Quiosko Alfonso, A Coruña, do 5 de marzo ao 3 de maio de 2026A Coruña
A exposición EMIGRANTAS: EMERXER DO SILENCIO, organizada polo Consello da Cultura Galega e comisariada por Antía Pérez Caramés, Keina Espiñeira e María Alonso Alonso, co deseño expositivo de Uqui Permui, inaugúrase o próximo 11 de marzo de 2026 ás 19:30 horas no Quiosco Alfonso da Coruña.
Emigrantas: emerxer do silencio é unha mostra que recupera e visibiliza as historias da emigración das mulleres galegas, durante décadas silenciadas polos relatos oficiais da historia. A través de arquivos históricos, instalacións artísticas, fotografías, materiais audiovisuais, cartas, obxectos e voces gravadas, a mostra percorre as múltiples formas de partir, vivir, traballar, resistir e regresar destas mulleres que abriron camiños vitais, culturais e políticos alén das fronteiras.
A exposición pon o foco nas experiencias cotiás e colectivas das emigrantas: o traballo, a aprendizaxe, a organización social, os coidados, a escrita e a memoria transmitida. Ao tempo, recoñece o labor das investigadoras, historiadoras e creadoras que fixeron emerxer estas voces: «Estamos tamén aquí grazas ás que revisaron con lupa as listas de embarque e atoparon os nomes das pasaxeiras; ás que percorreron vilas, aldeas e territorios de todos os continentes, gravadora na man, para dar conta dos testemuños das emigradas».
O percorrido propón un diálogo entre arquivos históricos e a creación contemporánea, animando a escoitar, mirar e deter a atención nos relatos que emerxen ao longo da visita. Como o mar que atravesaron, esta historia é aberta e infinita. Emigrantas convídanos a mirar cara atrás para entender o presente, a interrogar os silencios herdados e a reconstruír, entre todas, unha memoria compartida.