A rabia
Autoría: Gonzalo Hermo
Recitador/a: Gonzalo Hermo
Nos baixos do mar había un mundo de area e bechos que non coñecerás.
Xela Arias
As pedras que tiramos aquel verán de 2008
están aínda na auga.
Idéntico o ceo que nos viu guindarllas con carraxe ao mar,
como se algo de nós se arrizase con elas.
Repara na lúa, no seu fulgor controlado (amarelo sulfuroso, sen resío:)
a mesma gasa de luz abeirando a noite,
o mesmo arreguizo no sangue cando de súpeto amence.
Volveremos ao mesmo lugar con idéntica rabia.
O momento é agora.
II. Monólogo adicto
Autoría: Xela Arias
Recitador/a: Gonzalo Hermo
Non teño desexos. Todo para nada e pronto. Por un paquete de cigarros e unha palabra amable cambio. O resto da miña vida. Todo para nada e pronto o que me resta. Sei que non teño desexos. Recréome na propia suor. Alivia o pudor con que miráde-los ollos perdidos nas miñas cellas caídas. Todo para nada. O que me resta. Esa teoría non te salva da incompetencia. Por un paquete de cigarros… a auga do mar cando me afoga son brazos de rúas que cruzan cidades. Non ter un desexo. Vou vestido e canso de bracear paso e déixome baixar. Nos baixos do mar había un mundo de area e bechos que non coñecerás. De Tigres coma cabalos




