Proxecto Epístola
Unha iniciativa para consultar e explorar as relacións epistolares entre figuras relevantes da cultura galega.O Proxecto Epístola xorde no ano 2010 como froito das tarefas de recuperación e preservación dos fondos documentais realizadas polo Consello da Cultura Galega a partir da iniciativa de dixitalizar as fontes documentais de personalidades do ámbito da cultura e da política galegas depositados en arquivos públicos e privados.
O Consello da Cultura Galega conserva actualmente en formato dixital un importante conxunto de documentos persoais de figuras senlleiras que son fundamentais para o coñecemento da historia da Galicia contemporánea: Rosalía de Castro, Luís Seoane, Valentín Paz-Andrade, Manuel Puente, Antonio Pérez Prado, Xosé Benito Abraira, Carlos Maside, Isaac Díaz-Pardo, Lois Tobío, Silvio Santiago, Ramón Piñeiro ou Lino Novás, entre outros..
En moitos destes arquivos o corpus documental conservado está formado por grupos de cartas ou epistolarios das distintas personalidades. Estas fontes documentais constitúen un material de singular interese científico en todos os eidos da información: desde un acceso a un mellor coñecemento de remitentes e de destinatarios e dos seus contextos, á posibilidade de comprobar datos e circunstancias.
Por todo isto, o Consello da Cultura Galega decidiu levar a cabo a edición sistemática, coidada e rigorosa desas cartas nun proceso de traballo que consistiu nunha primeira fase de dixitalización e transcrición e na posterior introdución das cartas no sistema editorial coa correspondente etiquetaxe de cada unha delas.
O obxectivo desta edición dixital dos fondos epistolares é facilitar a tarefa do persoal investigador como usuario principal destes arquivos e tamén contribuír á organización deste fondos, poñer en relación a documentación conservada nos distintos arquivos e o aceso á documentación por diferentes criterios de busca: onomásticos, cronolóxicos, temáticos e xeográficos, entre outros.
Este labor sería imposible de realizar sen a colaboración dos herdeiros dos autores e autoras e de diferentes institucións públicas e privadas: Parlamento de Galicia, Fundación Camilo José Cela, Fundación Losada Diéguez, Fundación Penzol, Real Academia Galega, Fundación Ramón Otero Pedrayo, Fundación Rosalía de Castro, función Luís Seoane.
Coleccións e fondos
- Colección Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane — 331 cartas, 1957–1979
- Colección Otero Pedrayo e Carballo Calero — 167 cartas, 1949–1974
- Colección Otero Pedrayo con Antonio Fraguas — 104 cartas, 1928–1976
- Colección Valentín Paz Andrade con Isaac Díaz Pardo — 98 cartas, 1945–1992
- Colección Manuel Rodrigues Lapa con Ramón Piñeiro — 91 cartas, 1953–1978
- Colección Carlos M. Rama – Lois Tobío — 82 cartas, 1963–1997
- Colección Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena — 66 cartas, 1949–1982
- Colección Paulo Rónai con Paz-Andrade — 52 cartas, 1974–1986
- Colección Os profetas do Pórtico e a cultura galega. Unha viaxe que non cesa — 30 cartas, 1909–1964
- Colección Luís Seoane e Ricard Salvat — 14 cartas, 1965–1977
- Colección Valentín Paz-Andrade e Guilherme de Almeida — 7 cartas, 1962–1968
- Colección Epistolario entre Ramón Otero Pedrayo e Ramón Cabanillas — 5 cartas, 1945–1959
- Fondo Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane. — 2.514 cartas, 1932–1979
- Fondo Lois Tobío no seu arquivo persoal — 483 cartas, 1939–1999
- Fondo Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoal — 258 cartas, 1930–1992
- Fondo Arquivo da Fundación Pública Galega Camilo José Cela — 231 cartas, 1944–2002
- Fondo Emilia Pardo Bazán no arquivo da Real Academia Galega — 156 cartas, 1879–1917
- Fondo Ramón Piñeiro na Fundación Penzol — 80 cartas, 1953–1978
- Fondo Rosalía de Castro — 17 cartas, 1861–1884
- Fondo Xosé María Álvarez Blázquez no seu arquivo persoal — 13 cartas, 1959–1973
- Fondo Eduardo Blanco Amor — 1 carta, 1968
Colabora
Se posúes ou coñeces a existencia de fondos epistolares, ou consideras que nos epistolarios xa publicados hai erros ou ausencias, agradecemos a túa achega en epistolarios@consellodacultura.gal.


