O Día Mundial contra o Cancro (4 de febreiro) é unha chamada á acción ante un desafío sanitario global que nos atinxe a todos e todas. A súa instauración, no Cumio Mundial contra o Cancro para o Novo Milenio celebrado o 4 de febreiro do ano 2000 en París, buscaba incrementar a concienciación social sobre o problema, fomentar a prevención e, en último termo, convidar os gobernos a incrementar o seu investimento en I+D+i. Grazas precisamente ao desenvolvemento científico e tecnolóxico, dúas décadas e media despois, logramos dar importantes pasos cara a unha medicina de precisión con terapias adaptadas ao perfil xenético de cada paciente e cada tumor, o que permitirá mellorar o acceso a diagnósticos e tratamentos temperás e reducir o número de mortes evitables.
Co ánimo de desterrar estigmas e de transformar o medo en coñecemento, sumámonos a esta conmemoración cun novo especial de Proxector no que atoparás información sobre a complexidade biolóxica do cancro, así como sobre algunhas das novas terapias que se están a investigar na actualidade. Tamén incluímos algúns vídeos que poñen o foco nos factores de risco, na prevención ou, cando isto non é posible, na detección precoz.
En que se diferencia o comportamento da células canceríxenas do das sas?
Vídeo de TED (3´ 50´´) no que George Zaidan nos fala da relación que existe entre o proceso biolóxico da "división celular" e o cancro. Concretamente, explícanos como as mutacións que se producen durante este proceso de división celular orixinan a proliferación sen control de células canceríxenas, e como esta mesma división descontrolada das células se acaba convertendo no principal punto débil do cancro.
Tradución ao galego de Gisela Camolesi para #TedSaúde 2022.
Como se investiga o cancro no laboratorio?
O laboratorio de Ciclo Celular e Oncoloxía (Ciclon) do CiMUS estuda os mecanismos celulares e moleculares da transformación tumoral e aplica o seu coñecemento ao descubrimento e validación de novas terapias contra o cancro. Neste vídeo divulgativo (8´ 07´´) o investigador Anxo Vidal cóntanos como se realiza o traballo de investigación neste laboratorio.
Esta charla retransmitiuse en directo o 28 de novembro de 2020 no marco da xornada virtual Ciencia Singular 2020, organizada pola USC.
Previr o cancro a golpe de xiringa
A comunidade científica sabe hai xa máis de cen anos que determinados virus son quen de causar cancro. Concretamente, a día de hoxe están identificados sete virus oncóxenos, é dicir, capaces de promover certos tipos de cancro. Neste vídeo divulgativo (8´ 10´´) Paula Otero Sánchez, estudante predoutoral no CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela, fálanos desta relación que hai entre o cancro e os virus, e como este últimos se poden previr grazas ás vacinas.
A charla tivo lugar o 12 de febreiro de 2023 no Teatro Principal de Pontevedra, no marco do programa de divulgación científica "A foto 51", organizado polo Concello de Pontevedra, en colaboración co xornal GCiencia e o programa Efervesciencia (Radio Galega).
Fármacos con billete directo á raíz do cancro
Neste vídeo divulgativo (2´ 20´´) o equipo da profesora María José Alonso, do CiMUS-Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, fálanos de novidosas estratexias para a vehiculización de fármacos contra o cancro. Concretamente, explícanos como grazas á nanotecnoloxía se están a desenvolver novos tratamentos contra o cancro baseados na medicina personalizada, que xa deron resultados positivos en estudos en vivo con animais en modelos de cancro de pulmón, de páncreas e de colon (tres dos tumores con maior incidencia na poboación).
Proxecto Xenoma Galicia - Cancro
A herdanza xenética é un factor relevante tanto no cancro de mama coma no de ovario. Neste vídeo divulgativo (1´ 17´´) explícannos como no marco do Proxecto Xenoma Galicia, que botou a andar a finais do ano 2024, se van someter tres xenes concretos (BRC1, BRC2 e PALB2) a un cribado de mostras de ADN. O obxectivo é identificar as persoas que teñen un risco especial de desenvolver este tipo de cancros e facerlles un seguimento específico.
