Difusión - Cancro: ciencia e conciencia sobre un desafío global.. Luns, 9 de febreiro de 2026

Cancro: ciencia e conciencia sobre un desafío global.

Proxector Difusión

Cancro: ciencia e conciencia sobre un desafío global.

Luns, 9 de febreiro de 2026
consellodacultura.gal
Difusión
Proxector

Cancro: ciencia e conciencia sobre un desafío global.

consellodacultura.gal

Cancro: ciencia e conciencia sobre un desafío global.

Proxector

“Cancro: ciencia e conciencia nun desafío global” é o título da nova entrega de “Proxector”, iniciativa de divulgación de recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega, que organiza o Centro de Documentación Sociolingüistica de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago (USC). Nesta ocasión achegamos unha ducia de vídeos que se suma á conmemoración do Día Mundial contra o Cancro. A complexidade biolóxica da enfermidade, algunhas das novas terapias que se están a investigar na actualidade, os factores de risco, prevención... son algúns dos temas que se abordan coa intención de desterrar estigmas e transformar o medo en coñecemento.
O especial abre e pecha con dous vídeos de TED. No primeiro, traducido ao galego por Gisela Camolesi, no que George Zaidan fala da relación que existe entre o proceso biolóxico da "división celular" e o cancro. Un traballo para explicar como as mutacións que se producen durante este proceso de división celular orixinan a proliferación sen control de células canceríxenas, e como esta mesma división descontrolada das células se acaba convertendo no principal punto débil do cancro. No último, traducido por Maite Díaz, Laura Indolfi, emprendedora en biomedicina, explica un método revolucionario para tratar esta complexa enfermidade: un dispositivo dispensador de fármacos que actúa coma unha gaiola sobre o tumor, evitando a súa propagación e liberando o medicamento só onde é necesario.

Polo medio hai varios vídeos nos achegan os achados realizados desde o Centro de Investigación da Universidade de Santiago CiMUS. Nun fálase do laboratorio de Ciclo Celular e Oncoloxía (Ciclon) que explica como se investiga o cancro. Noutro, a estudante predoutoral Paula Otero Sánchez, fala da relación que hai entre o cancro e os virus, e como este últimos se poden previr grazas ás vacinas. Deste mesmo centro, do equipo da profesora María José Alonso, outro vídeo fala de novidosas estratexias para a vehiculización de fármacos contra o cancro.

O test Papanicolau (clave na detención de cancro de útero); os efectos do gas radón; a importancia do test de cribado de cancro colorrectal; o risco de cancro de pulmón asociado ás ocupacións laborais e as relacións entre nutrición e cancro son algúns dos vídeos que se recollen nesta entrega do especial.

“Proxector”
“Proxector: audiovisuais en galego para a docencia” é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.
 
Difusión
Proxector
Cancro: ciencia e conciencia sobre un desafío global.
Data de publicación
Luns, 9 de febreiro de 2026
Onde
consellodacultura.gal
Colabora
Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Santiago de Compostela
Autoría
Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CCG)
Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CCG)

Fonte da imaxe: Gemini IA