Encontro - A xestión dos espazos expositivos en Galicia a debate. Martes, 22 de setembro de 2026

A xestión dos espazos expositivos en Galicia a debate

Xestión dos espazos expositivos a debate

A xestión dos espazos expositivos en Galicia a debate

2º Encontro sectorial.

Martes, 22 de setembro de 2026
Santiago de Compostela
Encontro
Xestión dos espazos expositivos a debate

A xestión dos espazos expositivos en Galicia a debate

2º Encontro sectorial.

Martes, 22 de setembro de 2026 Santiago de Compostela
A partir da grave crise do Centro Galego de Arte Contemporánea, unha análise dende as múltiples olladas do sector profesional sobre a situación do sistema artístico institucional en Galicia.

A recente designación da dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) provocou unha ampla reacción no ámbito artístico e cultural galego, e abriu un debate que vai máis alá dun nome concreto para situarse en cuestións de fondo relacionadas cos procedementos de selección, os modelos de xestión e gobernanza das institucións culturais, as políticas culturais públicas e os mecanismos de participación do sector. Neste contexto, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega promove a realización de dous encontros sectoriais como espazos de diálogo, reflexión e intercambio entre os distintos axentes que integran o ecosistema cultural galego. A iniciativa nace coa vontade de contribuír a unha análise compartida do momento actual e de abrir unha conversa plural arredor dos retos que afronta o sector, tomando como punto de partida a situación xerada no CGAC.

Os encontros reunirán representantes de asociacións profesionais, creadoras e creadores, responsables institucionais e especialistas en xestión cultural, crítica, investigación e comisariado, ademais de voces relevantes do tecido artístico e cultural. O seu propósito é favorecer unha reflexión colectiva que permita identificar necesidades comúns, detectar ámbitos de mellora e formular propostas que contribúan ao fortalecemento do sistema cultural galego. Máis alá da análise da situación actual, estes encontros sectoriais buscan promover unha visión de futuro baseada na cooperación, o diálogo e a corresponsabilidade. Entre os temas que se abordarán figuran a transparencia nos procesos de selección, a participación dos e das profesionais na definición das políticas culturais, a autonomía das institucións e as condicións necesarias para garantir un desenvolvemento cultural sólido, diverso e sostible.

O Consello da Cultura Galega entende estes encontros como unha oportunidade para canalizar as inquietudes existentes e convertelas nun exercicio construtivo de pensamento compartido, capaz de xerar novas expectativas, fortalecer os vínculos entre os distintos sectores culturais e contribuír ao coidado e mellora das estruturas culturais de Galicia.

Logo do primeiro destes encontros sectoriais, o 14 de xullo, este segundo encontro do día 22 de setembro serve para reflexionar sobre o ámbito da xestión e da dirección dos museos de arte contemporánea e as políticas culturais públicas da man de representantes de institucións, museos de arte contemporánea estatais, entidades representativas do sector e profesionais da xestión cultural. Durante esta sesión, escoitaremos a profesionais da crítica, da xestión, do comisariado, da dirección de museos e centros de arte, da investigación e da creación artística, para seguir afondando sobre a situación das políticas públicas que determinan o funcionamento das nosas institucións culturais.

Ademais, a posta en marcha dun cuestionario en liña no mes de agosto recollerá ata finais de setembro reflexións por escrito dun amplo espectro de perfís que compoñen o sector cultural galego, así como da cidadanía, con diferentes voces de públicos e colectivos que crean, demandan e participan da cultura.

• 1º encontro: 14 de xullo de 2026
+ Cuestionario en liña (dispoñible ata o 27 de setembro)
• 2º encontro: 22 de setembro de 2026
• Presentación do informe ou documento final: outubro-novembro de 2026
Ficha técnica 
Encontro
Xestión dos espazos expositivos a debate
A xestión dos espazos expositivos en Galicia a debate
2º Encontro sectorial.
Cando
Martes, 22 de setembro de 2026
Onde
Santiago de Compostela
Lugar

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202

Coordinación
Paula Cabaleiro Comesaña
Anxela Caramés Sales
Silvia García González
Luisa Pita
Patricia Verdial Garay
Relator/a
Natalia Balseiro Rodríguez
Pedro de Llano Neira
Manuel Olveira Paz
Roberto Pascual Rodríguez
Elena Vozmediano
Modera
Paula Cabaleiro Comesaña
Silvia García González
Luisa Pita
Presenta
Paula Cabaleiro Comesaña
Silvia García González
Dolores Vilavedra
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas (CCG)

Imaxe da portada: © Wikipedia Commons. r2hox