Arquitectura: ciencia, arte e construción social

Son moitos os factores que constrúen unha sociedade; un importante ten que ver coa súa relación co territorio: aproveitamento de recursos, convivencia co medio, artellamento dos elementos que xeran un significado de seu... Co especial que Proxector dedica á arquitectura, apuntamos a tres eixos representados a través de obras civís, relixiosas, paisaxísticas ou industriais.

O científico: atendendo aos procesos técnicos que deron lugar a magníficas obras coma a escaleira de San Domingos de Bonaval ou o Mercado de Abastos de Santiago de Compostela.

O artístico: percorrendo estilos desde o románico aos contemporáneos, a través de explicacións e imaxes comentadas por profesionais; por exemplo, o pazo de Oca ou o pazo de Bendaña, os mosteiros da Ribeira Sacra ou a recreación en 3D do mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón.

O social: repasando a historia dos castros, a arquitectura mariñeira, a da casa... a denominada “arquitectura popular”, que combina as técnicas sinxelas e os materiais locais, nunha sorte de pacto co medio para o desenvolvemento de ambos os dous.

Non son aspectos disociables, como ben ilustra a carreira de Rita Fernández Queimadelos, a primeira galega en titularse en Arquitectura, en 1940, e figura destacada desde especial de Proxector.

Imaxe: Ponte Maceira, Ames (s. XIII)

Identidade territorial

Reportaxe (23´ 54´´), con guión de Juan Luís Dalda e Miguel Castelo, sobre o proceso de construción histórica da identidade territorial galega, é dicir, dese conxunto de características que fan que o noso territorio sexa relativamente homoxéneo e diferenciado do resto da Península Ibérica. Vídeo de carácter educativo deseñado para alumnado de educación secundaria no marco do Proxecto Terra, que promove o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Guía do vídeo.

Os castros. A arquitectura

Neste vinculo externo poderas ver
Os castros. A arquitectura

Segundo capítulo (25´ 57´´) da serie documental "Os castros", emitida na Televisión de Galicia en 2020, sobre a arquitectura castrexa.
Existía algún tipo de planificación previa á construción dos castros? Estaban todos estes poboados situados en outeiros? Que función tiñan as súas características e espectaculares murallas? Por que a maioría das construcións eran redondeadas? Nesta peza descubrirás todas as respostas.

A arquitectura mariñeira

Reportaxe (21´ 31´´), con guión de Pedro de Llano, onde se nos fala dos asentamentos costeiros e das diferentes solucións arquitectónicas empregadas na franxa litoral galega, ideadas en función das condicións climatolóxicas ou das  características litolóxicas da zona. Trátase do cuarto capítulo dunha serie de cinco vídeos sobre a arquitectura popular en Galicia deseñados para o alumnado de educación secundaria no marco do Proxecto Terra, que promove o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

A arquitectura do gando, o pan e o viño

Reportaxe (22´ 34´´), con guión de Pedro de Llano, onde se explican os usos e características arquitectónicas de diferentes construcións vinculadas á economía agrícola e gandeira, como poden ser as casas vivenda, as cortes, os fornos, os hórreos, os muíños ou as adegas. Trátase do terceiro capítulo dunha serie de cinco vídeos sobre a arquitectura popular en Galicia deseñados para o alumnado de educación secundaria no marco do Proxecto Terra, que promove o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Os mosteiros da Ribeira Sacra

Vídeo didáctico (12´ 32´´) no que Félix Longueira Fafián, licenciado en Historia da Arte e profesor no ensino secundario, nos presenta as características arquitectónicas e artísticas dos seguintes mosteiros da Ribeira Sacra: o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, o mosteiro de San Paio de Abeleda e o mosteiro de San Pedro de Rocas.

Se o prefires, podes ver a versión interactiva do vídeo nesta ligazón.

Mosteiro San Pedro de Vilanova de Dozón en 3D

Neste vinculo externo poderas ver
Mosteiro San Pedro de Vilanova de Dozón en 3D

Igrexa románica do século XII. É o elemento que se conserva do antigo mosteiro bieito feminino de Dozón. Un dos exemplos mellor conservados do románico rural galego da provincia de Pontevedra cun dos testeiros máis traballados, posuíndo unha gran riqueza ornamental. Ademais conserva o campanario orixinal, construído nun sitio atípico dentro desta tipoloxía de arquitectura relixosa.

