14/05/1962 Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1962 / <!--Epistolario singular VPA--> Fondo: Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoal / FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Proxecto Epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1962

14/05/1962
Jesús Bal y GayIsaac Díaz PardoRamón Otero PedrayoValentín Paz-AndradeLuís SeoaneArturo SoutoLorenzo Varela
Compartir en

Vigo, 14/5/1962


Querido Isaac:

Recibimos vosa carta do 27, co-a boa nova da volta de Mimina. Cando esta chegue cecais teña embarcado xa. Escribín a Losada, que ten intrés en mandarme os libros recentemente ilustrados por Luís, pra que os mandara por Mimina. Pol-o demais, non temos cousa algunha a traguer d-esa xenerosa terra, máisime no intre pol-o que ven pasando. Hai tempo que quixera ter o primeiro libro de tapas de Seoane, mais xa séi que non se atopa.
Sospeitamos que Mimina chegue nos primeiros de San Johan. Eu non estaréi aínda en condicións de ir ao porto, se ben escomenzo a moverme algo, co-a axuda da muleta. Pilar irá a agardal-a. Na tua carta falas de que vén na Dodero, mais non dices o barco.
O día 21 desembarca na Cruña o pintor Arturo Souto, con 50 coadros. Ven cheo de anceios por revivir na Terra, mais non sei se permanecerá eiquí. En Vigo ten unha irmá e sobriñas. Sei que tamén veu Jesús Bal, aínda que non aparecéu por Vigo. Cecais ande por Madrid. Só sei que estivo en Sant Yago, coa muller.
Onte estuvo a verme Otero Pedrayo, que está feliz co seu Premio. É pena que o premio teña patronímico, pra unha executoria tan limpa coma a de Ramón. Quixen dicir algo d-esto n-un artigo que me pediron os do Faro, mais non pudo ser. Armouse unha pequena revoldaina, deixáron-o dun día pra outro, viñeron a rogar enmenda… e tiven que eliminar o introito discriminador das dúas figuras morales.
Tamén Risco anduvo n-estes días por Vigo, aínda que non o vin. Fixo declaracións, ben asisadas, e supoño que está ben consolado cos cinco votos. Filgueira foi o que decidéu a votación. Tamen é o mais político no vello senso da verba.
¿Cando tomas o avión? Supoño que deixarás as cousas en forma de durar máis nas estancias galegas. E que d-esta, a de Antón Baltar será a definitiva. Os Dieste viñeron hai unha semán por eiquí, e volven a estar en Rianxo. E Luís ¿pensa en verdade na volta definitiva?
Nada máis. Lembranzas a Pepe e os demais amigos, co-a mellor aperta pra ti de

Valentín



[Engadido a man:] Será posible conquerir Lonxe, de Lorenzo Varela? Teño vellas ganas de o ter.

FICHA DOCUMENTAL