Persoa: Enrique Canito Barrera

Persoa: Enrique Canito Barrera [3]

Data Material Ver
Data Material Ver
1954-02-28
Carta de García Sabell a Seoane. 1954
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa]

Transcripción da Carta de García Sabell a Seoane. 1954 en 28/02/1954

Santiago de Compostela, 28-II-1954

Sr. D.
Luis Seoane
BUENOS AIRES

Querido Luis:

Recibín a tua carta de data 10 de febreiro, que penso contestar moi en breve e longamente. Agora trátase de un asunto moi importante no que é imprescindíbel a vía confidencial. E por iso aproveito o viaxe da Dona de Bouza-Brey, que leva a carta en man.

Veleiquí o problema. En España, e na barafúnda de publicacións oficiaes ou semioficiaes ó servicio do réxime, hai unha soia totalmente autónoma e de grande honestidade. Chámase ÍNSULA, non séi si ti terás visto algún número d-ela. A trancas e barrancas, loitando con moitas dificultades, vai saindo adiante. Hoxe ten no país un prestixio fantástico e véndese por miles e miles de exemplares. Un dos últimos números estivo adicado íntegro ás letras catalás. Tivo unha resoancia extraordinaria e tal ímpetu que nin as autoridades se atreveron con él. Pois bén, a nós ocurríusenos que se podería elaborar outro número adicado por compreto a Galicia. O Direitor da Revista –Enrique Canito– é amigo méu. Púxenme á fala con él e aceptóu a nosa proposta. Desde logo, fiándose na seriedade inteleitual de Galaxia. Xa temos estudado un anteproieito e coidamos que podemos facer algo extraordinario. Teimamos dar unha visión total e verdadeira da forza, puxanza creadora e auténtica orixinalidade da cultura galega aitual. As xestións levámolas no maior secreto pra que cando a Revista apareza seña como unha verdadeira bomba na estulticia e modorra do país. Agora ben, precísanse anuncios das editoriaes de libros galegos. Eiquí creo que contamos con todas. Mais era moi importante adicar unha plana enteira ás aitividades editoriaes do Centro Gallego e media ou cuarta páxina ás que Cuadrado e ti levades feito. O importe da páxina enteira (tén en conta que a revista tén un tamaño semellante ó de un periódico) custa 2.000 (dúas mil) pesetas; média páxina, 1.300 (mil trescentas), e un cuarto de páxina, 600 (seiscentas). Como vés, son precios moi razoables, dada a enorme difusión da Revista e a dimensión das páxinas.

O que nós pretendemos é que o Centro Gallego se compormeta a abonar o anuncio d-eles e mail-o voso, e que señas tí o encargado de lles facer ver a importancia de todo orde que ísto tén. Ven ser o espaldarazo en toda España do aspeito cultural dos galegos en Bós Aires, ou seña, do Centro Gallego, que en realidade eres tí, e de NOVA, Botella al mar, etc., que felizmente tamén eres tí. Nas tuas máns, pois, deixamos esta misión. Aitua como millor comprendas que debe facerse. Importa a rapidez, pois a cousa urxe. Que teñan en conta que Galaxia, sin un real na caixa, vai pagar un anuncio de páxina enteira. Cando me contestes, por correo aéreo, fálame somentes de unha maneira moi vaga e do xeito que tí vexas máis engañoso pra a Censura, que cada día fáise máis dura e máis estreita.

Si non conseguiras o anuncio voso, non te preocupes demasiado. Vós sairedes na Revista, pase o que pase. É perciso que me envíes unha lista completa de todol-os libros que vós levades publicados, diversas coleicións, etc.
Recibe unha forte aperta de

Domingo

Van co-ista carta dous artigos publicados no número extraordinario de Fín de Ano da Noite, e que tiveron bastante éxito. O da Ciencia tén, como podes ver, unha intención condanada e pasou pol-a censura inexpricabelmente. A xente captóu moi bén o ferrete e fói moi comentado.
Na próxima carta, enviaréiche o artigo pra La Nación.
Saúdos pra Lorenzo e Rafael.