Este recurso foi incorporado a Proxector por Ana Moreno.

Os palacios do Renacemento e o Barroco

Vídeo didáctico (6´ 28´´), dirixido a alumnado de 3º da ESO da materia de Ciencias Sociais. Félix Longueira Fafián, licenciado en Historia da Arte e profesor no ensino secundario, explica as características artísticas dos pazos renacentistas e barrocos, as fastosas residencias urbanas da realeza, a nobreza ou a rica burguesía. Concretamente, preséntanos detidamente o pazo Pitti, unha construción renacentista da Florencia do s. XV; o pazo Barberini, edificación barroca construída en Roma no s. XVII e o pazo de Versalles, residencia dos reis de Francia entre 1682 e 1789, tamén de estilo barroco. Como representantes deste tipo de construcións urbanas en Galicia, menciónanse brevemente o pazo de Bendaña (Santiago de Compostela) e o pazo de Oca (A Estrada), ambos os dous de estilo barroco.

Se o prefires, podes ver a versión interactiva desta lección premendo aquí.

Os segredos do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela

Documental de carácter divulgativo (35´ 45´´), realizado a partir das investigacións científicas inéditas de Ruth Varela sobre o Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, obra do arquitecto Joaquín Vaquero Palacios (1900-1998). Descubrirás cales son as principais características deste complexo arquitectónico inaugurado en 1943, que conseguiu integrar de xeito harmonioso a aldea e o campo na vida social e cultural da cidade, ata converterse na actualidade nun símbolo cultural e nun dos principais atractivos turísticos da capital galega.

A peza está realizada por Pablo Francisco Soto Goluboff e Ruth Varela ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022. En 2023 recibiu dous importantes premios: “Finalista na categoría de divulgación na 6th edición do Premio Europeo AHÍ” e “Finalista na categoría de investigación e difusión na XVI Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo, BEAU”.

Os segredos da escaleira de Bonaval

Documental de carácter divulgativo (9´ 3´´) que nos achega á concepción e construción dunha das escaleiras máis singulares de todo o barroco europeo, a escaleira de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela. Unha escaleira concibida polo arquitecto galego Domingo de Andrade (1639-1712); un dos grandes mestres da arquitectura galega ao que a Real Academia Galega de Belas Artes dedicou, nos anos 2020 e 2021, o Día das Artes.

Un documental dirixido por Pablo Soto Goluboff, baixo a idea orixinal, guión e asesoría científica da arquitecta Ruth Varela. A peza, realizada ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021, conta co traballo do matemático Fernando Alcalde (USC) e dos arquitectos: José Antonio Franco Taboada (UDC), Ana González Uriel (UPM) e Manuel de Miguel Sánchez (UAH), así como coa colaboración da Fundación Compostela Arquitectura.

Faros da Costa da Morte

Vídeo documental (17' 22'') en que se presentan e describen os faros desta comarca costeira galega, así como as lendas, tradicións e historias a eles vinculadas.

Trátase dunha produción feita para o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, dirixida e presentada por Manuel Vilar.

Galegas na ciencia: Rita Fernández Queimadelos

Vídeo divulgativo (2´ 17´´) no que Carmela Cela nos presenta a biografía da arquitecta Rita Fernández Queimadelos (A Cañiza, 1911 - Barcelona, 2008). En 1940 esta pioneira galega consegue rematar os seus estudos de arquitectura, converténdose na primeira colexiada galega (a terceira a nivel estatal) e tamén na primeira muller en exercer esta profesión en España.

A peza forma parte da serie “Galegas na ciencia”, onde se repasa de xeito breve a vida de diferentes mulleres galegas que foron pioneiras no ámbito da ciencia.

Galicia. Arquitectura para o fin dun século

Reportaxe (22´ 34´´), con guión de Pedro de Llano, sobre o proceso de conformación da arquitectura contemporánea en Europa a comezos do século XX e a incorporación de Galicia a estas novas correntes arquitectónicas. Cóntase que en Galicia houbo que agardar a ben entrada a segunda metade do século XX para que uns poucos arquitectos comezasen a interpretar, desde a realidade galega, as novas achegas da arquitectura universal, converténdose as súas obras en exemplo de integración entre o local e o universal. Vídeo de carácter educativo deseñado para alumnado de educación secundaria no marco do Proxecto Terra, que promove o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Guía do vídeo.