| 1961-07-04 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa e correccións manuscritas]
Transcripción da Carta de Neira Vilas a Seoane. 1961 en 04/07/1961
Habana, 4 de xulio do 1961
A Maruxa e Luis Seoane
Buenos Aires
Queridos amigos:
Dempois dun viaxe estupendo, antonte chegamos a Cuba. A esta Cuba revolucionaria na que hoxe é un privilexio residir e participar do seu intre histórico. Botamos un día enteiro en México. Estivemos con C. Velo e con Soto. Percorremos a cidade, mañífica por certo, coa promesa de visitala con máis vagar. Tres cousas nos ademiraron: a cidade universitaria (talvez unha das mellores do mundo), a Plaza de Armas, cos edificios que a rodean, e os murales de Rivera, Siqueiros e Orozco. Eu coñecía a reprodución de algús, principalmente de Diego Rivera, pero velos direitamente é quedarse asombrado.
En México, tamén estiven con Arturo Souto no seu taller. Confidencialmente, debo decirlle, e xa mo adiantaran Velo e Soto, que Souto áchase dende fai tempo sofrindo un xeito de doenza sicolóxica. Unha tremenda neuralxia que o fai indifrente, medoso –disque nin siquera atravesa soia a rúa– e con períodos nos que perde a memoria. Pinta pouco. Repite dende fai anos que vai ir a espoñer a unha galería de Madrí. Perguntoume vagamente por vostede, por Varela e por Dieste.
Que podo decirlle de Cuba? Moito, a pesares de que son horas apenas as que levo aquí. Onte fun a un acto no mañífico teatro da C.T.C. Falaba un mozo de arredor de vinte anos sobre pranificación económica. Asistían unhas dúas mil persoas. Hoxe fala Fidel por radio e TV. Tamén hoxe asistirei a un acto orgaizado pola asociación norteamericana Amigos de Cuba que funciona nesta cidade. Conmemoran a independencia dos EE.UU. cun acto púbrico de adhesión á Revolución Cubana. Desto non se fala fóra. Esa parte das casas dos millonarios do barrio de Marianao foron abandonadas polos seus donos, e están ocupadas polos diplomáticos dos países socialistas e por Escolas de arte. Destas hai máis de trinta. Asisten a elas, e nelas dormen e comen guajiros que siguen un curso de tres anos. Adequiren cultura xeneral e principalmente música, danza, artes plásticas, etc. Proveñen de tódalas provincias e a elas voltarán pra seren alí mestres, cada coal na súa discriprina. Escomenzan o seu labor ás seis da mañán cantando a Internacional. Aquí as libreirías teñen de todo sin restriccións de ningunha caste. Cada coal pode opinar do que queira; certo é que os contrarrevolucionarios son tan poucos que nin se notan, pero a ninguén molestan polas súas ideias. Esto é cuase increíbel, se temos en conta que se vive un intenso proceso revolucionario, aturan bloqueos de toda caste por parte dos Estados Xuntos...
