As aves: o fascinante mundo dunhas intrépidas viaxeiras

Cada ano, durante a primeira fin de semana de outubro, a ONG BirdLife International promove a nivel mundial a celebración do Día das Aves, un evento de divulgación científica e sensibilización cidadá sobre o fascinante mundo das aves, coordinado en España por SEO/Birdlife. A maiores, este pasado sábado 10 de outubro conmemorouse tamén o Día Mundial das Aves Migratorias, neste caso poñendo o foco no fenómeno da migración e na importancia ecolóxica que teñen para os nosos ecosistemas estas intrépidas viaxeiras.

Grazas á nosa privilexiada situación xeográfica no corredor migratorio cántabro-atlántico e tamén á nosa gran diversidade de hábitats, Galicia converteuse nun lugar estratéxico para o turismo ornitolóxico. Petos, paporroibos, lavandeiras, voitres, corvos mariños, gaivotas, pilros, biluricos, píllaras, pardais... habitan cidades, montes, mares e zonas húmidas e son os nosos aliados na conservación do medio natural, xa que desenvolven funcións ecolóxicas clave como a polinización, a dispersión de sementes ou o control de pragas, ademais de actuaren como excelentes bioindicadores de saúde ambiental.

Se queres aprender a identificar as aves da túa contorna e saber máis sobre os seus modos de vida, aquí tes unha ducia de recursos de interese para ti.

[Imaxe da portada: xílgaro europeo, elixida Ave do Ano 2026 por Seo/Birdlife. Fonte: Wikimedia Commons]

Identificación de canto de aves

En certas ocasións unha agradable banda sonora ameniza as nosas andainas pola natureza. Son aves que escoitamos, pero non sempre podemos ver. Neste vídeo didáctico (2´ 44´´) os profesores Noemí Vázquez e Xacobo de Toro ensínanche a identificar as aves polo seu canto, empregando as aplicacións "Merlin Bird" e "BirdNET".
Ferramentas de utilidade:
-Guía visual e sonora de identificación de aves
-Aplicación Merlin Bird
-Aplicación BirdNET

Rede Natura 2000 e os espazos mariños protexidos de Galicia

A Rede Natura 2000 foi creada en 1992 para asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e dos diferentes tipos de hábitas naturais de interese europeo. Neste vídeo divulgativo (8´ 23´´) poderás coñecer mellor a superficie galega que pertence a esta Rede, poñendo o foco nas zonas de especial protección para as aves (ZEPA) e máis concretamente, nas ZEPA mariñas, onde viven preto de 40 especies, das que 27 se consideran clave.

As aves mariñas da costa coruñesa

A costa coruñesa é un lugar crucial para a superviviencia de milleiros de aves mariñas procedentes de diversos lugares do planeta, porque neste punto clave das súas viaxes oceánicas é onde comen e se reproducen. Por este motivo, Estaca de Bares é o mellor lugar de Europa para a observación do paso de aves migratorias. Neste vídeo divulgativo (5´ 57´´) fálannos da poboación de aves mariñas que se poden observar no Golfo Ártabro.

Veciñas do aire. As aves en Pontevedra

Documental educativo (31´ 55´´), realizado polo naturalista Federico de la Peña, sobre as aves silvestres que habitan na cidade de Pontevedra, tanto as que viven permanentemente na cidade como as que a visitan no inverno, fuxindo das temperaturas xélidas doutras latitudes.

Aves urbanas de Ourense

Neste vídeo didáctico (4´ 49´´) terás oportunidade de coñecer mellor dez aves urbanas que poden verse habitualmente na cidade de Ourense. Son as seguintes: o paporrubio, a lavandeira branca, o pato mudo, o corvo mariño, o merlo común, o lavanco, a garza real, o pardal, o pombo e a pita de auga.

O traballo foi realizado por Manuel Eirín, alumno de 1º da ESO no IES As Lagoas (Ourense), no marco da Semana da Ciencia 2022.

Querida gaivota maldita!

Unha das maiores colonias de cría da gaivota patiamarela atópase nos catro arquipélagos que conforman o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Nesta curtametraxe divulgativa (10´ 16´´), producida por Ibis Natureza e Imaxe e dirixida por Manuel Pedrosa e Mariam Mariño, explícanse cales son os traballos que se realizan no Parque Nacional para a conservación desta especie ameazada e ponse de relevo o importante papel ecolóxico que xoga a gaivota patiamarela no mantemento dos ecosistemas costeiros e a súa cadea trófica.

Material complementario:
-Recursos didácticos sobre o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

Nos tellados

Vídeo (8' 03'') dirixido e producido pola asociación Ecoloxía Azul en que se amosa o comportamento dunha parella de gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) que fan o seu niño e crían os seus polos nos tellados da cidade de Pontevedra.

Aves do esteiro do Anllóns

O único punto da península ibérica onde se poden ver aves migratorias que voan desde Canadá e os Estados Unidos está en Galicia, máis concretamente na Costa da Morte. Neste vídeo divulgativo (6´ 25´´) o ornitólogo Xosé Luis Rabuñal Patiño axúdache a coñecer mellor as aves migratorias que poden divisarse no esteiro do río Anllóns. Tamén reflexiona sobre o gran potencial que ten a ornitoloxía para atraer un turismo naturalista sostible.

Aves acuáticas do esteiro do Miño

Vídeo divulgativo (7´ 11´´) sobre algunhas das aves acuáticas, a maioría delas invernantes, que se poden ver na zona ornitolóxica do esteiro do Miño, un dos enclaves máis importantes de acollida destas aves en Galicia. Concretamente, no filme poderás ver o cullereiro, a garzota, as gavitas, o mazarico rabipinto, o pato real, o bilurico pativerde, o bilurico común, o bilurico bailón, o pilro bulebule ou a píllara riscada.

O vídeo foi realizado por Agustín Ferreira Lorenzo, co apoio da Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM).

Peto verdeal alimentándose

Santiago Vázquez, membro do Grupo Naturalista Hábitat, amósanos neste vídeo (2´ 57´´) un peto verdeal (Picus sharpei) alimentándose dos insectos xilófagos que extrae de debaixo da cortiza dunha árbore.

Voitres na serra do Barbanza?

A finais do pasado mes de xuño, un grupo de 100 voitres leonados causaron expectación nos ceos de Porto do Son, xa que é un fenómeno moi pouco habitual velos sobrevoar a serra do Barbanza. Neste breve vídeo divulgativo (1´ 43´´) o fotógrafo de natureza Iago Rois fálanos do comportamento dos voitres e explícanos que facían nesa zona.

Como de listos son os corvos?

Seguramente coñeces a fábula de Esopo na que un corvo quere beber a auga que está dentro dun cántaro e como non lle chega, bota coios dentro para que a auga emerxa, poñendo de manifesto a abraiante intelixencia dos córvidos. Partindo dos datos obtidos en diferentes estudos científicos, neste vídeo divulgativo (4´ 29´´) Katharina Brecht cóntanos que sabemos actualmente sobre a intelixencia destas aves.

A tradución ao galego é de Yolanda Casas Fuentes e foi un dos traballos finalistas do certame #TraduceTed 2025, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela.