María Cardarelly

Álbum de Galicia

María Cardarelly

Luns, 8 de abril de 2024
consellodacultura.gal
Difusión
Álbum de Galicia

María Cardarelly

consellodacultura.gal

María Cardarelly

Álbum de Galicia

María Cardarelly (Zaragoza, 1845 – ?, ca. 1915) foi unha fotógrafa pioneira ao erixirse como a primeira muller en ter un estudio propio en Galicia. Malia que só se dedicou tres anos á práctica fotográfica e que a obra que dela se coñece non supera a media ducia de orixinais, sobresaíu por capturar coa súa cámara “unha das personaxes máis relevantes da literatura e a sociedade do noso país como Rosalía de Castro”. Así o subliña Vítor Vaqueiro, o autor da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega.
Nada en Zaragoza, María Cardarelli, quen substituíu o seu apelido paterno pola forma anglicizada Cardarelly, comezou na fotografía cando tiña só dezanove anos. Criouse no seo dunha familia de orixe francesa dedicada ao negocio da tintura e limpeza de roupa, unha tarefa que requiría “o manexo de produtos químicos como amoníaco, sales, ácidos, alcois ou mesmo, en certos casos, albúmina, elemento presente no proceso fotográfico”, indica Vítor Vaqueiro. Por este motivo, o autor da súa biografía considera que as orixes da vocación de María Cardarelly pola fotografía poden ter os seus alicerces na actividade comercial á que se dedicaban os seus proxenitores. Tras establecer o negocio en Lugo e Ourense, segundo consta na prensa da época, trasladáronse a Santiago de Compostela, cidade en que María Cardarelly abriu o seu propio estudio fotográfico en 1864.

Inmersa nos ambientes culturais e artísticos composteláns ligados ao provincialismo, participou nas actividades da sociedade progresista Liceo de la Juventud, frecuentada por notables personalidades da cultura galega como Manuel Murguía, Eduardo Pondal ou Rosalía de Castro. “Foi sen dúbida neste ambiente onde a fotógrafa zaragozana e a cantora do Sar estableceron comunicación e, probabelmente, relación e amizade”, subliña Vítor Vaqueiro. De feito, ambas as dúas formaron parte do elenco da representación teatral que o Liceo organizou no Teatro Principal de Santiago de Compostela en 1860 a beneficio dos feridos da guerra de África. “Se o vínculo establecido entre elas tiña a ver co teatro e a pertenza ao Liceo de la Juventud, parecería natural ser María Cardarelly unha fotógrafa preferente na escolla de Rosalía de Castro”, continúa.

Tal foi así que “Cardarelly pasaría á historia por ser a autora de dous retratos de Rosalía de Castro que atinxiron ampla difusión”: un co que buscaba proxectar “a mirada frontal analítica e, ao tempo, bondadosa” da escritora e o outro no que o seu rostro “recusa o enfrontamento coa cámara” nun “ton de desconfianza”, explica Vítor Vaqueiro. Xunto con estes, sobresae tamén a sinxela fotografía dunha meniña de nome descoñecido e mais o retrato de Teresa Lamas Rey. Estes materiais anéxanse na galería fotográfica que forma parte da súa entrada do Álbum de Galicia.

A produción fotográfica que se conserva de María Cardarelly non supera a media ducia de orixinais. A súa proposta estética non destacou pola singularidade nin pola innovación, mais nela chama a atención o xeito en que buscou “proxectar a complexidade do ser humano e mostrar os diferentes ‘eus’ que conviven no interior dunha mesma persoa”, sobre todo nos retratos que realizou de Rosalía de Castro, tal e como indica o autor da súa entrada.

Fica, xa que logo, a dúbida arredor “das posibilidades que María Cardarelly tería chegado a desenvolver se non tivese abandonado a práctica fotográfica” tras só tres anos de dedicación. O porqué desta decisión, a incógnita da desaparición da súa obra ou mesmo a incerteza que rodea a súa morte constitúen algúns dos “paradoxos impenetrábeis sobre a vida da muller a quen lle coubo constituírse como a pioneira entre as que cubriron os inicios do panorama fotográfico galego”, conclúe Vítor Vaqueiro.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 715 entradas, das cales as máis recentes son as de María Xosé Rouco Lamela, Blanca Jiménez Alonso, Cruz Comesaña e a actualización da biografía de Manuela Rey González.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

 
Difusión.
Álbum de Galicia
María Cardarelly
Data de publicación
Luns, 8 de abril de 2024
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Vítor Vaqueiro
Obxeto de estudo
María Cardarelly
Organiza
Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CCG)