O segundo permitirá ampliar esta análise desde a perspectiva da xestión e da dirección dos museos e centros de arte contemporánea e do papel das políticas culturais públicas da man de profesionais con experiencia en dirección de institucións artísticas, crítica, investigación, comisariado e xestión cultural. A sesión comeza cunha conferencia da crítica de arte Elena Vozmediano titulada “Cara a unha vixilancia colectiva das institucións culturais* e presentada por Silvia García. A intervención abordará o papel da sociedade e do propio sector cultural no seguimento e avaliación do funcionamento das institucións artísticas e na construción de mecanismos que favorezan a súa responsabilidade e transparencia. Após a súa intervención terá lugar a mesa redonda “As políticas culturais públicas e o seu impacto na xestión e dirección dos museos e centros de arte contemporánea na actualidade” coa presenza de Manuel Olveira, escritor e xestor cultural e exdirector de catro institucións artísticas, entre elas o CGAC; José Luis Pérez Pont, xestor cultural e crítico de arte, exdirector do Centre del Carme Cultura Contemporània de Valencia e do Consorci de Museus de la Comunitat Valenciana; Natalia Balseiro, investigadora, curadora e mediadora cultural; Pedro de Llano, investigador, comisario e profesor da Universidade de Santiago de Compostela; e Roberto Pascual, profesor, dramaturgo, investigador e xestor cultural e membro da Comisión de Xestión e Políticas Culturais do CCG. O debate centrarase nos modelos de dirección e xestión das institucións artísticas, na relación entre as políticas culturais e o funcionamento dos museos e centros de arte e nas condicións necesarias para garantir a súa estabilidade, autonomía e capacidade de planificación. A análise incorporará tamén unha perspectiva comparada a partir das experiencias de diferentes institucións e territorios.
A partir das 18:30 horas, o encontro abrirá un *Debate horizontal - Micro aberto*, no que tanto as persoas participantes como o público asistente poderán formular propostas arredor das políticas públicas e do funcionamento das institucións culturais. O grupo de coordinación será o encargado de moderar este espazo e ordenar as intervencións, coa vontade de favorecer unha participación ampla e un diálogo construtivo.
A xornada rematará ás 19:30 horas coa presentación das principais conclusións do encontro por parte do grupo coordinador.
Un proceso que culminará nun informe final
Esta segunda xornada dá continuidade ao encontro celebrado o pasado 14 de xullo, no que representantes de asociacións profesionais, institucións culturais, universidades e diferentes ámbitos das artes visuais analizaron a situación dos espazos expositivos galegos e, en particular, os modelos de gobernanza e os procedementos de selección das direccións das institucións culturais. As conclusións daquela primeira sesión apuntaron á necesidade de reforzar os mecanismos de diálogo entre o sector e as administracións, avanzar cara a modelos de gobernanza con maior autonomía e participación e garantir a transparencia nos procesos de selección. Estas iniciativas están coordinadas por Paula Cabaleiro, Anxela Caramés, Silvia García González, Luisa Pita e Patricia Verdial.
Entre as propostas formuladas figuraron a creación dunha mesa sectorial permanente que funcione como canle estable de interlocución entre o sector das artes visuais e as administracións, a recuperación dun plan director para o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o reforzo da autonomía das institucións culturais, a aplicación efectiva do Código de Boas Prácticas e a incorporación de mecanismos de transparencia nos procesos de selección. Tamén se sinalou a conveniencia de analizar outros modelos de gobernanza existentes en museos nacionais e noutras comunidades autónomas, así como de reforzar a profesionalización e a planificación estratéxica dos centros culturais.
O proceso complétase cun cuestionario en liña, aberto ata o 27 de setembro, destinado a recoller achegas por escrito dun amplo espectro de perfís vinculados á cultura galega, así como da cidadanía e dos diferentes públicos que crean, demandan e participan da cultura.
As conclusións das dúas xornadas e as achegas recibidas a través do cuestionario servirán de base para a elaboración dun **informe final do Consello da Cultura Galega**, previsto para o último trimestre de 2026. O documento contará cunha primeira parte de diagnose e unha segunda de carácter propositivo, coa intención de formular recomendacións tanto sobre os modelos de selección e xestión das institucións culturais como sobre os mecanismos de interlocución necesarios para a definición, execución e seguimento das políticas culturais públicas.