Queremos que a páxina do Centro Gallego veña arranxada e disposta por tí, e pol-o tanto sería moi conveniente pra nós que a enmarcases ou decorases según estimes millor. Todo dibuxo teu caerá ben na Revista. Incluímos un número de ÍNSULA, por si non-a conoces, pra que te fagas unha ideia das dimensións e do tono da mesma.


1959-09-29
Carta de Piñeiro a Seoane. 1959
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa]

Transcripción da Carta de Piñeiro a Seoane. 1959 en 29/09/1959


Compostela, 29-IX-59

Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires

Meu querido amigo:

Recibín a tua carta. Por ela vexo que che gustou o número galego de ínsula. Eu estaba bastante confiado en que che gustaría porque, tomado en conxunto, resulta un número serio e digno. En xeneral, produxo moita sorpresa, mesmo na propia Galicia. Esa súpeta e briosa aparición das letras galegas vén ser como un clarinazo esterior do fondo e intenso rexurdimento interno que se está a producir na i-alma coleitiva de Galicia. Xa ves, tivemos que agardar cinco anos pra o poder sacar, máis o verdadeiramente importante, o siñificativo, é que salíu e, sobre todo, “reflexa unha realidade”.
Vexo que che desagradaron algunhas espresións da “carta” do Landeira. En realidade, tal vez se trate, pola tua parte, dunha reaición máis emotiva que refreisiva, pois, polo que me dixo Domingo, manifestas certa mágoa nos xuicios consagrados a ise tema na carta que íl recibíu. Con todo, si conoceses persoalmente ó Landeira seguramente non lle tomabas tan a mal esas espresións. Il é un mozo galego cheo de vitalidade e de talento, que non tivo á sua disposición máis medios que a sua enerxía i o seu traballo, que conoce e viviu a realidade popular galega, posto que dela é fillo e nela se criou, que emigrou en percura dunha seguridade económica que eiquí non atopaba e que, nas horas libres do traballo, soupo adequirir por si mesmo unha espléndida cultura que xa quixeran moitos universitarios. Home de vontade enérxica e de intelixencia axil e crara é, en cambio, moi pouco inclinado a sensiblerías e sentimentalismos. Ten unha marcada preferencia temperamental por o lado vital, rexo, varonil i emprendedor da realidade humá, e, simultáneamente, certo desdén instintivo polo lado lacrimoso e patético. Esta aititude non é filla de prexuicios senón refrexo da sua auténtica persoalidade temperamental. É un de tantos mozos galegos lanzados en plena mocedade á esperiencia emigratoria. Naceu e viviu no seu do pobo traballador. Conoce e ama a ise pobo, que é o seu. Ora, a sua aititude estimativa nace da esperiencia vivida por íl e máis do seu persoal temperamento. ¿Que non coincide coa visión ou coa idea que outros teñen? Certo, moi certo. Mais esta diversidade é completamente natural e inevitabel. Cada ún, dacordo co seu temperamento, tende a ver ou preferir un lado determinado da vida.
Celebro moito, moitísimo, que che teña gustado o album de Maside. Fixémolo con gran amor. No é doado que te decates da cantidade de dificultás que tivemos que vencer. O esforzo que vimos facendo nútrese do entusiasmo ilimitado e da ilimitada capacidade de sacrificio dunha minoría abnegada que ten concencia do seu deber. Por ser unha minoría conscente e decidida, a obra vai e seguirá indo adiante. Tivemos moitos atrancos. Agárdannos aínda moitos máis. A obra seguirá. Nistes derradeiros tempos démoslle realidade ó Diccionario de D. Eladio, ó libro de Pimentel, ó número de Ínsula e máis ó album de Maside. Toda ela, colleita que quedará pra sempre. E así seguiremos, calada e tenazmente. Partimos dunha convicción fundamental: o que verdadeiramente vale é a obra feita. E nós non percuramos outra xustificación que a da obra que levemos a cabo en común. Pouco importarán as críticas ou ataques que se poidan facer a un ou a outro si a obra realizada polo esforzo común é necesariamente respetabel. E sabemos que xa o é.
