Na xanela desde marzo
Autoría: Míriam Ferradáns
Recitador/a: Míriam Ferradáns
Na xanela desde marzo
penso en contarche que xa non trazo plans
que resolvan enigmas imposibles
agás algunha raia esgrevia e soa
nun recanto da noite impenetrable.
Esquivo compromisos e traxectos
e procuro un lugar no que dicir
non ou si ou nada.
Nas cítaras cigarras desta aldea
paso lista aos paxaros enfermiza
e aprendo compulsiva cantos e costumes.
Mais non deixo que me leve o abandono
a ese nó de nomes que se ausentan
espanto o fume cun soprido impertinente
mentres deito sutilmente contra o mundo
este corpo esvaído e desnortado.
Entra o aire pola raia que separa
o instante do momento escurecido
desta fiestra aberta desde marzo
mentres me paro a contarche sen cortinas
que me importas.
Na xanela desde abril
Autoría: Xela Arias
Recitador/a: Míriam Ferradáns
na xanela desde abril
penso en contarche que me deprime o vento nos salgueiros
poeirentos das alamedas...
¡e xa non me magoan os fumes nas luzadas das noites
nos seos
dos focos
iluminando seráns de desavenencias!
desapercívote
abril esgrevio
clímax de clínica me semella o teu ardor
nun xornal perdido
pasando na balaustrada das estacións
vivo ou morto
interiorizo constelacións
vércome nas claraboias das cítaras cigarras na cidade
hai un son ó chou
un chiar de pardaos e verderolo verde
e un ánimo venenoso cara ó abandono
acordo non adxudica-la adversidade
á noitiña palpo o narcótico do nariz
son un nó de verbos dos novelos dos nomes
corro as cortinas saio
adiántome á chegada
desaparezo nos óleos aneonados
e non me importas
De A Nosa Terra (17/05/1984)




