Arquitectura: ciencia, arte e construción social

Difusión. Proxector

Arquitectura: ciencia, arte e construción social

Martes, 2 de abril de 2024
consellodacultura.gal
Difusión
Proxector

Arquitectura: ciencia, arte e construción social

consellodacultura.gal

Arquitectura: ciencia, arte e construción social

Proxector

“Arquitectura: ciencia, arte e construción social” é o título da nova entrega de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nela reúnense unha ducia de recursos audiovisuais nos que se analizan as construcións do país desde tres puntos de vista: científico, artístico e social.
O especial de Proxector do mes de abril aborda a relación da sociedade co seu territorio a través da análise da súa arquitectura desde diferentes perspectivas: científica, artística e social. Estes tres aspectos están entrelazados e neles xa incidiu Rita Fernández Queimadelos, a primeira galega en titularse en Arquitectura, cuxa traxectoria se recolle nun dos vídeos desta entrega. Rita, nada na Cañiza en 1911 e finada en Barcelona en 2008, non só foi a primeira galega en rematar os estudos de Arquitectura, senón tamén a primeira colexiada galega (a terceira a nivel estatal) e a primeira muller en exercer esta profesión en España. O vídeo forma parte da serie “Galegas na ciencia”.

Esta entrega escolma un par de pezas audiovisuais que forman parte do proxecto Terra, elaborado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para alumnado de secundaria con guión do arquitecto Pedro de Llano. Nelas explícase a tipoloxía dos asentamentos costeiros, ideados en función das condicións climatolóxicas ou das características litolóxicas da zona, e os usos e características arquitectónicas de diferentes construcións vinculadas á economía agrícola e gandeira, como poden ser as casas vivenda, as cortes, os fornos, os hórreos, os muíños ou as adegas.

Inclúense tamén varios vídeos do profesor de secundaria Félix Longueira Fafián, elaborados para alumnado de diferentes niveis educativos, nos que se presentan as características artísticas dos pazos renacentistas e barrocos e tamén as de mosteiros senlleiros da Ribeira Sacra.

Ademais, hai pezas que falan das peculiaridades e características construtivas de varios espazos emblemáticos do país, como a tripla escaleira de San Domingos de Bonaval ou o mercado de abastos de Santiago de Compostela.

O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.
 
Difusión.
Proxector
Arquitectura: ciencia, arte e construción social
Data de publicación
Martes, 2 de abril de 2024
Onde
consellodacultura.gal
Organiza
Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CCG)
Colabora
Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Santiago de Compostela

Ponte Maceira, Ames (s. XIII)