Carta de Piñeiro a Seoane. 1961 | epístola | Consello da Cultura Galega
epístola

Carta de Piñeiro a Seoane. 1961

Luís Seoane (Destinatario/a) · Xosé María Álvarez Blázquez (Mencionado/a) · Enrique Canito Barrera (Mencionado/a) · Álvaro Cunqueiro (Mencionado/a) · Rafael Dieste (Mencionado/a) · Francisco Fernández del Riego (Mencionado/a) · Celso Emilio Ferreiro Míguez (Mencionado/a) · Aquilino Iglesia Alvariño (Mencionado/a) · Isabel López García (Mencionado/a) · Maruxa Seoane (Mencionado/a) · Ramón Piñeiro López (Remitente)
04/09/1961
O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Descargar PDF
Compostela, 4-IX-61

Querido Luis:

Chegamos hai dous dias de Asturias, pois Isabel é de Xixón e sempre pasamos alí parte das vacacións. O mes de agosto repartímolo entre Coruxo, Láncara, Xixón e Castropol. Por eso non puiden recibir e atender o teu amigo Jacobo Kogan, que veu a Compostela coincidindo coa nosa ausencia. Pasou igual con Canito, o direitor de Ínsula, e con un profesor brasileiro. Sinto de veras non lle ter podido amostrar Compostela ó profesor Kogan. Tódolos anos nos ocurre o mesmo, por ser o mes de Agosto de moita afluencia de forasteiros.
O de Aquilino foi abraiante. Il sentíase algo froxo de saúde, pro era debido á sua vella e descoidada diabetes. Aquiles dias andivo normalmente con uns i outros. O mesmo dia que morreu fixo vida normal e tiña un taxi agardando pra saír de viaxe cando se sentíu mal. Un súpeto infarto de miocardio estranguloulle o folgo en poucos minutos. Eiquí tivo resoanza a sua morte e veu xente de toda Galicia ó enterro. Eu estaba en Vigo e viñen co Cunqueiro, o Paco, o Ferreiro e mailo Alvarez Blázquez. Pouquiños dias antes estiveramos falando longamente no Instituto P. Sarmiento do seu Diccionario e dos problemas ortográficos do galego. Tamén falamos da sua saúde, pro non lle notei desalento. Pola contra, mostrábase disposto a se someter a un tratamento serio. E faloume dunha idea que íl tiña pra facéremos unha escursión de varios dias por Galicia. Foi unha pena que morrese tan prematuramente. Aínda tiña moito que facer na nosa cultura.
Dixéronme que estivo eiquí Rafael Dieste e que marchou a Extremadura e Madrid. Tamén lín nun xornal atrasado que se puxera A Fiestra valdeira en Rianxo. Eiquí, na Coruña e mais en Vilagarcía púxose Os vellos non deben de namorarse. Acudíu moita xente nos tres sitios.
Moitos saúdos nosos a Maruja e de Isabel pra tí. Unha aperta moi forte do teu amigo

Ramón
Tipo de material
epístola
Data
04/09/1961
Medidas
Publicacións
Entidades
Mención: Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento
Localizacións
orixe: Santiago de Compostela
destino: Bos Aires
Ficha descritiva
[Carta manuscrita]
Localización física
Fundación Luis Seoane