Maruxa Boga
Voces centenarias
Unha das voces emblemáticas da radiofonía galega na Arxentina.
A xornalista e actriz Maruxa Boga, arxentina de nacemento, exemplifica coma ninguén a defensa e o traballo pola identidade galega nun contorno urbano e cosmopolita como Bos Aires. Dende a súa participación en numerosas pezas teatrais dos nosos dramaturgos ou a través de distintos programas radiofónicos ‒acompañada doutros nomes da colectividade galega‒, traballa teimosamente na reafirmación dos sinais identitarios galegos.O Arquivo Sonoro de Galicia mostra, deseguido, en tres documentos sonoros, a versatilidade e a firmeza de Maruxa Boga nesta tarefa.
Un recital poético
En maio de 1980, o Centro Galego de Bos Aires celebra o Día das Letras Galegas, dedicado a Afonso X o Sabio. Neste acto participa Maruxa Boga cun pequeno recital poético no que a súa intensidade e enerxía interpretativa nos versos de Avelino Díaz, Ramón Rey Baltar, Rosalía de Castro e mais no seu parlamento de Pimpinela de Os vellos non deben namorarse de Castelao alborozan o público asistente.
Duración: 18'02''
Sinatura: COPA—CON/228.
Fondo: Colección Pampillón. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.
Galegos na Arxentina
Maruxa Boga, xunto con Alfredo Aróstegui, pon en marcha, entre 1945 e 1984, o programa radiofónico semanal Recordando a Galicia, que supón unha fiestra aberta á cultura galega para a colectividade emigrante. O editorial deste programa de 1970, emitido a través de LSE Radio del Pueblo de la República Argentina, titúlase “Galegos na Argentina” e nel destaca a figura de Manuel Cordeiro.
Duración: 02'46''
Sinatura: CMCO-PRR/98 .
Fondo: Colección Manuel Cordeiro. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.
"Qué es un gallego"
Recordando a Galicia recolle distintos aspectos da actualidade galega (música, entrevistas, novas culturais e sociais, publicidade etc.). Este programa radiofónico convértese nun documento moi valioso para o estudo da colectividade galega na Arxentina pola variedade dos seus contidos. No editorial deste programa de 1983, Maruxa Boga fala de “Qué es un gallego”.
Duración: 02'34''
Sinatura: CMCO-PRR/99 .
Fondo: Colección Manuel Cordeiro. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.


