Nota biográfica
Nacido en Bos Aires en 1910, nunha familia de emigrantes galegos, residiu en Galicia desde 1916, onde se formou como avogado e como artista á beira de mestres como Carlos Maside, en Compostela. Militante no galeguismo republicano, fuxiu da represión de 1936 e retornou á súa cidade natal, onde foi acollido por un grupo de intelectuais antifeixistas arxentinos (Frontini, Romero, Cóppola, Córdova) e artistas galegos como Blanco Amor ou Manuel Colmeiro. Na cidade de Bos Aires desenvolveu unha grande actividade cultural como deseñador, editor, creador literario, gravador e pintor, tanto no seo da cultura arxentina como entre a colectividade de emigrados e de exiliados republicanos. Dirixiu durante vinte anos o xornal Galicia do Centro Gallego e participou na actividade de editoras como Emecé, Nova, Losada ou Botella al Mar, sempre en estreita colaboración con amigos galegos como Lorenzo Varela, Rafael Dieste e Arturo Cuadrado, alén de moitos exiliados españois como Rafael Alberti ou Francisco Ayala.
A súa integración na cultura arxentina foi moi intensa, como mostra este epistolario. Pero tamén foi decisiva a súa contribución para manter viva a cultura galega herdada da experiencia da II República, grazas a un contacto permanente con figuras como Fernández del Riego, Paz-Andrade, García-Sabell, Carlos Maside ou Aquilino Iglesia Alvariño. Con todo, o principal enlace con Galicia foi, desde finais dos anos cincuenta, o artista plástico e empresario ceramista Isaac Díaz-Pardo, con quen fundou o Laboratorio de Formas de Galicia e un ambiciosos proxecto de renovación cultural, organizado arredor do grupo Sargadelos.
Desde os anos sesenta fixo periódicas viaxes a Galicia, sen abandonar de modo definitivo Bos Aires. Morreu na cidade da Coruña en abril de 1979 e deixou un inmenso legado que, en gran parte, foi depositado na Fundación Luís Seoane (A Coruña), que promoveu con entusiasmo a súa viúva, Maruxa Fernández, finada en 2003.
Conrado Alem é un seudónimo que Seoane utiliza en Correo Literario xunto ao de Maximino Brocos e que mantén noutras publicacións contemporáneas e posteriores.
Nota biográfica
Licenciouse como profesor de Filosofía na Facultad de Filosofía y Letras (UBA, 1952), onde ditou clases de Estética. Dirixiu o Museo de Arte Moderno (1971-83) e o Museo Nacional de Bellas Artes (1984). Crítico da arte nos diarios La Nación e La Razón. Coordinador de exposicións internacionais. Membro da Academia Nacional de Bellas Artes. Escribiu, entre outros libros: Raquel Forner (1980, Primeiro Premio da Asociación Argentina de Críticos de Arte), Basaldúa, Obras de Juan Batlle Planas, Homenaje a Venecia, Retrospectivamente, Sonetos Bíblicos. Recibiu as seguintes distincións polos libros de poemas: Faja de Honor da SADE por Isla dentro de mí (1963) e Segundo Premio Municipal por De la materia de los sueños (1970).