Non preciso de che decir canto me folgo de que che teña pracido o prólogo ó album. O teu xuicio, xunto cos de Xohán Ledo e máis Anxel Fole, interesábame francamente, por séredes os tres masidiáns máisimos que eu conozo. Tiven a inmensa ledicia de que fose aprobado polos tres. Tamén me interesaban outras opinións –Domingo, Celestino, Carballo, etc.– pro por motivo distinto. En realidade, dubidei moito antes de me encarregar dil. Inicialmente eu pensara en Domingo, e Domingo en Celestino. Calquera dos dous –eso é completamente certo– houbérano feito millor ca min. Si ó cabo me encarreguei, foi por unha razón ouxetiva: que por se tratar dun homaxe de Galaxia a Maside –na que compartimos dende o comezo dúas funcións paralelas en responsabilidade, íl a direición artística i eu a direición literaria– parecía natural que representase eu a Galaxia niste caso concreto. E tamén por unha razón subxetiva: porque estaba certo de que ó propio Carlos lle tería sido grata esa decisión si a poidese conocer. Seino porque ó longo dos centos e centos de horas que temos consumido en plácido diálogo sobre tantas e tantas cousas, moitas veces tenme estimulado a que escribise sobre temas de arte. Nin il nin eu sospeitábamos que a primeira cousa que escribise sería sobre o seu propio arte. En realidade, máis que de recoller ises estímulos eu preocupábame de facer que íl, Maside, fose quen escribise sobre arte. Conquerín, ó longo de tres meses de persuasivas e insistentes xestións, que escribise o seu fermoso ensaio sobre a estética da fotografía popular, publicado, como sabes, no Grial. Tratarei dispois de que escribise outro ensaio semellante sobre o tema xeneral das “formas” (sobre o que tiveramos moitas conversas). Prometeumo. Mais faltáronlle folgos físicos. Como lle faltaron pra acometer outra tarefa prometida: unha monografía sobre o Palacio de Gelmírez (pra decidilo, eu prometéralle que a faríamos en colaboración, mais coa oculta e decidida intención de ilo empuxando pouco a pouco hastra que tivera feita sin se decatar). Foi pena porque, dado o entusiasmo que tiña por esa xoia románica, houbera feito unha monografía interesantísima. Todos ises proieitos e outros moitos, algúns realizados, xurdían nas nosas conversas sobre Galaxia. Carlos, Pimentel e máis Cuevillas foron tres baixas tremendas que tivemos no núcleo galaxián. Os tres compartían as nosas arelas e inquedanzas. ¡Cantas conversas inesquecentes no estudo de Carlos, no despacho de Pimentel e no comedor do Cuevillas! Na medida das nosas forzas tratamos de honrar ós tres.
Estiven en Vigo con D. Ramón o dia que chegou de ahí. Viña moi ledo e animoso. E cheo de gratitude pra todos. Xa nos contou o homaxe que lle fixo Citania e nos dixo que vos entregara un libro pra editar (unha biografía novelada de Rosalía, coido). Ás poucas horas tivo que salir pra Santander e inda non voltou. Xa non tardará moito.
Despois de moitas viravoltas, os amigos do Cunqueiro conqueriron autorización pra que se representase o D. Hamlet (modificando algunhas espresións do texto) e púxose no Teatro Colón da Coruña o 31 de agosto. Estivo completamente cheo e tivo gran éisito. Agora vaise poñer no Fraga de Vigo e no Círculo das Artes de Lugo. En Vigo figúrome que terá un gran éisito, pois alí hai un numeroso e moi calificado núcleo de cunqueiristas (que foron, en realidade, os que deron a batalla en favor de D. Hamlet). Dende logo, a popularidade que hoxe en dia ten o Cunqueiro é realmente enorme.
Xa sei que celebras varias esposicións simultáneas e que preparas un viaxe a Centroeuropa. ¿Pasarás por Galicia?
Unha aperta moi forte do teu amigo

Ramón Piñeiro

[Escrito a man]
PD: Non estaría mal que lle fixésedes chegar a Canito, direitor de Ínsula, algunhas cartas de felicitación polo número galego. Il, que é granadino, portouse moi ben co número adicado ás letras galegas. Tiña sincero interés en sacalo.


