O Día das Aves, promovido por BirdLife International, e o Día das Aves Migratorias, coordinado por SEO/BirdLife, inspiran a nova entrega de Proxector, o especial de divulgación en galego impulsado polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Baixo o título «As aves: o fascinante mundo dunhas intrépidas viaxeiras», reúne unha ducia de vídeos para identificar especies, descubrir os seus hábitats e coñecer mellor os seus modos de vida e os retos aos que se enfrontan.
O especial deste mes de “Proxector” arrinca cun vídeo sobre a identificación do canto das aves e propón un percorrido pola diversidade e a riqueza da avifauna galega, desde os espazos urbanos ata os ecosistemas costeiros e os esteiros. Continúa cunha proposta práctica para aprender a recoñecer as aves a través dos seus sons, coa axuda das aplicacións Merlin Bird e BirdNET, e continúa cunha aproximación aos espazos naturais protexidos, especialmente ás zonas de especial protección para as aves (ZEPA) mariñas de Galicia. As costas galegas ocupan un lugar destacado neste percorrido, con pezas dedicadas ás aves mariñas do Golfo Ártabro, ao paso migratorio por Estaca de Bares e ás especies que habitan o esteiro do Anllóns e o esteiro do Miño, dous enclaves fundamentais para a observación de aves. Os vídeos permiten descubrir tamén a importancia destes territorios para a conservación da biodiversidade e o seu potencial para promover un turismo naturalista sostible.
O especial achégase igualmente ás aves que conviven connosco nas cidades, a través de dous traballos sobre as especies silvestres de Pontevedra e as aves urbanas de Ourense, e afonda en comportamentos singulares, como a cría das gaivotas patiamarelas nos tellados ou o papel ecolóxico desta especie nos ecosistemas costeiros das Illas Atlánticas. Completan a escolma un vídeo sobre a alimentación do peto verdeal, outro que explica a presenza excepcional dun grupo de voitres leonados na serra do Barbanza e unha peza divulgativa sobre a sorprendente intelixencia dos corvos. En conxunto, os doce recursos ofrecen unha oportunidade para observar, aprender e comprender mellor o mundo das aves, así como para tomar conciencia da importancia de conservar os espazos naturais dos que dependen.
"Proxector", iniciativa de divulgación
“Proxector: audiovisuais en galego para a docencia” é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.