Ramón Otero Pedrayo
Voces centenarias
Estas conferencias íntegras permiten mergullarse na erudición torrencial do escritor.
A relevancia de Ramón Otero Pedrayo dentro da cultura galega resulta incuestionable. No Arquivo Sonoro de Galicia consérvanse testemuños do seu inmenso e inabarcable saber. Presentamos unha pequena mostra: tres conferencias pronunciadas en Bos Aires onde cada unha delas abrangue unha temática distinta (xeografía e etnografía, cultura clásica e literatura galega) e nas que podemos escoitar a engaiolante, erudita e sempre inmensa voz do fidalgo de Trasalba. Hai que pechar os ollos e deixarse levar. O camiño paga a pena.A paisaxe galega, as súas leis e tipos
En 1947, Ramón Otero Pedrayo viaxa por primeira vez a Bos Aires, como convidado de honor nas Xornadas Patrióticas Galegas que organiza a colectividade ao redor do Día de Galicia. Na Federación de Sociedades Galegas pronuncia a conferencia “A paisaxe galega, as súas leis e tipos”, o 26 de xullo. As emotivas e precisas descricións xeográficas acompáñanse de referencias etnográficas, espirituais e históricas e todas elas elevan o sentir identitario dos presentes no acto.
Duración: 46:36
Sinatura: COPA—CON/215.
Fondo: Colección Pampillón. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.
"La cultura clásica"
Na segunda viaxe a Bos Aires, en 1959, Ramón Otero Pedrayo diserta sobre “La cultura clásica”. Coa súa elocuencia e a súa erudición, repasa os perfís xeográficos, cronolóxicos e espirituais da Grecia e Roma clásicas. No comezo da conferencia, ditada o 23 de xullo no Colexio Nacional de Bos Aires, sinala a temeridade do asunto tratado. Porén, coa súa sabedoría e maxisterio, a súa intervención convértese nunha exaltación apaixonada do mundo clásico.
Duración: 1:12:26
Sinatura: COBA-CON/34 .
Fondo: Colección Centro Galego de Bos Aires. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG
Escritores galegos do século XIX
O 27 de xullo de 1959, na Sociedad Argentina de Escritores (SADE) de Bos Aires, Otero Pedrayo desprega todo o seu coñecemento sobre a historia da literatura galega e presenta unha das súas mellores conferencias. Centrada nos séculos XVIII e XIX, a nómina de escritores sobre os que fala abrangue dende os recoñecidos (Rosalía de Castro) a outros máis esquecidos (Ramón de la Sagra). Esta disertación, que se enmarca dentro das Xornadas Patrióticas Galegas, merecería ser escoita obrigatoria para todo estudoso da nosa literatura.
Duración: 1:42:10
Sinatura: COBA- CON/35 .
Fondo: Colección Centro Galego de Bos Aires. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG


