| 1953-04-01 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa]
Transcripción da Carta de Piñeiro a Seoane. 1953 en 01/04/1953
Compostela, 1º de abril do 1953
Meu querido amigo:
O domingo viñeron o del Riego e máis Evelina a pasar dous dias eiquí en Santiago. O Paco aproveitou a ocasión pra me decir que tiña recibido carta tua e que estabas estranado do meu persistente silenzo. Ó mesmo tempo, o bó do Paco reprochábame isa aititude, sobre todo –alegaba il– porque non se corresponde co-a realidade da miña viva estimanza por todo o que tí fas. Tiven que acrararlle ben as cousas pra que se convencese de que non había o máis lixeiro motivo de reproche. Agora quero tamén acrararchas a tí, pois d-ise xeito quedo eu máis tranquío.
Teño que comezar por che decir que eu escribinche a tí en dúas ocasións distintas –a pirmeira, por Perfecto López, a segunda, o vran pasado por correo aéreo– i-endexamáis tiven resposta. Tamén che mandei unha separata do meu ensaio Siñificado metafísico da saudade adicada e non tiven noticia de que a recibises. Sei que o Abraira traguía unha carta tua pra mín, pro isa carta perdeuse no Atlántico e non chegou ás miñas mans. Con todo, eu escribinche no vran pasado unha carta ben espresiva da que tampouco tiven resposta. Tanto ista carta como anteriormente a separata adicada do meu ensaio, mandeichas ás señas da revista Galicia, pois eu non conocía outras. A pirmeira cousa tua que recibín foi Paradojas de la Torre de Marfil, que ma entregou Vázquez da Xesta no mes de Noviembre, e dispois chegoume por correo Fardel de eisilado. Retraseime algo en escribirche porque cando Vázquez me entregou o pirmeiro libro, eu acababa de me casar e poucos dias despois morreu a nai da miña muller, acontecemento que nos obrigou a ausentarnos novamente de Galicia. Entre ambas ausencias, prodúxose un considerabel trastorno na regularidade da miña correspondenza. Cando restablecín a normalidade nas miñas aitividás epistolares, escribinche decontado, ista vez ás señas que veñen manuscritas en Fardel de eisilado. Teño a espranza de que a recibises.
Douche todos istes detalles pra que vexas que pol-a miña parte non houbo reserva ningunha, nin podía habela, pois o certo é que non hai motivo algún pra ter reserva persoal. O único motivo que eu podía ter era talmente o teu silencio, o non recibir resposta tua nunca. Ten presente que o Vázquez entregoume en Noviembre o pirmeiro libro que recibín teu. Con todo, a través do Paco e máis do Maside sempre fun sabendo de tí, non soio de tí persoalmente, senón da tua obra, porque me prestaban os exemprares que iles teñen. E aínda che podo decir que me teño por un dos máis entusiastas propagadores das tuas cousas entre a xente moza, pois heiche de confesar que, pra a miña maneira de ver, a tua obra é unha das poucas cousas que verdadeiramente merecen estima. N-ila refréxase unha visión apasionada de Galicia, unha visión nobremente apasionada, pois sempre é nobre a pasión que nace da sinceridade; unha visión co-a que se podería ou non coincidir si se tratase de valorar ouxetivamente os feitos, mais co-a que non cabe discrepancia algunha en canto que é unha interpretación artística dictada pol-a sinceridade humanísima de un artista de gran corazón. Así é como eu a vexo. E mesmamente por iso é pol-o que penso que debe de ser conocida i-estimada entre nós.
Moito me alegraría de que ista carta servise pra levar ó teu ánimo o convencemento de que a miña aititude non foi nunca reservada, ou seña, non foi estúpida. Tan incomprensibel como lle resultaba ó Paco isa suposta reserva, resultaríame a mín mesmo se tratase de a imaxinar. Ten presente que eu, cando teño motivos de discrepancia ou de discusión con algún amigo, non reparo pouco nin moito en manifestarllo abertamente. Isto xa che indica que non cultivo a “reserva” como forma normal de relación persoal. Tan soio a utilizo no plano político.
Apresureime a escribirche en canto se marcharon Paco e mais Evelina porque quedo máis satisfeito acrarando canto antes iste asunto. Estou seguro de que, dispois de leres ista carta, trocarás de opinión no tocante ó meu comportamento, pois eu estou certo de que foi sempre plena e sinceramente amistoso.