Pra que se dea unha idea da dinámica revolucionaria, poreilles dous exemplos: nunha tarde –a de onte– asistín á creación do Consolidado da Industria Automotriz, elixiuse o persoal, instalouse todo un piso de oficiñas e celebráronse tres xuntanzas con donos de talleres de diversos accesorios mecánicos. O outro é que en sete días costrueuse un aeródromo especial pra que o cosmonauta Yuri Gagarin, a quen veremos o 26 na Habana poida aterrizar cos cinco potentes avións que o acompañan na súa visita e que se supón serán donados a Cuba. A campaña de alfabetización marcha moi ben. Pra fin de ano non quedará un soio cidadán que non sepa ler e escribir. Hai un exército de 100 mil mestres voluntarios, que se instalan nas casas e ensinan, ás veces, a familias enteiras. Se non hai logar, dormen fóra e naturalmente comen por conta do Estado. Outra cousa moi curiosa é que até os delincuentes están coa Revolución. Os presos da cárcere da Habana desfilaron o 1º de maio. Traballan, e do que gañan, fan aportes pra mercar tractores, etc. O tesoureiro é un preso que foi condenado a non sei cantos anos por roubo. Tería moitas cousas máis pra decirlles. Cousas verificadas por min. Cousas increíbeles. E o máis asombroso é que este povo, antes anarquizado, corrompido, viciado, preguiceiro, vive con enerxía a súa Revolución. Fala de invasións, pero non lle teme. Está armado. Ten concencia do seu destino. Asisten tódolos días a cursillos, conferencias, mercan livros, falan de divisas, de planificación, de problemas moi serios e de política internacional coma quen fuma. E protagonizan a Revolución cantando. Un povo sin prexuicios, nin pra vestir, nin pra comer, nin pra falar. Reaízan as cousas máis trascendentales cunha naturalidade desconcertante. Entrevistas de empregados de baixa categoría con altos xefes en mangas de camisa, tutéanse todos (sin que deixen de respetarse), vense, se cadra, ministros a pé e obreiros manexando un cadillac que lle emprestaron, que había a man, que rubeu a el porque o achou primeiro e está apurado, etc. Non eisiste a burocracia ó xeito tradicional. Nestes dous días asistín a varias xuntanzas moi serias e pra tratar problemas non menos serios relacionados coa producción e todo se resolve con outimismo, con eficacia, sin perda de tempo. Hai xente que traballa até quince horas por día. Ninguén fala de xorne, nin de horas extras. O traballo máis alá das oito horas é vontario, pero ninguén se limita a esas oito horas. Non eisisten jefes, senón compañeros responsables.
E polo de hoxe, namais. Cando falo tanto en dous días, non sei o que terei que decir cando leve aquí un ano.
Prégolle informe desta carta a Dieste, Varela, Laxeiro, Díaz Pardo. Estou asentándome aquí e non teño tempo pra escribir a un por un. Gracias.
Lembranzas de Anisia. Un saúdo cordial, fraterno pra vostedes dous, de
Neira Vilas
Xosé Neira Vilas
Avenida 5ª A 6209. Miramar, Marianao, La Habana, Cuba.
|
| 1967-01-19 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa]
Transcripción da Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1967 en 19/01/1967
A Habana, 19 de xaneiro do 1967
A Maruxa e Luis Seoane
Galiza
Moi queridos amigos:
Sabemos de vostedes por Isaac. Sabemos do viaxe a México e a Norteamérica e a Alemania. En fin, penso que todo elo será de grande importancia pra vostede. Seoane, pro seu quefacer artístico, prá súa pintura, xa universal. Por todo elo, aledámonos sinceiramente.
Isaac dime que, se quero escribirlle, podo facelo ó Castro, pero non sei se a presente lles chegará ou non, debido precisamente a que non sei por onde andarán. Nunca estiven no Castro, pero teño pra min que debe ser un logar acolledor (sobor de todo polos amigos que alí se reunirán; un xeito de Donselar, non si?). Certo é que alí non estarán todos. Varela sigue en Bos Aires. Baltar voltou pra alá. De Dieste tiven carta fai pouco. Aledoume moito, pois facía tempo que non sabía del (nin de Carme).
Souben (non me lembro agora como) que vostede se ocupou nunha das audiciós de Bos Aires do meu pequeno livro Xente no rodicio. E quixera ter, se lle non é moi molesto, o texto daquel comento, porque estimo moito todo o que vostede (pola súa agudeza crítica) poida ter dito. Sería posible que mo mandase? Gracias.
E polo de hoxe namais. Agardo noticias de vostedes. Entramentras, reciban vostede e Maruxa lembranzas de Anisia e de voso amigo
Neira Vilas
|
| 1968-08-02 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa]
Transcripción da Carta de Neira Vilas a Seoane. 1968 en 02/08/1968
A Habana, 2 de agosto do 1968
Sr. D. Luis Seoane
Bs. As.
