A nova entrega de “Proxector”, iniciativa de divulgación en lingua galega promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago de Compostela (USC), leva por título “Física cuántica: o enigmático mundo do pequeno” e conmemora dúas efemérides: o Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuántica e o XVI Día da Ciencia en Galego. Unha ducia de vídeos ofrecen unha viaxe divulgativa polo universo das partículas subatómicas e as tecnoloxías de vangarda que delas se derivan.
A colección abrangue desde vídeos breves de divulgación ata conferencias completas impartidas por especialistas galegos do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e doutras institucións. Entre as pezas destacadas atopamos O mapa da física, unha animación que sintetiza os dominios fundamentais da disciplina; A gaivota dixo quark, unha divertida entrega do Dicionario da Ciencia de GCiencia; e as producións de TED Que é o principio de incerteza de Heisenberg? e O gato de Schrödinger, traducidas ao galego expresamente para este especial. Tamén forma parte da escolma O día en que espiamos átomos mirando entre fendas, que explica o famoso experimento da dobre fenda, así como Os ordenadores cuánticos non son como cres: son mellores, unha charla de Hartmut Neven (Google Quantum AI) que amosa o potencial da computación cuántica. Ademais, inclúense tres conferencias divulgativas de investigadores do IGFAE —O plasma de quarks e gluóns, O universo do diminuto e A gravidade (cuántica) nun holograma— que introducen as liñas máis avanzadas da investigación galega neste eido. Completan a selección A natureza ondulatoria da luz, Partículas de longa vida e O estrambótico mundo cuántico, pezas que axudan a comprender a dualidade onda-partícula, o traballo experimental no CERN e a fascinante complexidade do microcosmos.
“Proxector”
“Proxector: audiovisuais en galego para a docencia” é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.