Especial

De que nos falan as plantas?

Na nosa tradición popular maio coñécese coma o mes das flores, uns seres vivos que non só atesouran milenios de cultura, senón tamén de ciencia. Así nolo lembra o Calendario Científico Escolar, que sinala o 18 de maio como o Día Internacional da Fascinación polas Plantas, unha data que pretende incidir na importancia da investigación en botánica para a sociedade, a economía e o medio; tanto na actualidade coma mirando ao futuro.

Proxector súmase á efeméride cun especial de doce recursos que apoian cientificamente estes argumentos. A través de audiovisuais diversos canto aos niveis educativos aos que se dirixen, posibilitamos afondar nas características xerais das plantas, así como nalgunhas moi específicas e fascinantes. En certos casos, pódese observar que a particularidade da especie confírelle relevancia, pois convértea en imprescindible, por exemplo, para o mantemento dun hábitat ou o redeseño de producións agrícolas segundo criterios de sostibilidade e calidade.

A visita a este especial lévanos polos laboratorios, por contornos naturais que tamén están servindo como áreas de estudo e polos novos espazos urbanos pensados para darlle un lugar aos cultivos. E, por suposto, fai unha parada en varios museos para lembrar a Baltasar Merino e follear a súa grande obra, Flora descriptiva e ilustrada de Galicia (1905-1909).
Vídeos

Viticultura de precisión, mito ou realidade?

Marta Rodríguez Fernández, estudante de doutoramento na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, fálanos nesta charla (8´ 13´´) da viticultura de precisión e da aplicación das novas tecnoloxías no cultivo da vide.

Esta charla forma parte das sesións do DivulgaTerra 2020.

A función de reprodución nas plantas

Vídeo didáctico (9´ 47´´), dirixido a alumnado de 1º curso da ESO, no que o profesor Germán Santos explica en que consiste a función de reprodución nas plantas, segundo os diferentes tipos nos que se agrupan: carrizas, fieitos, ximnospermas e anxiospermas.

A linguaxe do musgo

Vídeo de divulgación científica (3´ 46´´), elaborado por Icía Rodríguez e Ángel Carro, que nos fala do descubrimento de novas técnicas de medida do nivel de contaminación dos nosos ecosistemas. En concreto, preséntanos o traballo que se está a desenvolver no Departamento de Ecotoxicoloxía da Facultade de Bioloxía da USC para medir o nivel de contaminación do aire ou a auga empregando como indicadores diferentes variedades de musgo.

As plantas e as súas cores

No outono as follas de moitas árbores perden a súa cor verde e adquiren outros pigmentos. Neste capítulo de Aquelando con chispa (15´ 53´´) Manuel Vicente e David Ballesteros fálannos das plantas e de toda a ciencia que se agocha na sinfonía de cores das súas follas e flores.

Na elaboración deste programa participa o alumnado do CPI Mosteiro (Meis).

Baltasar Merino, o maior coñecedor da flora galega

En 2017 a Real Academia Galega de Ciencias nomeou a Baltasar Merino Román (Burgos, 1845 – Vigo, 1917) “Científico do Ano”, no marco da conmemoración do Día da Ciencia en Galicia. Neste vídeo divulgativo (6´ 29´´) ofrécense os datos máis salientables da vida e da obra deste científico que deixou unha gran pegada na historia da ciencia galega, tanto no eido da botánica como no da meteoroloxía.

Entre luz e sombra

Vídeo (10' 25'') en que Tamara Franco Grandas nos presenta os resultados dos seus estudos sobre como inflúe no crecemento e na produción dos cereais a cantidade de luz que reciben. Estes traballos son relevantes porque a asociación cultivo-árbore estase presentando como unha posible ferramenta de adaptación e mitigación das condicións ambientais extremas que o cambio climático vai provocar en moitas rexións cerealeiras, ademais de conferirlle unha maior diversidade ao sistema produtivo e proporcionarlle máis garantías económicas ao produtor.

Esta charla forma parte das sesións do DivulgaTerra 2021.

Herbas boas contra malas herbas

Antonio Rigueiro cóntanos nesta charla divulgativa (13´ 21´´), presentada no DivulgaTerra 2017, como despois de anos controlando a flora das paredes da muralla romana de Lugo con sistemas mecánicos, físicos e químicos, decidiron investigar tratamentos con menores implicacións ambientais. Para iso, probaron no laboratorio produtos naturais derivados de plantas aromáticas para intentar inhibir a xerminación de sementes de Parietaria judaica L., a especie máis abundante e de control máis difícil. En paralelo, estudaron o posible efecto destes produtos naturais como inhibidores da xerminación de malas herbas dos cultivos agrícolas, co fin de recomendalos como herbicidas naturais para a agricultura ecolóxica.

Identificación de plantas invasoras e canto de aves

Se xa tiveches a ocasión de ver e escoitar a lección sobre especies invasoras, agora os profesores Xacobo de Toro e Noemí Díaz convídante a facer con eles unha práctica de campo virtual en vídeo 360º (7´) para aprender a identificar plantas invasoras e mais cantos de aves autóctonas.

Na práctica empréganse as seguintes ferramentas:
-Guía visual de plantas invasoras
-Guía visual e sonora de identificación de aves
-Aplicación plantnet
-Aplicación Merlin Bird
-Aplicación Birdnet

Iniciación aos hortos urbanos ecolóxicos

Vídeo didáctico (1 h, 7´) no que Xisela Fernández nos ensina cales son as mellores técnicas e condicións ambientais para crear un horto urbano. En concreto, aprenderás cal é o mellor espazo, e como debes planificalo, para que medren as túas plantas, e cales son os principais factores que debes ter en conta para que os resultados sexan óptimos: tipoloxía da terra ou substrato, abonos, rego, enfermidades e posibles tratamentos.

Os xardíns descoñecidos da Costa da Morte

Despois da catástrofe do Prestige, o Grupo de Investigación de Análise e de Conservación da Biodiversidade da USC elaborou un mapa de microrreservas de flora ameazada ao longo de toda a Costa da Morte. Neste vídeo divulgativo (7´ 44´´) preséntase un proxecto de voluntariado ambiental para a conservación das zonas húmidas e a flora, impulsado por ADEGA e o Concello de Fisterra, co obxectivo de poñer en valor e preservar as cinco microrreservas de flora que hai na actualidade neste concello.

Que son as plantas?

Vídeo didáctico (8´ 10´´) no que Xacobo de Toro e Noemí Díaz, docentes de Xeoloxía e Bioloxía no ensino medio, se achegan ao laboratorio e mais á carballeira de Sobrado dos Monxes para explicarnos que son as plantas e cales son algunhas das principais características destes seres vivos. En concreto, céntranse na fotosíntese, na celulosa da súa parede celular, na lignina e na súa capacidade de adaptación.