NOTICIA

----

Novas actividades complementan a exposición Emigrantas. Emerxer do silencio

Un obradoiro dirixido a público familiar, dúas visitas guiadas e a presentación dun catálogo complementan o relato da mostra Emigrantas. Emerxer do silencio, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración do concello da Coruña. A exposición, que pecha as súas portas o vindeiro 3 de maio no Kiosco Alfonso, desenvolverá nas vindeiras semanas un completo programa de actividades paralelas dirixidas a público familiar e xeral co obxectivo de afondar nos contidos da mostra desde unha perspectiva participativa e de mediación cultural.

O programa arrinca co obradoiro familiar ‘Cartografía téxtil para as emigrantas’, que se celebrará o sábado 25 de abril ás 12.00 horas. Trátase dunha proposta participativa na que, a través de técnicas sinxelas de collage téxtil inspiradas nas pezas de Carmen Arias de Castro, “Mimina”, as familias crearán un mapa colectivo de historias de emigración a partir de experiencias reais, familiares e afectivas. A actividade, cunha capacidade para 12 familias (cada menor acompañado dunha persoa adulta), busca poñer o foco na emigración como experiencia vital, interxeracional e emocional, promovendo a creación colectiva e a transmisión da memoria. A inscrición abrirase o luns 20 de abril ás 10.00 horas a través da plataforma municipal de ticketing.

No mesmo contexto de apertura da exposición á cidadanía, o programa complétase con visitas guiadas os sábados 25 de abril e 2 de maio, ambas ás 18.00 horas. Estas sesións ofrecerán un percorrido comentado polas pezas da mostra, contextualizando os procesos migratorios e atendendo especialmente ás experiencias das mulleres emigrantes. As prazas poderán reservarse no teléfono 981 189 898 (de luns a venres de 8.00 a 15.00 horas) ou no correo electrónico indicado polo espazo expositivo.

Como peche das actividades paralelas, o luns 27 de abril ás 19.00 horas terá lugar a presentación do catálogo ‘Emigrantas: emerxer do silencio’, unha publicación que funciona como soporte editorial complementario da exposición. A revista amplía os contidos da mostra, incorpora lectura especializada e recompila testemuños, historias e materiais biográficos que permiten afondar nas experiencias da emigración feminina, consolidándose como unha ferramenta de divulgación e memoria do proxecto.