Difusión - Centro Galego de Lisboa. Mércores, 16 de abril de 2025

Centro Galego de Lisboa

Repertorio da prensa da emigración galega

Centro Galego de Lisboa

Mércores, 16 de abril de 2025
consellodacultura.gal
Difusión
Repertorio da prensa da emigración galega

Centro Galego de Lisboa

consellodacultura.gal

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de abril varios números de tres publicacións editadas polo Centro Galego de Lisboa en distintas etapas: Juventud de Galicia, O Galego e Galicia ó lonxe.
Das tres publicacións que xa se poden consultar na rede, a primeira é, cronoloxicamente, Juventud de Galicia. Foi editada en 1915 con motivo do sétimo aniversario fundacional da sociedade. En varias páxinas informa sobre o labor realizado neses sete anos e as boas perspectivas de futuro para a Sociedade. Nesta entrega súbese un único número que conta con numerosas poesías e textos literarios en galego (reproducións de autores recoñecidos da nosa literatura como Curros Enríquez, Rosalía de Castro ou Concepción Arenal) e outros asinados por Rogelio Rivero, Rei Piño, L. B. Pino, María Rosa ou o Conde d'Obidos.

A segunda das publicacións é O Galego revista creada en 1988, coincidindo co oitenta aniversario da fundación da sociedade Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa. Toma o seu nome da primeira publicación en Lisboa escrita en galego e dirixida por Gumersindo la Rosa en 1881. Como o seu voceiro oficial, recolle noticias sobre as súas actividades, incluída a reprodución da memoria social dese ano. Así mesmo, ten un contido claramente cultural, nun intento de difundir a nosa cultura entre os galegos emigrados, polo que abundan os artigos sobre Galicia, a súa música, literatura, lingua, xeografía ou historia. Está escrita en castelán e portugués con algunhas colaboracións en galego. No marco do proxecto pódense consultar o primeiro e o cuarto número.

A última das revistas que suben nesta entrega é, Galicia ó lonxe, creada en 1994. Incorpóranse dez números e, coma nos casos anteriores, informa sobre as actividades da sociedade galega en Lisboa e da súa vida interna (nas seccións "Galicia en Lisboa", "Actividades", "As nosas cousas", "La Voz del Presidente" etc.). Tamén inclúe numerosos artigos de temática variada, case sempre relacionados con Galicia e Portugal, destacando os referidos ás súas respectivas culturas (lingua, literatura, tradicións, historia etc.) e ás relacións entre ambos os dous países. Igualmente insire novas da actualidade e da emigración. A revista complétase con artigos sobre dereito, medicina etc., con entrevistas, humor, pasatempos e colaboracións literarias (contos e poesías).

O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.
 
Difusión
Repertorio da prensa da emigración galega
Centro Galego de Lisboa
Data de publicación
Mércores, 16 de abril de 2025
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Arquivo da Emigración Galega (CCG)
Arquivo da Emigración Galega (CCG)