Persoa: Rosario Álvarez Blanco

Persoa: Rosario Álvarez Blanco [1]

Data Material Ver
Data Material Ver
2021-03-24
A escena! Galicia, os galegos e a lingua galega
Ver [Texto nativo dixital]

Transcripción da A escena! Galicia, os galegos e a lingua galega en 24/03/2021

Non é infrecuente a presenza da lingua “de galegos” en textos teatrais españois e portugueses dos séculos XVI e XVII, reproducida con verosimilitude ou de modo paródico como parte da caracterización de determinados tipos de personaxes. En Portugal, a evolución corre parella da seguida polo “galego” dos vilancicos: do inxenuo pastor inicial tomado como un retrato achegado ao natural a un tipo destinado a provocar a hilaridade do público (Álvarez 2009). Esta é tamén a seguida nos vilancicos no ámbito español non galegófono da mesma época (Álvarez 2007), mais, por falta de estudos, non estamos en condicións de extrapolala á escena teatral, na que era máis frecuente ca no país veciño.

Con todo, si podemos afirmar que a presenza da lingua galega en La Lindona de Galicia é sorprendente, sobre todo polo seu carácter non anecdótico nunha obra que, obviamente, non foi concibida para a súa representación en Galicia nin en contextos máis ou menos privados para públicos con familiaridade con esta lingua. Os parlamentos en galego sucédense de modo constante e congruente nas intervencións dun grupo de personaxes, principais e secundarios, entre os que se encontra dona Linda (caracterizada “de Gallega bizarra”), a protagonista, “la Lindona de Galicia”.

Na obra prodúcese a interacción entre dous grupos, o dos “gallegos” e o dos foráneos (“que con los estrangeros la Lindona / publica confusión, y horror pregona”). A Lindona pertence ao primeiro e García ao segundo, pois, a pesar de herdar e pretender o trono, nunca é tratado como natural do reino; antes ao contrario, é alcumado por dúas veces cunha variante depreciativa do seu xentilicio: “quien é, sepa o Castejano, / la Lindona de Galicia”. Ela fala en galego e el en castelán.

Os personaxes do grupo dos galegos entran en escena caracterizados “de Gallegos”, segundo indican as acoutacións teatrais en referencia a unha convención tipolóxica coñecida, e iso vale tanto para a protagonista coma para os individuos populares que interveñen –músicos, figurantes ou secundarios con breves frases–, nunca identificados polo seu nome. Os trazos tipolóxicos que os identifican son o aspecto e/ou a indumentaria, como adoito, e mais o uso da lingua galega, constante en dona Linda e habitual nos restantes, salvo nalgunha canción. Exceptúase Linda, a filla, criada cos osos como nena salvaxe, que reaparece vestida de peles e sen máis capacidade vocal ca repetir, coma un eco, as sílabas finais escoitadas ao príncipe e os seus servidores; iníciase a unha nova vida humana nese contexto e recupera entre eles a capacidade da linguaxe, naturalmente en castelán: naceu no grupo dos galegos e renaceu no grupo dos estranxeiros. Ela é o verdadeiro elo de unión e símbolo do proceso asimilatorio.

O grupo dos casteláns está formado por reis, príncipes, infantes, cabaleiros, embaixadores e outros membros do círculo da corte; todos teñen nome, incluso os servidores e criados, os únicos que non son nomeados co reverencial don/doña anteposto. Todos falan en castelán e ningún fai alusión á lingua dos naturais do país.

Os dous grupos míranse de esguello pero non sempre están enfrontados. De feito a hostilidade de Lindona non se manifesta ata que se sente traizoada por García, que por ambición política rompe a vella promesa de matrimonio e as máis recentes de cinguirlle a coroa de raíña e de que a filla de ambos sexa “de Galicia heredera”. Na súa xenreira, adórnao con varios dos tópicos aldraxantes de tipo rexional correntes no occidente peninsular –de Asturias ao Algarve pasando pola Beira–, ata chegar ao compendio de todas as vilezas: “Falso Caualeiro, / ánima perjura, / patife do Algarue, / o vilaon de Asturias, / Ratiño, e ao fin, / Castejao, que en suma / es dezerte ansí / as afrentas juntas”.

