Onde aplaque a marea
Autoría: Rosalía Fernández Rial
Recitador/a: Rosalía Fernández Rial
Desde o cadaleito da praia
que desembarcou, resignada,
o meu corpo abrente,
zurzo o reflexo do noso ronsel terreal
nos sucos glaciares dos cirros.
Boca arriba aparento fumar
os retallos do éxodo,
exhalando rabuñadas xélidas
ante o espello da atmosfera.
Neboenta, induzo
que cada celeste cicatriz
é o curso dun tombo migrante.
Quixera izar o mastro aguzado das mamilas
e urdir, torreira, os lampexos
dunha Vía Láctea que te abrigue.
Vou erixir un berce
coas crebas do meu naufraxio
e arrolarte entre as raíces do teu pobo no canto,
para que da miña morte ti nazas:
Onde
neve nosa fundida caia.
Onde
aplaque a marea
o noso longo desexo inédito.
Que lugar
Autoría: Xela Arias
Recitador/a: Rosalía Fernández Rial
Onde
neve nosa fundida caia.
Onde
aplaque a marea
o noso longo desexo inédito.
Onde
subámo-la uva
encerellada dos ritos o corpo.
Será un fondo de mar de espanto rubio
cos rubís tremendos de sangue e leitos.
¿Haberá lugar de serpe tan branco,
entón, que rexistre a nosa ausencia?
De Dorna,11 (1987)




