Xosé Filgueira Valverde
Voces centenarias
Unha ampla mostra sonora da erudición do intelectual pontevedrés.
A figura de Xosé Filgueira Valverde abrangue unha prolífica vida cultural e política. Pero, sen dúbida, a súa inmensa entrega ao Museo de Pontevedra é o seu proxecto vital. Os fondos sonoros conservados no Arquivo Sonoro de Galicia dan boa conta da figura erudita do intelectual pontevedrés. A súa ampla bagaxe intelectual percorre todos os temas, dende a lírica medieval ata o folclore. A súa dedicación entusiasta e incansable cara a Galicia é indispensable para o noso presente.
Álvaro Cunqueiro, poeta
A Fundación Caixa Galicia de Ferrol organiza, en maio de 1981, unha homenaxe a Álvaro Cunqueiro, falecido en febreiro dese ano. Filgueira Valverde é un dos relatores convidados non só polo seu amplo coñecemento da literatura galega senón tamén pola estreita amizade entre ambos os escritores. O sentimento pola perda e a erudición traspasan toda a conferencia titulada “Álvaro Cunqueiro, poeta”.
Duración: 47'31''
Sinatura: NCFE-0155.
Fondo:Colección Afundación. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG
Acibecharía compostelá
O 28 de abril de 1966, o Círculo das Artes de Lugo organiza o IX Curso Universitario de Primavera e convida a Xosé Filgueira Valverde para que pronuncie a conferencia titulada “Acibecharía compostelá”. Nela diserta, coa súa profunda sabedoría, sobre as calidades do acibeche e os seus distintos empregos. Fai fincapé no significado da concha de viera e o seu vencello co Camiño de Santiago.
Duración: 58'40''
Sinatura: CALU—XUN/20.
Fondo: Colección Círculo das Artes de Lugo. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG
O folclore galego e o seu calendario
A Asociación Folclórica e Cultural Terra Meiga de Ferrol coorganiza con Caixa Galicia de Ferrol, en 1985, o 1º Ciclo de folclore e etnografías galegas. Un dos primeiros convidados é o profesor Filgueira Valverde, profundo coñecedor das festas tradicionais e os ritos do pobo galego. “O folclore galego e o seu calendario” é o titulo da conferencia pronunciada o 11 de xaneiro.
Duración: 1h 01'39''
Sinatura: NCFE_0449
Fondo: Colección Afundación. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG


