A partir deste venres, 6 de marzo e cada venres do mes, o CDIF pon en rede os primeiros dunha serie de materiais que consolidan ferramentas para o coñecemento e a investigación dos feminismos en movemento e recoñecen a pluralidade de voces que fixeron posible o seu desenvolvemento en Galicia. Incorpora dúas novas revistas á hemeroteca feminista A Saia —Donicela. Revista das mulleres de Vigo e Andaina. Derradeira e 3ª época—, publicacións que foron espazos fundamentais de pensamento, debate e articulación do feminismo galego en distintas etapas. Publicará tamén a biobibliografía da Plataforma Galega para o Dereito ao aborto, un dos suxeitos colectivos clave na loita polos dereitos sexuais e reprodutivos en Galicia.
Da posta en rede dos materiais procedentes do CIDF, destaca a primeira entrega dos fondos Memoria en movemento- engadindo materiais producidos por 11 organizacións feministas, o que supón un paso destacado no acceso e posta en valor dos fondos arquivísticos e documentais que o Centro custodia. O proxecto “Memoria en movemento” iniciado polo CDIF en 2005 recupera, conserva e ponen valor a produción de activistas e activismos feministas e que desde 2019 ocúpase tamén dos activismos LGTBIQ+ con fondo específico. O fondo, que conta na actualidade con materias que atinxen a máis de 200 organizacións, comeza coa visiblización de material dunha ducia de entidades. Presta atención especial a grupos e colectivos que desenvolven ou desenvolveron a súa actividade en Galicia a partir da década dos sesenta do século XX. Os seus arquivos constitúen unha fonte de recursos fundamental para coñecer as súas producións e dinámicas na loita contra o patriarcado e androcentrismo en Galicia e alén.
Ademais, tamén se visibilizarán as biobibliografías de Concha do Canizo e África Leira, contribuíndo a visibilizar as traxectorias individuais que sostiveron e impulsaron a acción no campo da música e no activismo.
Proxector
A entrega de marzo de “Proxector”, iniciativa de divulgación en lingua galega que elaboran o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), céntrase na “Perspectiva de xénero na investigación: cara a unha ciencia de calidade”. Ao fio da celebración do Día Internacional da Muller, ofrece “unha escolma de recursos nos que a muller é o centro do estudo e debate, co ánimo de reivindicar unha ciencia de vangarda que corrixa os puntos cegos da investigación tradicional e achegue unha foto completa da realidade”.
Ciclo de cine “Olladas de muller”
Do 10 ao 14 de marzo, regresa á sala José Sellier da Coruña o ciclo gratuíto Olladas de Muller. Organizado en colaboración coa Filmoteca de Galicia e que nesta 14ª edición ten como novidade, que achega unha sección comisariada por Beli Martínez e Keina Espiñeira na que se proxectan producións audiovisuais que ofrecen outra mirada sobre a emigración galega. Este ciclo é unha das actividades paralelas da exposición “Emigrantas. Emerxer do silencio”.
Emigrantas
O vindeiro 11 de marzo ábrese ao público no Quiosco Alfonso da Coruña exposición “Emigrantas. Emerxer do silencio”, comisariada por Antía Pérez Caramés, Keina Espiñeira e María Alonso Alonso e con deseño expositivo de Uqui Permui. Recupera e visibiliza a través de materiais de diferente tipo, as historias da emigración das mulleres galegas que foron silenciadas do relato oficial durante décadas. A mostra percorre arquivos históricos, instalacións artísticas, fotografías, materiais audiovisuais, cartas, obxectos e voces gravadas, para achegarse ás historias de mulleres que nos amosan as múltiples formas de partir, vivir, traballar, resistir e regresar destas mulleres que abriron camiños vitais, culturais e políticos alén das fronteiras.
O relato expositivo céntrase nas experiencias cotiás e colectivas das emigrantas: o traballo, a aprendizaxe, a organización social, os coidados, a escrita e a memoria transmitida. Ademais, tamén recoñece o labor das investigadoras, historiadoras e creadoras que fixeron emerxer estas voces. Artéllase nun diálogo entre arquivos históricos e a creación contemporánea, animando a escoitar, mirar e deter a atención nos relatos que emerxen ao longo da visita.




