Seara

Difusión. Especial

Seara

Descubre a literatura galega a través dos seus textos

Venres, 29 de setembro de 2023
Consellodacultura.gal
Difusión
Especial

Seara

Descubre a literatura galega a través dos seus textos

Consellodacultura.gal

De Rosalía de Castro ata Emma Pedreira, pasando por Luis Pimentel, Claudio Rodríguez Fer ou Luisa Villalta. Todos eles están en Seara. Discover Galician literature through its texts/Descubre a cultura galega a través dos seus textos, un espazo web que nace para ofrecer unha selección decantada que percorre a historia da literatura galega. Nesta seara, presentada na véspera do Día Internacional da Tradución que se celebra cada 30 de setembro, os textos dos creadores galegos estarán na versión orixinal, pero tamén na súa tradución ao inglés. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e a coordinadora técnica do proxecto, a profesora e tradutora estadounidense Kathleen Nora March, presentaron en rolda de prensa este espazo que amosa textos inéditos canda outros máis coñecidos, algúns deles tamén recitados para, en palabras da presidenta, “amadores e amadoras das linguas e da literatura, desde calquera lugar e cultura”.
Na paisaxe tradicional galega, a seara é unha ampla extensión de cultivo de cereal para a que se romperon terras de monte pouco produtivo, nun traballo comunitario no que participan diferentes familias con cadansúa leira. Por iso este proxecto se chama Seara e leva como subtítulo explicativo Discover Galician literature through its texts/Descubre a cultura galega a través dos seus textos. Botou a andar hai máis de dous anos, coa convicción de que se non se pode internacionalizar se non hai traducións. Esa idea puxo no camiño a un grupo de especialistas recoñecidos da tradución galego-inglesa como Jonathan Dunne, Erin Moure, Keith Payne ou Jacob Rogers, coordinados pola alma máter do proxecto, Kathleen Nora March (Rochester, NY, 1949) que acariñaron a idea dun espazo web no que atopar traducións. “É un espazo aberto, traballado a moitas mans, no que se facilita a unha comunidade internacional de lectores e lectoras o acceso a textos literarios galegos mediante a tradución ao inglés que os acompaña”, explicou Rosario Álvarez.

Os autores
Daniel A. Rodríguez Castelao e Rosalía de Castro son dúas figuras fundamentais na cultura galega. Ambos os dous están presentes na primeira xeira do proxecto. Do primeiro, ofrécese a versión galega e inglesa de “Un ollo de vidro”, un dos seus relatos máis populares. Ese relato no que Castelao bota man da cultura tradicional galega e da súa relación coa morte está tamén en audio, con locución de Luis Iglesia. De Rosalía ofrécese unha escolma que agocha tamén a súa faceta menos coñecida. Entre as propostas da poeta galega está “O conto galego”, un dos seus textos en prosa, que foi publicado de xeito póstumo en 1923. Nora Abad é a encargada da locución desta peza. De Rosalía de Castro tamén está Lieders, publicado en castelán en El Álbum del Miño en 1858. considerado o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia. Un texto moi influenciado polas correntes de reivindicación da muller que estaban a aparecer na Europa do momento.

“Sombra do aire na herba”. Este poemario póstumo editado en 1959 pola editorial Galaxia é a obra fundamental de Luís Pimentel, médico lugués e poeta vinculado ás vangardas literarias da década de 1920 e figura de relevancia na modernización da poesía galega nas décadas centrais do século XX.

Eduardo Pondal foi un dos poetas máis destacados do Rexurdimento cultural galego do século XIX. Estes oito poemas, que inclúen Os pinos, a base do Himno Galego, foron tomados da antoloxía Eduardo Pondal. Os cantos eran da Patria (120 poemas) preparada por Manuel Ferreiro para a Real Academia Galega. Está presente tamén nesta primeira escolma un texto de Vicente Risco, un dos membros máis relevantes da Xeración Nós. Dedalus en Compostela publicado na revista Nós en 1929. É un texto representativo dos intereses do grupo en conectar a cultura galega coa creación europea do seu tempo, que narra un paseo por Compostela con Stephen Dedalus, trasunto de James Joyce no Ulises e no Retrato do artista cando novo.

Claudio Rodríguez Fer, escritor de dilatada traxectoria tanto na investigación como na creación literaria, está presente cunha selección de dous relatos do libro inédito Belas e bestas.

Neste percorrido pola cultura galega ofrécese a figura de Emma Pedreira, unha das voces literarias máis recoñecidas da xeración dos 90. Escritora en poesía e en prosa, Pedreira ten gañado algúns dos premios máis relevantes do panorama literario galego actual, como o premio Xerais, o premio da Crítica Española ou o Fiz Vergara Vilariño. As balas de prata é un colección de textos inéditos escolmado pola autora.

Esta primeira entrega inclúe tamén a Luísa Villalta (1957-2004) que foi, segundo a Real Academia Galega, "unha das grandes figuras da literatura galega emerxidas na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90". Luísa Villalta será homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024, a gran celebración colectiva da lingua e da cultura galegas.

Comisión técnica
En 2022 o Consello da Cultura Galega constituíu unha comisión técnica para a elaboración desta iniciativa. As coordinadoras son Kathleen Nora March e Elisa Fernández Rei. O resto dos membros son Neil Anderson, Óscar Cardoner Sebio, Jonathan Dunne, Ana Luna, Erin Moure, Keith Payne, Jacob Rogers e Rocío Viéitez Ferro. Este equipo, todos eles profesionais de recoñecido prestixio no ámbito da tradución, é o equipo editorial que será que marque o rumbo e valide os contidos que se incorporen. Está aberto a traducións de menos de 40 páxinas; a proposta terá que ser avaliada, segundo os procesos ordinarios, e unha vez aprobada xerará os contratos correspondentes, sexa para os dereitos autorais sexa para o labor de tradución. A idea é que cada Día Internacional da Tradución se actualice con novos contidos.
LUGAR
consellodacultura.gal
 
Difusión.
Especial
Seara
Descubre a literatura galega a través dos seus textos
Data de publicación
Venres, 29 de setembro de 2023
Onde
Consellodacultura.gal
Enderezo

consellodacultura.gal

Organiza
Acción exterior do Consello da Cultura Galega