Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1945 · Proxecto Epístola / FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA
Versión de probas do Proxecto Epístola. Os contidos son os mesmos; estamos a probar unha nova forma de acceder a eles. Ir á versión actual
Proxecto Epístola · Carta

Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1945

19 de marzo de 1945 · Trasalba → ¿?

Carta en verso, en tercetos encadeados, na que Otero Pedrayo lle conta a Cabanillas a viaxe que fixo en marzo de 1945 desde Trasalba á Coruña, con paradas en Ourense, Pontevedra, Santiago, Rianxo —onde foi consolar as irmás de Castelao pola morte da nai—, Padrón e Vigo, para asistir á sesión da Real Academia Galega na que votou por delegación do poeta. Critica o ambiente da Academia, distánciase do Instituto Padre Sarmiento e reafirma a súa fidelidade ao Seminario de Estudos Galegos. Remata cunha posdata en prosa na que lamenta non ter coincidido co amigo.

Trasalba, San Xosé do 1945

Sr. D. Ramón Cabanillas

Pra recibire á leda primadeira
polos saudosos vieiros da Galiza
—pensando: será a miña derradeira? —
esparexín o mimo i-a priguiza
do lumioso hourizonte de Trasalba
qu'os ánemos e corpos enfeitiza
deixando o lar unha mañán ca ialba.
Debullei en Ourense boa lamprea
e pola noite a penedosa calva
descubriu diant'os ouros qu'alumea
o vougo Orión na ría de Pontevedra.
Humorista a romántica lúa chea
sobor das roínas elexíacas de hedra
era o insomne relox da Peregrina.
Mirei, gozoso, a fantasía de pedra
da trunfal Compostela vespertina
envexa dos piñeiros da Maía.
Lembradoiro, xentil, amante, fina
corda da lira da melanconía
foi Sant-Iago pra min. Pro Cabanillas
non xurdiu cand'a noite estrelecía
para falar de fúlxidas Antillas
e dos amigos idos! A Quintâ,
silente lago de brumosas illas,
embrulloume nos veos da señardá.
Baleira a catredal do sonoroso
coro, na hora solene da mañá
semellaba fadal ermo ventoso!
Fun con Pedret ás beiras do Sarela,
probei un ledo ullán, labio escumoso,
e recei diant'a raíña Berenguela.
Non hai máis puro lirio medieval
qu'isa mortiña de sorrir lonxao
a tal nena ca toca i-o brial!
Pisei de Rianxo o mariñán peirao
gostando d'arousán onda rial
para consoar ás irmás de Castelao.
Caieu sobr'as coitadas xiada lousa
co pasamento da doce naiciña.
Figura aquila casa triste chousa
sen o agarimo calmo da ceguiña
candea acesa de bondosa esperanza
hoxe unha cinza na nadal terriña!
Vagaba polos outos da Barbanza
a brétema doncel, a ría fulxía
ronseles inmorrentes da lembranza
e no Padrón o amor de Rosalía
agromando nos líricos salgueiros
ao dubidoso raiolar do día
espertoume a futuros ventureiros.
Mais na Cruña agardaba n'Academia
unha serán de tópicos loureiros.
Moito hai de raxetar nisa podremia!
Moi fermoso o discurso de Filgueira
i-a cidá, como sempre, aire de femia
i-engádego de tebra mariñeira.
Votei por ti ao xoven Alvariño
i-a Victoriano Taibo, o da senlleira
ispirazón petrucia com'o liño.
E por Vigo voltei co sentimento
de non falar contigo adispaciño.
Respeitando a grandeza de Sarmento
non son dise Instituto. Ao Seminario
gardo fieldá, e ao rexo xuramento.
Ben logo han de xurdir no tenebrario
os pábilos fumosos. Vén o abril.
Pra min vivo regosto maxinario
de fábulas antergas. Teu souril
falar, meu caro amigo, sería maio
na miña soedade. Legrías mil
pide a Deus para ti o teu tocaio

R. Otero Pedrayo

Querido Ramón: perdoa iste desafogo da semán de S. Xosé. Temos que trazar vernos iste vrau. Polo Apóstol estarei moi ben. Recibín con demora a túa carta. Espero que os teus xa estarán ben das súas doenzas. Fai moito non vexo a teu fillo maor, tan simpáteco e bo amigo. Pra min, que vivo illado é unha leda pelerinaxe unha volta por Galicia. Mais faltaches ti, e volvín tristeiro! Sempre teu

R. Otero Pedrayo