Material
Historias de ida e volta
Memoria e voces femininas da diáspora galega
Maruxa Seoane, compañeira de vida e obra de Luís Seoane, 1962

Detalle
María Elvira Fernández López era coñecida por todos como Maruxa Seoane. Ela viviu sempre á beira do gran pintor e intelectual galego Luís Seoane, acompañándoo en todas as vicisitudes vitais polas que tiveron que pasar e apoiándoo en todas as súas iniciativas. Xuntos no exilio e xuntos no retorno ata a morte do artista.Grazas ao seu empeño, en Galicia podemos contar e gozar da Fundación Luís Seoane, que se encarga de difundir e preservar a obra do xenial artista. Ela mesma se ocupou de recuperar gran parte dos seus cadros e debuxos e traelos a Galicia para todos os galegos e galegas.
Foron mozos desde que eran moi cativos e sempre estivo ao seu carón. Mesmo cando, tras o estalido da Guerra Civil, Seoane tivo que fuxir a Arxentina, ela toma, pouco despois, o camiño do exilio para reunirse con el e tan pronto chega a porto casan para que as autoridades arxentinas permitan a súa entrada no país. Pasa a ser unha ama de casa dilixente e unha excelente anfitrioa para os seus numerosos amigos e colegas, así como a súa asistente no seu traballo como pintor, a súa axudante e mecanógrafa... e tamén colaborou activamente na edición da revista Galicia Emigrante, onde se encargou das seccións de “Gastronomía”, “Moreas de Humor” e “A Ramallada Florida” (dedicada á cultura popular galega, cantigas, refráns, trabalinguas...). Foi, así mesmo, unha presenza constante e participativa nas actividades culturais e sociais da colectividade.