Unha forte aperta do teu decote amigo
Ramón Piñeiro
|
| 1965-02-17 |
|
Ver [Carta manuscrita]
Transcripción da Carta de Piñeiro a Seoane. 1965 en 17/02/1965
Compostela, 17-II-65
Sr. D. Luis Seoane
B. Aires
Benquerido Luis:
Recibín o teu Homenaje a Venecia, que foi pra min unha grata e moi leda sorpresa. Contemplei moitas veces, e sempre de vagariño, ises once grabados. Non me canso de ollar pra iles. Sempre me lembran o entusiasmo con que tí nos falabas de Venecia mentres tomabamos un café con leite no Hostal. Entusiasmo ben fondo e ben persistente, como estas fermosas estampas demostran. Confesas no prólogo, impregnado de serena e sabia emoción evocativa, que lle ofreces esta presada de grabados a Venecia coa mesma intención, e quizáis co mesmo destino efímero, con que se lle podería ofrecer un ramo de rosas. A comparanza metafórica vale somentes no que se refire á intención –e tamén, dende logo, á beleza da oferta--, pro falla no tocante á duración da sua vixencia. A tua oferta é tan xentil e tan fermosa como podía ser un espléndido ramo de rosas escolleitas. Pro é superior a elas nunha cousa importante: na perdurabilidade. Nesto o arte é superior á natureza. As tuas “rosas”, por non seren pura e simple creación espontánea da vida senon obra do esprito, non son efímeras, non están fatalmente condenadas ó ritmo de caducidade vital. Viven –perduran– no tempo espritoal. Durarán máis, moito máis, moitísimo máis do que durará o seu creador, e poden, mesmo durar, máis que a propia Venecia. Ise é un dos prodixios do arte verdadeiro: sobrevivir ó seu creador i ós motivos que o inspiraron.
Dígoche que me gusta moito o teu álbum venecián. Si algunha vez for a Venecia –desgraciadamente é moi pouco probábel–, seguro que ollarei e vivirei o seu ambiente “a través” dos teus grabados e da impresión que deixaron no meu esprito.
Os nosos saúdos garimosos a Maruxa e de Isabel pra tí. E xunto co agradecemento máis sinceiro, recibe unha forte aperta do teu amigo
Ramón Piñeiro
|
| 1966-11-25 |
|
Ver [Carta manuscrita]
Transcripción da Carta de Piñeiro a Seoane. 1966 en 25/11/1966
Compostela, 25-XI-66
Benquerido Luis:
Recibín as duas monografías sobre o teu arte. Foi unha leda, emocionante sorpresa, despois de varios meses de incomunicación. De vez en cando, chegábame o rumor de que ibas vir e afincar en Sada. Despois dixéronme que pasaríades por eiquí agora a fin de ano. E, nesta agarda un tanto imprecisa, chegaron as duas fermosas monografías que, certamente, fan enormemente viva a tua presencia. Unha presencia que xa ten o valor indiscutíbel da perennidade a través da obra.
Pola nota que figura na monografía de Ediciones Esquema XX, vexo que tiñas preparada unha xeira polos EE. UU. e que se interrumpíu. Síntoo, porque estou seguro de que chamaría a atención e interesaría alí a tua obra. Eu estiven por alá dous meses e medio e, polo que vin, coido que lles interesaría o teu arte. Fun dar un curso sobre Ortega e máis asistir ó vi Coloquio Internacional de Estudos Luso-Brasileiros. Con tal motivo, estiven en varios sitios e sempre percibín unha gran curiosidade polo arte moderno e mesmo polas formas máis vangardistas.
A monografía de Bonino é interesantísima polo seu caráiter antolóxico de cáseque 20 anos de labor. Algunhas das láminas en color –por exemplo a nº V, ou a nº VI– engaiolan pola súa serena armonía. Verdadeiramente, eiquí en Santiago debería de haber unha gran sala adicada á tua pintura. É unha pena que haxa tanta obra tua polo mundo adiante e tan pouca en Galicia. Está ben, moi ben, que a haxa polo mundo adiante, pro está mal que o país non se ocupe de conservar pra sí parte desa obra.
Saúdos garimosos a Maruxa e de Isabel pra os dous. Pra tí, unha forte e cordial aperta do teu amigo certo
Ramón Piñeiro
|
| 1968-02-20 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Piñeiro. 1968 en 20/02/1968
Buenos Aires, 20 de Febreiro de 1968
Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago
Meu querido amigo:
Déboche carta dende fai un mes aproximadamente. Fun deixándoa dun día pra outro obrigado polo traballo. Dende que cheguei non fixen outra cousa que traballar. Teño en Xulio unha grande eisposición eiquí dunhas cen obras, retrospeitiva, que abarca 20 anos de miña pintura y (sic) en setembro teño que ir a Lima invitado pola Universidade pra facer outra eisposición. Denantes, o catro do mes que ven, inaugúrase no Museo de Bonn unha mostra con 60 grabados, todo esto con outros traballos que agardaban o meu regreso. Voltarei a Galicia en outubro.
Recibín e lín o teu espléndido traballo de ingreso na Academia, e penso que é do millor, senón o millor, o máis fondo, que se fixo deica hoxe, o menos dos que eu coñezo. Mañífico, así mesmo, e xusto, o discurso de García Sabell. Supoño que sería un día, o da vosa leitura, memorábel na Academia. Agradézoche o envío. Felicitaciós moi sinceras. Paseino a algús rapaces deiquí pra que o lean.