Que é a proba de Papanicolau e quen foi unha das súas inventoras?
Vídeo divulgativo (1´) no que Laura Veiga, divulgadora científica sobre educación menstrual, nos explica de xeito moi breve en que consiste a proba de Papanicolau, empregada na detección precoz do cancro de útero. O nome da proba debémoslla ao patólogo George Papanicolaou, pero sabes que papel tivo a doutora May Edwards Chinn no seu descubrimento? Laura cóntonolo neste vídeo.
Que é o gas radon e como afecta á nosa saúde?
Vídeo (1´ 02´´) de divulgación científica, difundido na canle GC TV do xornal GCiencia, sobre o radon, un gas radioactivo presente maiormente en solos graníticos. Máis de 300 galegos morren cada ano por cancros de pulmón causados por este gas. Este vídeo axudarache a entender as consecuencias nocivas que a súa inhalación ten para a nosa saúde.
Por que é importante facer o test de cribado de cancro colorrectal?
Vídeo (2' 05'') do proxecto "A Universidade responde" no que Fernando Fernández, profesor do Departamento de Patoloxía Cirúrxica da USC e cirurxián do SERGAS, nos fala da importancia de realizar o test de cribado de cancro colorrectal (o máis frecuente entre a poboación xeral cando se analizan en conxunto ambos sexos) para detectar lesións en estadios iniciais, antes de que aparezan os síntomas da enfermidade.
Risco de cancro de pulmón asociado ás ocupacións laborais
O cancro de pulmón é o segundo tipo de cancro máis diagnosticado a nivel mundial, cunha incidencia do 11,4% na poboación. Neste vídeo divulgativo (8´ 10´´) a investigadora Eliana Torres Cadavid preséntanos o seu proxecto de tese, no que estuda o risco de cancro de pulmón asociado ás ocupacións laborais.
A presentación tivo lugar no marco do Curso de Habilidades Comunicativas organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da USC en 2024.
O papel dos microminerais no doente oncolóxico na provincia de Lugo
Vídeo divulgativo (9´ 04´´) no que Marta López Alonso, docente na Facultade de Veterinaria da USC e investigadora do grupo IG IMedA, nos presenta polo miúdo un proxecto do investigación sobre o papel dos microminerais nos doentes oncolóxicos da provincia de Lugo, partindo da premisa de que o estudo do metabolismo mineral dos animais (principal liña de investigación do grupo IG IMedA) ten implicacións directas no estudo da saúde humana, pois por un lado os animais son produtos da alimentación humana, e por outro, tamén poden servir como marcadores de contaminación ambiental.
Esta charla tivo lugar en abril de 2022, no marco das actividades formativas organizadas polo Hopital Universitario Lucus Augusti.
Nutrición e cancro
O Fondo Internacional para a Investigación sobre o Cancro advirte nos seus estudos de que “o noso estado nutricional (o que comemos e bebemos, o activos que somos e a cantidade de graxa corporal que temos), inflúe no risco de moitos tipos de cancro no adulto, pero tamén dende e antes do nacemento”. Neste vídeo divulgativo (18´ 28´´) a nutricionista Antía Pérez Vázquez lémbranos que entre un 30 e un 35% dos factores de risco de padecer cancro están relacionados cos nosos hábitos alimentarios e explícanos que debemos entender por alimentación saudable e cales son os obxectivos da terapia nutricional nos pacientes oncolóxicos.
Esta charla tivo lugar en outubro de 2020, no marco das actividades formativas organizadas polo Hospital Universitario Lucus Augusti.
Boas noticias na loita contra o cancro de páncreas
Quen perdeu un ser querido por cancro de páncreas, sabe ben a devastadora velocidade con que esta enfermidade pode afectar a unha persoa sa. Nesta charla de TED (6' 03'') Laura Indolfi, emprendedora en biomedicina, está desenvolvendo un método revolucionario para tratar esta complexa enfermidade: un dispositivo dispensador de fármacos que actúa coma unha gaiola sobre o tumor, evitando a súa propagación e liberando o medicamento só onde é necesario.
Tradución ao galego de Maite Díaz para #TedSaúde USC.