Desde o punto do vista da corte e os seus habituais, esta é unha terra afastada, retirada, ignota, referida con frecuencia como “montes de Galicia”, de “páramos sombríos” e “fieros horizontes”. Un afastamento que avala a percepción de terra indómita e diferenciada, como expresa en termos gabanciosos García, cando aínda aspira a ser esposo de dona Linda e rei de Galicia: “Ya Linda mía eres Reyna, / desta gloriosa Prouincia, / en quien los Sueuos burlaron / las Romanas monarquías”; a falta de comunicación cos centros de poder fai verosímil a presunción inquietante de que escapa ao poder real, como se recolle nestas palabras do príncipe ao rei: “Deste monte soberuio precipita / este altiuo Luzbel, esta Lindona, / que a tu poder la autoridad le quita, / y el aplauso le niega a tu corona”. Un dos servidores do príncipe –de nome Mormojón, deixando así en evidencia a prosapia castelá–, algo fanfarrón e cun punto de comicidade, reúne o abano de expresións descualificadoras de Galicia e dos galegos: “demonios (...), / aunque tienen tan buen gusto / que no quieren ser Gallegos”, “mueran los Gallegos, mueran”, “es Gallega, no te espantes” (para encarecer a fereza da Lindona), “Ojos no más en Galicia, ni en Asturias” (a modo de xuramento); por non gustar, a Mormojón non lle vai nin o viño do Ribeiro, pois, ao botar un trago ao de Ribadavia, sáelle da alma este exabrupto: “este es vino? En el infierno / a Berzebú se lo siruan: / plega a Dios, pu, pu, rebiento! / Vinagre, es vinagre, y hiel”.

A lingua galega presente en La Lindona de Galicia tamén sorprende pola impresión de autenticidade que subxace no texto; dito doutro xeito, a lectura –sobre todo a máis demorada– produce a sensación de que se partiu dun orixinal escrito por alguén con competencia plena en lingua galega e de que sería posible reconstruílo doadamente, remontándose con lixeiras modificacións metódicas.

Certo é que o texto, tal como chega a nós nas diferentes versións conservadas, mostra unha forte hibridación do castelán, en gran medida atribuíble á transmisión deficiente en territorio castelanófono, en copias e edicións tipográficas realizadas por persoas que non eran destras en lingua galega: farei > farè, min > mi, e > y, a > la, etc.; son palabras e formas gramaticais moi frecuentes nas dúas linguas, perfectas candidatas a estes trasfegos, algúns deles testemuñados na evolución cronolóxica entre copias conservadas (p. ex., veñas > vengas; depois > despois > después). A elas únense alternancias por trocas recorrentes entre grafemas similares, como e , que tanto fan xurdir un imposible sou por ‘(eles) son’, como dificultan a lectura correcta de sou~son ‘(eu) son’ ou vilán~vilau, variantes diatópicas que botarían moita luz sobre a procedencia do autor do texto. Outras modificacións semellan tendentes a acentuar o ambiente medieval –aínda que sexa a custo da fidelidade lingüística (fembra, castiello)– e a facer o texto máis comprensible para públicos que non coñecen o galego, con cambios léxicos que poden comportar ou non muda de lingua, coma “falagos de algodón” por “colchoins de algodón”, “nobres de mi[ña] alcuña” (co antigo significado de ‘proxenie’) por “nobres de miña alcurnia”, “en manteis feitos” por “en manteles feitos”, etc. Non faltan, por suposto, mostras da influencia asimilatoria que xa exercía o español sobre o galego naquela altura (alabança), algunhas das cales chegaron á lingua actual como castelanismos tan estendidos que só comezan a reverter como efecto de medidas de planificación do corpus (sin duda); outros nin sequera atopan esta vía explicativa (cumbres, llano). Raramente hai invencións (*federeira do cast. heredera, por herdeira), nin deturpacións propositadas nin procura de comicidade a través da lingua.

Por veces percíbense ecos portugueses. Un deles é a frase “patife do Algarve”, e non só polo topónimo, mais o substantivo tamén aparece documentado esporadicamente no español da primeira metade do séc. XVII. Poderían apuntar no mesmo sentido solucións gráficas esporádicas como -aon (naon, vilaon alternando cos máis frecuentes non e vilán~vilau~vilao) e -ein (presente tanto en tónica, bein ‘vén’ e quein ‘quen’, coma en átona, querein), adecuadas á pronuncia portuguesa e non á galega. Ora ben, non hai ningún outro indicio gráfico, entre os moito máis característicos, que apunte na mesma dirección (-lh-, -nh-, -sc-, -m, etc.: ollos, cabritiños, pacer, faltan...), nin tampouco solucións evolutivas diferenciais na morfoloxía (-eio, -ão, etc.: centeo, as maus, acharán). A pesar das aparencias, é difícil atribuír a un substrato portugués tudo, pois tamén o grafa esporadicamente no masculino plural tudos, polo que ou ben é só unha grafía para unha vogal posterior moi fechada ou ben é unha simple imitación lusizante. O único que podemos concluír é que, se eses trazos proveñen do orixinal, este é dun autor que non descoñece a escrita portuguesa, de forma activa ou pasiva.

