Fotografía Llanos

Álbum de Galicia

Fotografía Llanos

Martes, 11 de xuño de 2024
consellodacultura.gal
Difusión
Álbum de Galicia

Fotografía Llanos

consellodacultura.gal

Fotografía Llanos

Álbum de Galicia

Francisco Llanos Mas (Valencia, 1865 – Vigo, 1928) foi o fundador do estudio fotográfico Llanos, un negocio familiar que se estableceu na cidade olívica a finais do século XIX e que continuou da man do seu fillo Francisco Llanos Trápaga e do seu neto Ángel Llanos González durante máis dunha centuria. As tres xeracións cultivaron a fotografía de exteriores e de gabinete, aínda que destacaron no ámbito da foto-reportaxe e do documento. “Chegaron a construír unha das coleccións máis amplas das que hoxe dispón o patrimonio fotográfico histórico galego”, subliña Vítor Vaqueiro. El é o autor da entrada que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
O texto comeza por achegar a figura de Francisco Llanos Mas, pioneiro da fotografía que, á altura de 1899, xa tiña establecido en Vigo o seu estudio fotográfico. “Dividiu o seu tempo entre a captura de imaxes e a dedicación ao mundo do teatro”, subliña Vítor Vaqueiro. De feito, xunto co gabinete de fotografía, rexentou “unha compañía de monicreques coa que percorreu diferentes cidades do Estado español”, continúa. Mentres, no seu estudio realizou ampliacións de formatos, planotipias e retratos, entre eles os coñecidos como retratos Boer, o que reforza a idea “de estaren os fotógrafos galegos inseridos en certas correntes da contemporaneidade, polo menos no que atinxía á vertente técnica”, indica o autor da entrada. Nela tamén especifica algúns dos motivos fotografados por Llanos Mas: “festas de entroido, actos militares, despedida de tropas con destino á guerra de Marrocos, fotografías nocturnas, reunións políticas de membros do Partido Liberal e paisaxes urbanas”. Coa súa cámara capturou, por exemplo, a traxedia pesqueira do canoneiro Condor e retratou no seu gabinete os 26 homes “de suposta filiación anarquista que, expulsados da Arxentina, aportaban a Vigo” e que foran conducidos “por membros da policía e da garda civil á galería de Llanos para enriqueceren os arquivos policiais”, explica Vítor Vaqueiro. Ademais do seu labor como fotógrafo, a entrada destaca tamén a “inserción de Llanos Mas no tecido cultural, asociativo e político da cidade viguesa”.

Cara á segunda década do século XX instalouse como fotógrafo no estudio do seu pai Francisco Llanos Trápaga, o que lle permitiu ao seu proxenitor “acaroarse a inquietudes ligadas ao teatro e á escrita xornalística”, apunta o autor da biografía. Tras a morte deste en 1928, Llanos Trápaga púxose á fronte do negocio familiar. Fotografou aspectos industriais da cidade olívica, “como a botadura do primeiro buque con casco de aceiro fabricado na ría de Vigo”; realizou reportaxes, “como a feita para Matadeiros Rurais Cooperativos de Galicia-MARUCOGA”, e retratou os traballadores da empresa conserveira Albo cunha faixa na que manifestaban “estar a celebrar o santo do seu xefe”, continúa Vaqueiro. Para el, esta última fotografía, “realizada nos anos da Segunda República, especifica, ademais, un tipo de relacións laborais presididas polo paternalismo e pola, aparente, simetría das relacións entre os sectores empresariais e operarios”.

Na década de 1930 incorporouse ao gabinete Ángel Llanos González, fillo de Francisco Llanos Trápaga e terceiro membro da liñaxe familiar en desenvolver o oficio de fotógrafo. Tras ser chamado a filas en febreiro de 1936, formou parte dende novembro dese ano do Gabinete Fotográfico do Corpo do Exército de Galicia, estrutura dependente da Delegación de Prensa e Propaganda franquista. Fotograficamente falando, foi este “o instante decisivo” na súa traxectoria, tal e como indica Vítor Vaqueiro. O autor da entrada explica tamén como Ángel Llanos se puxo á fronte do estudio fotográfico familiar a partir de 1956, data en que faleceu o seu pai, e como se converteu nun “rexistrador eficaz de acontecementos”, con retratos e reportaxes que se publicaron nos xornais da época (Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, La Noche…). Malia que algunhas delas carecen de interese por rexistraren feitos cotiáns, “fotografados unha e outra vez”, outras “mostran considerábel relevancia” polos fitos retratados ou polos recursos fotográficos empregados. Destas últimas, Vaqueiro destaca a serie realizada na empresa baleeira de Massó, na súa fábrica de conservas e noutras de salgadura, nas que “o último dos Llanos mostra unhas capacidades expresivas de orixinalidade”; as fotografías que reflicten a desgraza do afundimento do sardiñeiro Centoleira, e a reportaxe sobre a excursión espeleolóxica á cova do Rei Cintolo organizada polo Clube Montañeiros Celtas.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 725 entradas, das cales as máis recentes son as de Dorothé Schubarth, Ramón Piñeiro, Genoveva Vázquez Calviño e Xohana Torres.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
 
Difusión.
Álbum de Galicia
Fotografía Llanos
Data de publicación
Martes, 11 de xuño de 2024
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Vítor Vaqueiro
Obxeto de estudo
Ángel Llanos González
Francisco Llanos Mas
Francisco Llanos Trápaga