Coincidindo co centenario dos primeiros desenvolvementos teóricos da mecánica cuántica, a ONU declarou o 2025 como o Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuánticas, unha conmemoración que nos convida a reflexionar sobre a importancia que tivo a investigación cuántica para a ciencia moderna, así como sobre as súas inmensas potencialidades e aplicacións actuais no ámbito tecnolóxico.
No XVI Día da Ciencia en Galego, Igaciencia tamén quere trasladar esta reflexión á comunidade educativa galega e proponlle ao profesorado que introduza aos mozos e mozas nos conceptos básicos da física e da tecnoloxía cuántica, para que poidan entender como a investigación sobre as partículas máis pequenas da natureza (na escala dos átomos e as partículas subatómicas) está a ser determinante na creación de tecnoloxías de vangarda. Un exemplo desta innovación tecnolóxica é a computación cuántica, que no futuro podería axudarnos a resolver problemas médicos ou enerxéticos que hoxe parecen irresolubles.
Desde Proxector sumámonos a ambas as conmemoracións cunha escolma de recursos audiovisuais en galego que agardamos que esperten en ti a curiosidade polo enigmático “mundo do pequeno”.
O mapa da física
Dominic Walliman preséntanos unha animación organizada a modo de mapa, que describe os dominios da física e os seus tres ámbitos fundamentais (física clásica, relatividade e física cuántica), así como os camiños que se poden transitar no futuro.
Tamén dispoñible como imaxe (en inglés).
A gaivota dixo quark
Vídeo de divulgación científica (1´ 33´´) que che axudará a entender que son os "quarks" (os elementos máis pequenos da materia) e de onde procede exactamente o seu nome, acuñado polo científico Murray Gell-Mann.
Trátase da primeira entrega do "Dicionario da Ciencia", unha serie de audiovisuais producidos por GCiencia e presentados pola actriz Déborah Vukusic, que explican de xeito desenfadado diferentes temos relacionados coa ciencia. Na elaboración desta peza participaron Emilio Rodríguez (realización), Nelson Ribeiro (cámara), Déborah Vukusic (presentadora), Eduard Rolland (guión) e Paula Lago (deseño gráfico).
Que é o principio de incerteza de Heisenberg?
O “principio de incerteza” foi formulado en 1927 polo físico alemán, gañador dun Premio Nobel, Werner Heisenberg e baséase nunha característica esencial do mundo subatómico: a incerteza. É un dos poucos conceptos da física cuántica que se estendeu á cultura popular e nel baseáronse moitas das grandes innovacións tecnolóxicas.
Neste vídeo didáctico de TED (4´ 43´´) o físico Chad Orzel axúdanos a entender por que, segundo a mecánica cuántica, non se poden coñecer á vez a posición exacta e a velocidade exacta dun obxecto.
Tradución ao galego de Xusto Rodríguez Río.
O gato de Schrödinger: un experimento mental da mecánica cuántica
Imaxinas poder ter o "superpoder" de estar en dous lugares ao mesmo tempo? Pois no nivel subatómico (campo de estudo da física cuántica) unha partícula podería estar en varios estados, ou lugares, ao mesmo tempo ata que alguén a observa. En 1935 o físico Erwin Schrödinger tratou de explicalo imaxinando unha historia protagonizada por un gato.
Neste vídeo de TED (4´ 37´´) Chad Ozel cóntanos a historia do famoso gato de Schrödinger e axúdanos a comprender un dos principios fundamentais da mecánica cuántica: a superposición.
Tradución ao galego de Xusto Rodríguez Río.
O día en que espiamos átomos mirando entre fendas
Vídeo de divulgación científica (4´ 48´´), integrado na canle de Youtube “O Son das Ideas”, no que se explica en que consiste o “experimento da dobre fenda”, unha das probas precursoras do que hoxe coñecemos como física cuántica. Este experimento demostraría que, na escala micro, os obxectos teñen unha natureza dual, é dicir, poden comportarse como ondas ou como partículas; e o feito de que os observemos interfire no seu comportamento.
A natureza ondulatoria da luz
Neste vídeo (7') o profesor Cibrán Santamarina responde a se a luz é unha onda ou unha partícula e, segundo parece, depende das circunstancias.
A peza forma parte da colección Vídeos didácticos USC.
Partículas de longa vida
Vídeo didáctico (3´ 41´´) que che axudará a entender que é a física de partículas, así como algúns dos seus principais conceptos. A presentación céntrase en concreto nun tipo específico de partículas denominadas de "Longa Vida" (ou LLP, nas súas siglas en inglés) e no detector Codex-b, desenvolvido no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) en colaboración con outros centros de investigación internacionais.
Os ordenadores cuánticos non son como cres: son mellores
Neste vídeo de TED (11´ 39¨) o informático alemán Hartmut Neven, fundador e director de Google Quantum AI, fálanos da computación cuántica e de como os ordenadores cuánticos substitúen a lóxica binaria (pola que se rexen os ordenadores actuais) polas leis da física cuántica, o que lles permite realizar operacións máis potentes e cálculos máis rápidos. Descubre nesta charla inspiradora como no futuro a computación cuántica pode axudar a resolver problemas médicos, enerxéticos ou tecnolóxicos que hoxe parecen irresolubles.
Tradución ao galego de Victoria Méndez.
O plasma de quarks e gluóns
Charla divulgativa (57´ 52´´) na que Pedro A. Agostini Infante, investigador predoutoral no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, fai unha introdución histórica á orixe da teoría de quarks e gluóns, os bloques fundamentais da forza forte, e explícanos a importancia que teñen actualmente os quarks e gluóns na física de partículas.
A charla tivo lugar o 4 de xuño de 2020 no marco do ciclo de charlas divulgativas en liña «Universo peregrino: ciencia galega cara o mundo», organizadas polo IGFAE da Universidade de Santiago de Compostela.
O estrambótico mundo cuántico
Vídeo (56' 47'') que recolle a cuarta charla do ciclo de divulgación científica "Achegando a ciencia", que organiza o colectivo Caladiños. Nela, o físico Cibrán Santamarina fala sobre física cuántica e o sorprendente "mundo do pequeno".
O universo do diminuto
De onde vimos e de onde provén o mundo? De que está feito o universo? Como funciona? Todas estas son cuestións que o ser humano formulou ao longo da historia e, na actualidade, a ciencia está xa en disposición de poder darnos as respostas. Neste vídeo divulgativo (55´ 30´´) Elena G. Ferreiro, investigadora do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), axúdanos a descifralas.
A charla tivo lugar o 18 de xuño de 2020 no marco do ciclo de charlas divulgativas en liña «Universo peregrino: ciencia galega cara o mundo», organizadas polo IGFAE da Universidade de Santiago de Compostela.
A gravidade (cuántica) nun holograma
Alejandro Vilar fálanos nesta charla (55´ 40´´) dunha das liñas de investigación que se están a desenvolver no Grupo de Física Teórica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE): o estudo da gravidade holográfica. Trátase dunha teoría que propón que quizais a gravidade nunha determinada rexión do espazo se corresponde cunha teoría cuántica de campos no bordo desa rexión. O obxectivo final desta liña de investigación é acadar un coñecemento máis profundo da gravidade e da súa estrutura microscópica, para chegar a comprender mellor a natureza dos buracos negros.
Esta charla tivo lugar no marco do programa Ciencia Singular 2020, organizado polo IGFAE.