Mais, sobre todo, hai lingua galega, con trazos explicables de acordo co coñecemento que temos da historia da lingua e coas oscilacións correntes en tempos en que non existe unha norma no sentido en que a entendemos hoxe. Un estudo máis demorado revelaría tamén os trazos característicos do galego, diferenciadores do castelán e dificilmente atribuíbles ao portugués, que tamén existen. Neste momento provócannos máis as interrogantes que se abren e que desde a lingüística non podemos responder: quen, autor ou tradutor, achega o seu coñecemento da lingua galega ao texto dramático?, por que o autor da obra adopta unha posición tan singular verbo da alternancia de linguas?


REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Álvarez, Rosario (2007): “Autenticidade, imitación e parodia na lingua dos vilancicos en galego do século XVII”, en Helena González / Mª Xesús Lama (eds.), Actas do VII Congreso Internacional AIEG: Mulleres en Galicia. Galicia e os outros pobos da Península, Sada, Ediciós do Castro / AIEG / Filoloxía Galega (Universitat de Barcelona), 703-719.

Álvarez, Rosario (2009): “A lingua dos galegos en textos portugueses dos séculos XVI-XIX”, en Gabriel Rei-Doval (ed.), A lingüística galega desde alén mar, Santiago de Compostela, USC, 295-317.



TERMOS CLAVE DO FONDO Persoas: Seoane, LuísSeoane, MaruxaDíaz Pardo, IsaacFernández del Riego, FranciscoVarela, LorenzoDieste, RafaelGarcía-Sabell, DomingoPaz-Andrade, ValentínHervella, EvelinaMaside, CarlosArias “Mimina”, CarmenLaxeiro, Picasso, PabloPiñeiro, RamónCuadrado, ArturoCastelao, Scheimberg, SimónOtero Pedrayo, RamónDíaz, XoséColmeiro, ManuelFalcini, LuísGerstein, MarikaSofovich, BernardoBlanco Amor, EduardoLedo, XohánDónega, MarinoBurd, LipaAlberti, RafaelNúñez Búa, XoséGil Varela, ÁlvaroFole, ÁnxelMuñoz Manzano, CarmenValle-Inclán, Ramón MaríaZegrí, ArmandoLifschitz, RafaelBurd, EstherBaudizzone, LuísDíaz Arias de Castro, CamiloDíaz Dorado, DiegoTormo, ElenaMiró, JoanGoya, Francisco dePrada, RodolfoFrontini, NorbertoGerstein, NoemíNeira Vilas, XoséOtero Espasandín, XoséPalmás, RicardoPayró, JulioCarballo Calero, Ricardo Temáticas: Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane. artes visuaisliteraturaespazos artísticosautores/asasuntos particularesmigraciónsemigraciónmedios de comunicaciónColección: Isaac Díaz Pardo e Luís SeoanepolíticaA nova Sargadelosprensa escritaartes escénicasGalería BoninohistoriaradioÁlbum de GaliciaFondos de Radio Nacional de España en Galiciapremios Fondo: Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoalcineFábrica de Porcelanas La MagdalenaExposición de Luís Seoane. Colonia. 1967Exposición de Luís Seoane. Madrid. 1973exilioExposición de Luís Seoane. Bonn. 1967Libro de TapasColección: Paulo Rónai con Paz-AndradeExposición de Luís Seoane. Madrid. 1963axentes culturaismúsicaFardel d’eisiladoentrevistaBestiario, de A. GirriGalería Sargadelos de BarcelonaMulleresMartín FierroExposición de Luís Seoane. Münster. 1967Exposición de Luís Seoane. Bos Aires. 1968. Art Gallery InternationalHomaxe a un paxaroExposición de Luís Seoane. A Coruña. 1963Exposicion de Luís Seoane. Madrid. 1967culturaEdiciós do CastroPremio PalanzaHomenaje a VeneciaExposición de Luis Seoane. Madrid. 1970Homenaje a la Torre de HérculesMulleres no Álbum de Galicia

Warning: Unknown: 2 result set(s) not freed. Use mysql_free_result to free result sets which were requested using mysql_query() in Unknown on line 0