Material
Historias de ida e volta
O galeguismo en América
Homenaxe de Eduardo Blanco-Amor a Rosalía de Castro, Santiago de Compostela, 1929
Detalle
Eduardo Blanco-Amor foi un dos galeguistas máis activos da emigración en espallar o ideario autonomista e de defensa da cultura galega. En Bos Aires destaca o seu labor xornalístico na prensa étnica, pois dirixiu en diferentes etapas o xornal El Despertar Gallego (1921), a revista Terra (1923), a revista Céltiga (1924), a revista Galicia, voceiro do Centro Galego de Bos Aires, ou o xornal Galicia da Federación de Sociedades Gallegas (FSG), entre outros. En 1926 comezou a colaborar no diario arxentino La Nación, de gran prestixio no país. En 1929 foi nomeado correspondente deste xornal en España, posto que exerceu ata 1931. Durante este período visitou Galicia en numerosas ocasións e coñece a Castelao e outros líderes nacionalistas; a través deles establece unha intensa relación co Partido Galeguista e co grupo Nós.Na imaxe vemos a Blanco-Amor posando diante do mausoleo de Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa de San Domingos de Bonaval. Este panteón fora financiado coas remesas da colonia galega de Cuba e da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Visita o lugar como homenaxe á poeta galega, un dos referentes culturais do pobo galego e símbolo da colectividade de alén mar. Grande orador, Blanco-Amor dará un mitin de propaganda galeguista diante da súa escultura erixida no parque da Alameda de Santiago.


