Proxecto Epístola

----
Data Título Orixe-Destino Tipo [ O. ]
Data Título Orixe-Destino Tipo [ O. ]
1958-12-28
Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1958
Trasalba - Cambados
epístola Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1958 en 28/12/1958

Trasalba 28 de Nadal do 1958

Sr. Dn. Ramón Cabanillas
Cambados

Meu querido e ademirado amigo: Unha aperta ben rexa e verdadeira vai nistas letras ca espranza de un novo ano pra ti ben asoallado de paz e lembranzas. Túa dita e legría é a dos teus amigos. Ti, co teu esprito, podente e ledo como as foulas da ría, nos sostés a todos. Inda no silencio e sin falas alentamos no teu fogar e ti sen reparar nelo cando te sentas á mesa benzoas urbi et orbi os teus amigos.

Sei como ti alentas nas emozoantes festas ergueitas en pórtico da Groria dende o Nadal ós2 Reis. Quen poidera disfroitar da beleza dos teus pensamentos e arelanzas nistes días!

Estiven en Madride dúas semáns de xuís dun tribunal de oposición a cadeiras. Chovía moito e todo andaba embarullado. Soio tiven canseira un día ben cheo en Toledo na exposición de Calros V. Ó3 chegar a Trasalba na noite de Nadal a casa soia e xiada estaba para min alumiada polo teu poema Samos. Deus che pague o ben que nos fixeches a moitos leentes! Eu alentei na ilusión das mañás románicas, dos abrentes remanecendo us de outros no decorrere dos séculos, no balbordo da vida pé das illas de fondura mística e coidei raxadas para min pola primadeira da espranza nesas fermosas montanas galegas bieitas...

Na túa poesía vai rubindo o esprito os seus tempos regoados como na historia trascendente dos homes, deténdose amorosiña pra enxergar o decorrido, non4 esquecendo caridosamente ningunha frol humilde do vieiro, descobrindo ó estilo da música de Bach o eterno en cada latexar do curazón.

Cando o tempo se poña menos bravo irei, si Deus quere, cos días crecedeiros a darche un abrazo e escuitar unhas palabras túas.

Saúdos moi gasalleiros ós fillos e familiares. Lembranzas da miña esposa. Sempre teu vello ademirador e amigo

Ramón Otero Pedrayo

Notas á transcrición
2 No texto pon "dende o Nadal os Reis" e no último parágrafo "Saudos moi gasalleiros os fillos", sen a preposición "a" co artigo. Poño "ós" nos dous casos porque no parágrafo 4º aparece a forma contracta en "ó estilo".
3 No texto pon "O chegar".
4 No texto lese "nos", pero non ten sentido a frase co pronome persoal.

1978-03-07
Carta de Martínez López a Paz Andrade. 1978
- Vigo
epístola Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Martínez López a Paz Andrade. 1978 en 07/03/1978

7 de marzal de 1978


Sr. D. Valentín Paz-Andrade
Plaza Compostela, 6
Vigo


Querido Valentín:

Mándoche esas duas cartas, unha do meu libreiro de Austin, a segunda que me escreve, e a outra da Univ. of California Press que ven a decir que "lamentan non ser capaces de identificar o seu pedido a base da información proporcionada. Se poderan averiguar en que campus (a Universidade de California é un complexo de sete ou oito universidades –Los Angeles, Berckeley, Santa Barbara, La Jolla, etc.. etc.-) onde a publicación se orixinou, suxerímoslle que se dirixan directamente ao encarregado das publicacións daquel campus. Pode mandarlle toda a información de que dispoña, autor, título completo, número standar de publicación, título da serie en que se publicou o libro, ou clasificación por materias e volumen das series, data, etc.
Como ves esto é mais difícil que atopar un Presidente pra Xunta. Mais, por si tes algunha indicación que poda axudar, mándama e insistiremos. Non será que a referencia que atopaste era o título dunha tesis doctoral apresentada mais ainda non impresa? Nese caso, obter un microfilm sería posible –se sabemos en que campus da U. de California foi apresentada, mais tamén caro.
O meu libreiro di algo importante: que ese libro non figura no catálogo de libros publicados, nen polo autor nen polo título. E eses catálogos son como a Biblia ou a Constitución naquel país... Tratarase dun artigo nalgunha revista? Vou escrever ao profesor de Portugués da miña Universidade –antigo alumno meu, por ve se él sabe algo desto. Lembranzas de Sabela pra Pilar e pra ti fondas apertas de


Moncho


[Manuscrito:] Mándoche tambén esa carta que me escreve un amigo do meu irmán Pepe a quen non podo faltar. Se puderas conseguir algo ben, mais polo menos agradeceríache a resposta que che manden da Dirección Xeral de Enseñanzas Medias do Ministerio de Educación e Ciencia pra demostrar o meu interés.