Unha fonda aperta pra Isabel e pra tí de Maruja e miña:
Seoane
|
| 1972-03-02 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Piñeiro. 1972 en 02/03/1972
Buenos Aires, 2 de Marzo de 1972
Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago
Querido Piñeiro:
Agradézoche moito a tua carta do 21/II/72, pois non tiña noticia nengunha de que as oposiciós de Carballo Calero poderían sere para estas datas, mais ben matinaba que terían de sere, non sei por qué, no vrau. Destaves non o vin, pois as moitas idas a Santiago foron sempre por breves horas e pra atoparme coa familia da que teño unha chea nesa cidade. Hoxe escríbolle felicitándoo. Penso que é unha moi boa adequisición pra Universidade. Noutras condiciós fai xa anos que tiña de sere cadeirádego da Universidade Compostelán.
Pola miña parte traballo illado. Renunciéi a unhas eisposiciós de obras miñas proieitadas polo Ministerio de Relaciós Exteriores deiquí polas razós que te imaxinarás i en solidaridade con outros pintores con obras censuradas polos seus temas. Mais estóu contento do traballo. Traballo tamén nunha escolma de crónicas que foron pra a radio deiquí referidas a cusas (sic) galegas e que cecáis remitiréille a Paco.
Trátase de crónicas encol de temas moi pouco tratados. Traballo, esto é todo, e remítolle as “Figuraciós” que podo a La Voz de Galicia.
Saúdos moi garimosos a Maruxa e meus pra Isabel, pra tua irmán e pra tí. Mais unha aperta grande pra tí de:
Seoane
|
| 1976-02-29 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Piñeiro. 1976 en 29/02/1976
Buenos Aires, 29 de Febreiro de 1976
Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago de Compostela
Querido Ramón:
Recibín duas cartas que agradezo moito, referidas a Insectario, e a noticia que me remites da mostra dos grabados de ese album na galería Mestre Mateo de A Coruña. Efectivamente non tiña noticia desto, supoñía que a farían mais ninguén me dixo que a estaban facendo. Entereime polo recorte da Voz que me remitiche.
Sigo con atención as noticias que chegan de España, que están inquedando a algunha xente de aquí, e tamén chegou algunha particular como a interrupción de un núcleo de estudantes en Santiago a Valenzuela, nunha conferencia sua, sin saber nos por qué ou sin sospeitalo. Das noticias de aquí non podo decirche nada. As que se publican son, en xeral, exactas, mais ben pálidas e poucas. A realidade e variedade delas é superior.
Eu traballo o que podo pechado no meu estudo, apenas vexo a ninguén e non saio casi nada á rúa. Teño tres mostras neste ano e agardo poder facelas. Non teño a seguridade tal como están as cousas, mais eu traballo.
Lembrámonos moito de todos vos, os amigos de ahí. Voltaremos no 77, cecáis en Xaneiro. Unha grande e agarimosa aperta de Maruxa e miña para Isabel, Sara e pra tí:
Seoane.
|
| 1976-12-15 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Piñeiro. 1976 en 15/12/1976
Buenos Aires, 15 de Nadal de 1976
Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago
Querido Piñeiro:
Soio duas liñas para agradecerche o envío da páxina da Voz de Galicia coa entrevista a Francine Sucarrat. Nos estaremos en esa dentro de poucas semanas. Inauguro agora eiquí unha nova mostra de pintura e nos primeiros días de Xaneiro estaremos na Coruña. Falaremos das moitas cousas que pasaron no 76. Entre elas da reunión que tivéchedes despois de coarenta anos Varela, Fole e tí. Para mín foi éste un ano de moito traballo. Estes días salíu un Bestiario que vos levarei. Hoxe nada mais. Supoño estará en esa Palmás. Escribíume fai poucos días.
Unha gran aperta de Maruja e miña pra Isabel, Sara e para tí:
Seoane.
|
| 1978-04-17 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Piñeiro. 1978 en 17/04/1978
Buenos Aires, 17/IV/78
Querido Piñeiro:
Remitinlle a Xulio Maside, fai mais dun mes por certificado aéreo o 11 de Marzal, un traballo sobor do seu tio Carlos para un libro que tiña de se imprentar nesa. O envío leva esa data e o número de certificado no correo de Buenos Aires é o 1672. A pesares de lle pregar unha resposta inmediata por tratarse dun orixinal, aínda é hoxe o dia que non sei si o recibín ou non. Lamento ter que pregarche este novo favor de preguntarlle si o recibíu. O traballo está feito de presa, mais creo que pode interesar.
Recibide tí, Isabel e Sara a forte aperta de Maruxa e miña:
Seoane
|