1959-11-30
Carta de García Sabell a Seoane. 1959
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa e membrete:]

Transcripción da Carta de García Sabell a Seoane. 1959 en 30/11/1959

DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/DR. TEIJEIRO, 15/TELÉFONO 1330/SANTIAGO

30-XI-1959
Sr. D. Luis Seoane
BOS AIRES

Querido Luis:

Alégrome moito que che gustara o número galego de Insula. Ten os seus defeitos, inevitábels, pro en xeral estou de acordo contigo. En Galicia e no resto de España causou moita sensación. Canito, o direitor, recibiu cartas de felicitación a eito. Todos coinciden en que o número é moito mellor que o que se adicou ás letras catalanas i eso que nós non dispoñemos das facilidades de tipo económico que teñen os nosos amigos. O artigo de Rafael é moi fermoso i o de Blanco Amor está realmente ben. Suprimiron algunha foto dos teus coadros i algunha outra ilustración por razós de espacio. Satisfáceme enormemente que fora do teu agrado o meu traballo. En realidade, penso que era mellor do que saiu na revista xa que iste apareceu seriamente mutilado. Cousas que pasan. De todos xeitos, hai que estar contentos. Non esquezamos que o número quedou parado catro anos na censura i aquí xa non nos facíamos moitas ilusiós sobor da sua aparición.

Falei moito de tí, e de todos vós, con motivo do enterro de D. Ramón Cabanillas. Acudiu xente de toda Galicia e foi unha demostración máis de cómo o noso esprito está vivo, alerta e vixiante, incruso nas xeraciós novas que non poseen vivencia algunha de moitas cousas pasadas.

Vexo que traballas como un forzado. Iso é bó. Canta máis obra teñas, máis se enriquecerá a nosa terra. Non estás esquecido nin moito menos. Ó contrario. Arredor de tí e da tua siñificación artística hai un verdadeiro halo de curiosidade, de ademiración e de respeto. Unha vida honesta e creadora non se perde endexamais. O coadro teu que eu teño na miña casa i os dibuxos que colgan na cabeceira do despacho da miña Clínica son visitados e contemprados a cotío por xentes de toda índole que coinciden no fervor hacia o arte auténtico e, por tanto, hacia Seoane. Tí eres, sin dúbida, a figura máis outa da plástica galega contemporánea e isto, que non se formula nos periódicos nin nas revistas oficiaes, o saben universitarios, artistas, inteleitoales e traballadores da nosa entrañabel Galicia. Luis Seoane, penso e digo en moitas vegadas en púbrico, é como un neno galego que se nos foi prás Américas e que alí tivo a nobleza de desenrolar un traballo heroico non pra empetar cartos senón pra aumentar, esgreviamente, o caudal artístico da nosa Patria. E Seoane sigue sendo un neno que vai pra maior e que sabe tapar as bágoas pra que a visión creadora non se lle tolde. E todo isto feito alá en Bós Aires, naquele balbordo lonxano no que ele, o artista, escoita sempre como un profundo rumor do profundo e calado pobo galego. Eisí pasan os anos, lentos e doorosos, e Seoane alá está, firme e fecundo. Galicia ten algún día de pagar a deuda contraída con este neno galego que envellece, loita e suscita inéditos mundos de fermosura.

E non sigo, querido Luis, non sigo.