Meu querido amigo:
Non me é posíbel espresarlle canta emoción nos produxo a súa carta do 15 de xunio, que Camilo levou no seu viaxe e que Isaac nos mandou deseguida. Chegounos onte. Anisia, moi contenta, leuma por teléfono (igoal que o artigo radial sobor de Camiño bretemoso. Pola noite, tiven guardia de milicia e tróuxena comigo (denantes falamos longo de vostedes dous, cousa que facemos con frecuencia) e voltei a lela unha e outra vez –carta, artigo, notas no dorso do mañífico retrato do Che– e pareceume coma un símbolo o facelo con uniforme e fusil na mao, polo que ese mensaxe ten de loita, de afirmación combativa e pola conduta sin volta nin engruñamentos de quen mo dirixía.
Moito, moito tería que decir (e non diría grande cousa) arredor desa conmovedora carta. Falaba con Anisia desas cartas pensadas. Porque nos acontece outro tanto. Sete anos son moito tempo na vida dun ser aitivo, e no seu caso hai que multiplicalos por non sei canto pra ter unha ideia do seu trafego trascendente, en cifra e calidade. Souben dalgús viaxes, de esposiciós, de álbumes, pero é unha imaxe que soio podemos aproisimar coñecéndoo de antemán, como por sorte ocurre. Unha frase de Isaac nunha carta, outra nova, vainos servindo de información resumida. O demais, maxinámolo. E sin decatarnos cuase, cando algún amigo artista (pintor, escultor, dibuxante) vén pola nosa casa, solprendémonos amostrando livros de tapas, dibuxos, poemas seus. Días atrás ía camiñando pola rúa Obispo co escultor Delarra, Direitor da Escola San Alejandro e nunha livreiría de vello atopamos algús tiduos de Dorna, de Pomba, e veña falar das ilustraciós e demais. O cadro que nos regalou cando viñemos ocupa logar de preferencia no noso fogar. E até enmarcamos unha estampa de Nadal que vostede fixera pra Suchard (lémbraa?). Malia esas dúas oportunidades que non chegou a vir. Cantas cousas a verificar, cantos parrafeos e recordos, pero máis ca recordos, proieitos! Porque ese derrotismo de vamos pra vellos de que fala, penso que nin con cen anos chegarei telo. Lémbrome que xa vostede me comentaba eso cando voltou do viaxe de 1960. Ese derrotismo é a antítiesis do pensamento e da dinámica de vostede e estou ben certo que non cairá nel nin con cen anos de vida. Cómpre decir que non son somente os da súa xeneración. Hai algúns da miña (38 a 40 anos) que andan neso. Algunha frase, algún artigo, etc., sirveume pra comprobalo. E cousa curiosa! a de asociar eso ó comento de vostede do ano 60, denantes de ter recibido esta súa carta na que confirma esa teima dalgunhas xentes de por alá, rumo á momificación.
Por sorte, como vostede, non son así as novas xeneraciós (salvo algunha esceición que xa aludín). A mocedade, en sentido xeral, ten un ouxetivo. Sabe a onde vai. Estou en contaito con uns cantos valiosos, por suposto os máis radicales, incruso estudantes compostelanos aitualmente sancionados, e intérpretes de cancións de protesta ou da nova canción galega, ó xeito de Raimon. En fin, estou nese sentido moi ben informado. E xa que falamos de mozos, coñece vostede traballos de Basilio Losada? Criouse en Barcelona e alí é profesor na Universidade; dirixe tamén un Seminario de Cultura Galega. Menciónollo porque lle vén facendo xusticia á obra poética de vostede (revista La trinchera, Barcelona, xunio 1966: La poesía gallega de América, e revista Claraboya, León, septiembre-octubre/67. No extraordinario adicado á poesía galega). Pode imaxinar canto me aleda esa revalorización. Esta xusta ubicación de Fardel e Na brétema e As cicatrices equival a un recoñecemento individual e de camiño á obra do núcreo dos desterrados, que até non fai moito, en certos seitores, acetaban a medias, pese a tan rotundas mostras como se levan dado de aportaciós insoslaiables. En fin, que neste orde coma en moitos outros hai unha toma de concencia en Galiza que medra por días e que resulta un bon síntoma a autocrítica dalgús, como vén acontecendo. Penso que se aveciñan intres de interés, un porvir alentador.
