Carta de Seoane a Dónega. 1978 | epístola | Consello da Cultura Galega
epístola

Carta de Seoane a Dónega. 1978

Marino Dónega (Destinatario/a) · Isaac Díaz Pardo (Mencionado/a) · Rafael Dieste (Mencionado/a) · Fernando Dónega (Mencionado/a) · Domingo García-Sabell (Mencionado/a) · Ramón Piñeiro López (Mencionado/a) · Edgar Allan Poe (Mencionado/a) · Antonio Rosón (Mencionado/a) · Fernanda Sández Figueiras (Mencionado/a) · Maruxa Seoane (Mencionado/a) · Diego Velázquez (Mencionado/a) · Luís Seoane (Remitente)
05/04/1978
O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Descargar PDF
Buenos Aires, 5 de Abril de 1978

Sr. D. Marino Dónega
A Coruña

Querido Dónega:

Recibimos a tua carta do 7 de Marzal. Enchéunos de contento o recibila, e de ter noticias vosas e de algúns amigos. Nos estamos preguiceiros para escribir cartas e xa matinamos con ledicia nas respostas que recibiremos con novas noticias. Alegréime moito do ingreso dos novos académicos, pois os tres, por distintas razóns, merecen a designación. Tiven noticias da designación de Rosón para Presidente da Xunta de Galicia e perdín xa calquer clase de fe no porvir desta. Sempre pensei que os parlamentarios galegos, por moi romos que fosen, serían capaces de xunguirse para designar unha persoalidade do seu país. García Sabell ou Ramón Piñeiro tiñan de ser, ó meu xuicio, os candidatos mais claros, entre os poucos que pode contar a Galicia de hoxe, con unha conducta de moitos anos ao servicio dos ideales galeguistas. Alegreime tamén da noticia de que de vez en cando ves a Dieste, tan xenerosamente comunicativo do seu grande talento e intuición. Cando chegou a Buenos Aires deslumbróu ao público dunha sociedade cultural de aqueles anos, polo 1939 ou 1940, coas suas conferencias encol de Velázquez e Edgar Poe. O análisis da pintura de un e o desmiuzamento de técnica narrativa de Poe, foi extraordinaria. Causou sorpresa, como anos mais tarde a que pronuncióu encol da laboura das Misións Pedagóxicas durante os anos da República. Dieste é un dos mais grandes exemplos do inxenio galego, e, tamén o é da disipación dese talento en conversas con amigos e tertulias. Moita xente débelle moito. Moitos que hoxe trunfan en Madrid ou en México, ou en Buenos Aires. Un dos seus grandes méritos é a xenerosidade. Estimulóu a moita xente para que escribisen ou pintasen. Débenlle moito os pintores, mais tamén bastante os escritores dos que foi amigo.

De Isaac non sei nada dende fai un mes aproximadamente. Debe estar moi ocupado. Eu estou matinando publicar unha nova revista semestral, Cuco Rei que siga a de seis páxinas feita xa fai moito.

Cóntame do viaxe a Salamanca e dime si pode haber convivencia en España de culturas.

Unha gran aperta para Fernanda, Milagro e Fernando, e para tí de Maruxa e miña:
Tipo de material
epístola
Data
05/04/1978
Medidas
Publicacións
Localizacións
orixe: Bos Aires
destino: A Coruña
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]
Localización física
Fundación Luis Seoane