte: https://cambadostk.wordpress.com/2010/11/09/entrevista-a-luis-rei-para-o-despregable-23/ [Consulta: 2022-10-02]
Acceso online a Ardentía: Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial
Fonte: https://culturmar.org/tipo-de-publicacion/ardentia/ [Consulta: 2022-11-02]
Sindo Mosteiro lembra a Luís Rei
Mosteiro, Sindo (2015): «Leva a dorna, patrón; leva a dorna, Luís, polo río abaixo», (agosto de 2015). Accesible en https://flic.kr/p/wUmxoh.
Fonte: https://www.flickr.com/photos/sindomosteiro/20283168648/ [Consulta: 2022-11-03]
Videos
Vídeo da canle de TV Rías Baixas dando nova da entrega ao concello de Cambados do legado de Luís Rei por parte da súa familia. 26 de decembro de 2018
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=E6tgmPpsaw8 [Consulta: 2022-12-03]
Acto de despedida de Luís Rei
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=N85zR__0XBg [Consulta: 2022-12-12]
Francisco Fernández del Riego, Francisco Fernández Rei e Luís Rei conversan do domicilio de don Paco en Vigo.
O encontro, gravado por Malores Villanueva, tivo lugar en 2009, ano en que o concello de Cambados celebrou o Ano Cabanillas. O encontro produciuse con motivo de lle entregar a Fernández de Riego unha peza escultórica feita por Lucas Míguez por ser unha das dúas persoas (el e Alonso Montero) que editaran a Obra Completa de Cabanillas.
Fonte: Vídeo facilitado por Emilio Xosé Insua
https://www.youtube.com/watch?v=QsURXk3Ovv8&ab_channel=ConsellodaCulturaGalega