É posíbel que estea no seu poder xa un livro meu inédito (Historias de emigrantes). Dazaseis contos ambentados e desenrolados en Bos Aires, con protagonistas galegos. Son historias breves. Penso que poden axudar á comprensión da vida do emigrante galego nesa cosmopolita cidade; da súa vida, das súas angurias, xa que non son precisamente trunfadores, tal como acontece na realidade coa maoría. En fin, non vou poñerme a latricar arredor dos contos agora. Foron por mao até Montevideo pra que dalí llos remitisen a un rapaz (Tony de Brito), amigo noso de confianza quen iría a velo a vostede a propósito? Dous a un tempo: desexo pra este livro unha introdución e unhas ilustraciós de vostede (sempre, craro está, que o traballo, é decir, este brazado de contos resulte realmente do seu intrés). Ambas cousas serían pra min de grande alegría. A dos dibuxos, non teño que espricala (a súa plástica está unida á miña modesta andaina literaria dende a portada de Dende lonxe, que me mandara de Milán, lémbrase? Dempois foi ese estupendo neno deitado da portada Memorias dun neno labrego). En canto á introdución ou prólogo, pois por esa coincidencia nosa en canto ó feito migratorio galego, á realidade concreta dos galegos de Bos Aires, tan coñecida e tantas veces e de moitas maneiras analizadas por vostede dende a radio, as revistas que dirixeu Fardel, Cicatrices, en fin, por todo eso, pola súa humanidade (e quedoume atrás o primeiro poema de Na brétema, ó citar livros). Tony levaralle, se non lle levou xa, o texto e, unha vez disposto todo, encargaríase de recollelo e mandalo a Montevideo, onde teño unha promesa (a medias) do Patronato da Cultura Galega (Canabal, etc.) de editalo. Tomei en firme esta meia palavra e agardo que cristalice. A eles mandeilles tamén unha copia do texto. Veremos. Tamén intresa –e xo advertín a eles– indicaciós topográficas, de diseño e demais (como lle digo a vostede na carta que vai co texto).
Esta mañán mandei a reproducir o retrato de Che. Mandei sacar varias copias (pois a que vostede madou, Anisia quere enmarcala pra ter nós). A interpretación é formidable, o retrato ten a dozura dos ollos del, o seu xesto, que facendo presencia cuase viva, mantendo ese equilibrio de presente, vivo e o tempo lexendario. Podería falar en estenso desto non soio polas fotos, e retratos de todo tipo que vemos a diario nas paredes, nas revistas e álbumes, por milleiros, senón porque eu tratei persoalmente ó heroi, varias veces en diálogo persoal direito, e perante tres anos en reunión cada dous meses. Esa imaxe a un tempo severa e cordial (como aparez nun retrato grande que teño diante neste instante, no meu despacho do Ministerio) está lograda no seu retrato. Anque algo atrasada, penso dar a noticia da esposición, etc. e pubricar este retrato. Tamén mandei unha copia (a primeira xestión será esta) á Comisión Nacional de Homenaxe, onde se vén recollendo todo o relacionado con Che (xa pasei alí: un poema de Novoneyra, outro de Manuel María, en galego, un artigo de Blanco Amor, un dibuxo de Isaac, etc.).
Xa vostede debe saber que Isaac editou na Coruña (mellor dito, reeditou) as Memorias dun neno labrego. Por razós dunha regulaciós de correos aínda non vin o livro. Mandoume tres exemplares por avión e non o recibín. Penso telos nestes días. Dime Alonso Montero que quedou un livro moi fermoso. Con Isaac (home a quen ademiro, e que apreciamos de verdade, e que, igoal que vostede sigo a cavilar de onde saca tempo pra facer tanto, teño correspondencia regularmente. A empresa de Sargadelos (en cuio desenrolo tamén está vostede o que me aleda certamente) constituie unha iniciativa formidábel e un esforzo tenaz. Sei do Laboratorio de Formas (teño os catálogos), etc.