Eu tamén traballo o que poido. Iste inverno teño eiquí unha xeira de dez conferencias, unhas médicas i outras de tipo cultural. O pasado 27 din a pirmeira en Lugo no Círculo de las Artes. E nela demostrei compridamente como o paisán galego pasa fame, fame material, i as consecuencias que isto trae consigo. Houbo un verdadeiro desborde emotivo no público e a inquedanza quedou suscitada. Aparte dun libro sobor da Meiciña antropolóxica, preparo outro de ensaios que espero rematar na primaveira. O “Manuel Antonio” está xa moi adiantado. Na Editorial Labor de Barcelona vai a saír un libro dun médico alemán, Heyer, con un estenso prólogo meu. E iso é todo polo momento.

Adxunto as facturas de Insula polo anuncio de Citania i o da Editorial Nós que se refire ás Cruces de Pedra… de Castelao. Xa están abonadas por mín de xeito que vós podedes remesarme o importe na forma e na data que creades máis comenente.

Elena i eu temos moitos desexos de voltar a veros. Si vés a Europa ¿non haberá maneira de que, cando menos, vos achegásedes a Portugal? Poderíamos pasar un día xuntos en Valença e iríamos varios amigos a darvos unha aperta. Pensa nisto.

Saúdos moi cariñosos de Elena e meus pra Maruxa. Lembranzas a todos os amigos. Pra ti unha aperta inmensa de,

Domingo


TERMOS CLAVE DO FONDO Persoas: Seoane, LuísSeoane, MaruxaDíaz Pardo, IsaacFernández del Riego, FranciscoVarela, LorenzoGarcía-Sabell, DomingoDieste, RafaelPicasso, PabloHervella, EvelinaArias “Mimina”, CarmenLaxeiro, Maside, CarlosPiñeiro, RamónScheimberg, SimónPaz-Andrade, ValentínDíaz, XoséCuadrado, ArturoFalcini, LuísCastelao, Ledo, XohánSofovich, BernardoBurd, LipaGerstein, MarikaAlberti, RafaelZegrí, ArmandoOtero Pedrayo, RamónColmeiro, ManuelBurd, EstherBaudizzone, LuísGoya, Francisco deTormo, ElenaDíaz Dorado, DiegoNúñez Búa, XoséPayró, JulioBlanco Amor, EduardoLifschitz, RafaelDíaz Arias de Castro, CamiloNegri, Tomás AlvaMiró, JoanDónega, MarinoValle-Inclán, Ramón MaríaMuñoz Manzano, CarmenNegri, NélidaGil Varela, ÁlvaroWhitelow, GuillermoFole, ÁnxelFrontini, NorbertoGerstein, NoemíDíaz Arias de Castro, RosendoTorrallardona, Carlos Temáticas: artes Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane. espazos artísticosautores/asliteraturaasuntos particularesmigraciónsemigraciónColección: Isaac Díaz Pardo e Luís Seoanemedios de comunicaciónpolíticaA nova Sargadelosprensa escritaGalería Boninohistoriaradioartes escénicasExposición de Luís Seoane. Colonia. 1967Exposición de Luís Seoane. Madrid. 1973Exposición de Luís Seoane. Bonn. 1967Fábrica de Porcelanas La MagdalenaExposición de Luís Seoane. Madrid. 1963Libro de TapaspremioscineBestiario, de A. GirriExposición de Luís Seoane. Münster. 1967Martín FierroExposición de Luís Seoane. A Coruña. 1963Exposición de Luís Seoane. Bos Aires. 1968. Art Gallery InternationalHomaxe a un paxaroExposicion de Luís Seoane. Madrid. 1967Exposición de Luis Seoane. Madrid. 1970Homenaje a VeneciaBienal de VeneciaEl Toro JúbiloHomenaje a la Torre de HérculesÁlbum de GaliciaO Meco, de SeoaneXosé EiroaLuís Seoane. GravadosRetratos FurtivosInsectarioImágenes de GaliciaImaxens celtas [álbum]LonxeBienal de São PauloExposición de Luís Seoane. Madrid. 1975Fondo Nacional de las Artesexilio

Warning: Unknown: 2 result set(s) not freed. Use mysql_free_result to free result sets which were requested using mysql_query() in Unknown on line 0