De nós? Sería longo falar, anque talvez nada novo diriamos, pois supoñémolos informados en certo modo, por Isaac. Anisia, na súa especialidade: literaria infantil. Colabora co Instituto do libro, fai algo de asesoría nas orgaización infantís, na radio, TV, etc. Eu, metido nos convenios e protocolos de colaboración centífico téinica co esterior, e cos lerios de Organismos Internacionales (un trafego que me gosta, debo añadir), no Ministerio da Industria Básica, e facendo algo de xornalismo variado. Derradeiramente, como me estou adicando máis ó galego, no tempo que me queda livre, voume limitar a unha seición semanal, breve, de caráiter humorístico no semanario Palante, satirizando vellas taras, egoísmos, etc., que perduran na xente a pesares dos cambios sociales, da nova estroitura: tamén o burocratismo, etc. Proieito levar a cabo algo en torno a Galiza aquí. Sería longo espricar o por que, pero en síntesis é: incorporar o tema de Galiza, súa literatura, etc. a un orgaísmo oficial, como poidera ser a Universidade, o Instituto de Literatura e Lingüística, etc. Veremos. Hai que partir cuase de nada, de moitísimos menos, craro do que se tería que partir pra unha iniciativa semellante en Bos Aires. Do que salla, tereino informado.
E abonda! Non, non abonda. Vexo que inda non falei do artigo radial sobre Camiño bretemoso. Gracias, moitas gracias por todo o que dixo desta noveliña e da miña persoa. Percurarei non defraudalo. Fago, deliberadamente e dentro do que as miñas forzas dan, unha literatura nefeuto, popular. Quero que a xente me entenda. Que os obreiros e labradores, se cabe, poidan ler. No caso do galego, intresa non soio polos temas, senón tamén polo feito de que a xente leia na língoa que fala. Téntame, ás veces, algunhas modas ou estilos, pero volto a pensar inevitablemente no noso povo. Gracias polo que di arredor de Follas novas, etc.
Agora si. Vaia pra Maruxa e pra vostede unha aperta moi garimosa e cordial, de Anisia e de
Xosé Neira Vilas
O Día das Letras Galegas fixen unha semblanza de Curros, pola radio, e lin en galego varios poemas del.
Hai aquí un tal José Seoane (será parente seu?) que leva pubricados dous livros sobre investigaciós folklóricas, na Universidade Central (un sobre medicina popular e outro Cuentos de aparecidos). Non o conozo. Vive en Santa Clara ou por alá.
[Anexo.]
[Foto.]
Milicianos
Anisia e Pepe Neira.
|
| 1973-11-11 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa]
Transcripción da Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1973 en 11/11/1973
Habana, 11-11-73
A Maruxa e Luis Seoane
Coruña
Queridos amigos:
Onte recibimos carta de Isaac, e por ela soupemos do malfadado acidente. Non poden maxinar canto o lamentamos. Anisia e mais eu estivemos a cavilar arreo en vostedes, a falar de vostedes. Dinos Isaac que Maruxa vai ben, pero que Luis crebou unha perna e unha man –as dereitas– amais doutras lesiós. Esto ten que ser pra vostede, Luis, algo tremendo, non somente polo que representa en molestias unha recuperación desta índole, senón tamén por a súa dinámica, polo seu quefacer constante, por ese traballar sin descanso tendo que agora aturar unha inmovilidade seguramente prolongada. Esto debe ser torturante. En fin, busquemos a parte boa do lerio: un aicidente desta magnitude poidera ter sido fatal (penso en Aníbal Ponce, en Camus, en Martín Santos...) e por fortuna non o foi. Viven! Témolos! Uns trastazos, duros de curar, pero que sabemos que curan, que é cuestión de unhas semáns de paciencia. A vida soe gardarnos esas solpresas, eses contratempos, pero o caso é que siga sendo vida. Ánimo, amigos.
Fai uns quince días chegoume de Galaxia Comunicaciós mesturadas. Estupenda coleición. Eu lémbrome de cando vin na casa de vostedes unha carpeta de anillas, de cuberta negra onde tiñan estes editoriales (ou como se chame) da audición Galicia emigrante (craro que esto foi alá polo 60 e dende entón escribeu moitos máis) e falamos da posible edición, pois eu que os escoitaba domingo tras domingo estaba entusiasmado co seu valor documental. Ratifico o mesmo entusiasmo agora que os vexo (a seleición que escolleu) en libro. Felicítoo por esa decisión. De seguro que o libro sobre Montenegro, o aventureiro aquel de fins do século XIX. Eu tiña lido o artigo de Vilanova e tiña engadido algús datos que se non consignan como é o de que en 1892 dirixeu na Habana un semanario tiduado La Voz de Galicia e que El brujo estaba dibuxado enteiramente por el (tiven fai poucos días exemplares de ambos nas miñas mans). Estes son detalles para engadir, pois o que di vostede e o que di Vilanova é amplísimo. Outro detalle: o cadro de Brocos La defensa de Lugo, coido que si, que houbo unha iniciativa de donación por parte do Centro Galego, pero non chegou a donarse, e inda fica no palacio do dito Centro, hoxe estinguido, sede da Sociedad de Amistad Cubano Española, onde hai outras obras. Algún día ampliarei un chisco este formidable traballo seu (eu case non sabía quen era Brocos) engadindo, por exemplo, canto pagou polo cadro o Centro Galego cando o mercou, etc. O cadro ocupa un lugar de preferencia no vestíbulo central, baixo o escudo de Galicia. Consérvase ben anque un destes días vou ir por alí con un profesor de artes plásticas e escultor amigo pra ver de analizar o seu estado detidamente, e tamén de outras obras (un retrato de Rosalía, outro de Concepción Arenal, Pastor Díaz, W. A. Insua).
De Galicia, mandáronme (Alonso Montero) a Figuración feita por vostede da miña persoa, pubricada en La Voz de Galicia. Gárdoa con agarimo, por ser de vostede a quen –fai falla repetilo?– aprecio e respeto fondamente. Hónrame moito as súas palabras alí verquidas. Palabras que sei son sinceiras; palabras de amigo.
Lémbrase da esposición de 1960 sobre o periodismo galego na Arxentina? Pois acabo de montar (agosto pasado) unha sobor do de Cuba, moito máis ampla aínda (mentras en Bos Aires abundan as revistas de sociedades, aquí destacan as revistas e semanarios independentes). Tomei, pra a crónica que escribín, unhas palabras súas porque resultan moi axeitadas. Vai recorte coa presente.
Namais. Que se poña ben axiña. Apertas fraternas ós dous, de Anisia e
Xosé Neira
|
| 1977-03-22 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa]
Transcripción da Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1977 en 22/03/1977
Habana, 22-3-77
Queridos Luis e Maruxa Seoane:
Estivemos por Galicia fai catro meses. Igual que en 1972 por pouco –esta vez non tan pouco– non coincidimos con vostedes na Terra. Pero as cousas son así. Sabemos que lle gusta o inverno e a nós, pola contra, góstanos o vrao, non o moito calor, pero si fuximos do frío. Novembre era xa un pouco máis alá das nosas posibilidades térmicas. Dende que un se vai aplatanando o sol é un amigo. Agora sabemos por carta de Isaac que andades por ahí.
En Madrid, na casa de meu irmao, atopeime con A maior abondamento, formidable poemario, pleo de interés, estético e testemuñal. Gracias por ese regalo, e por esa adicatoria, e por esa amistade que viña espresada con moito sentir na adicatoria e na carta. Por si fosen pouco os libros, estas adicatorias, estas palabras cordiales que nos chegan algunha vez, de tanto en tanto, temos as noticias do seu quefacer por meio de amigos comúns, e o óleo que temos diante na sala da nosa casa, e as portadas (ou tapas) de tantos libros que acotío manexamos. E Diálogo, ese mural de cerámica Seoane-Arranz, que algunha vez imos ver á casa que foi de Álvarez Gallego e que agora ocupan un matrimonio de velliños. (Por certo, a nome da Sección Gallega do Instituto de Literatura e Lingüística, que eu dirixo, propuxen en principio levar a estes velliños –totalmente insensibles– un paisaxe, calquera cousa e que nos entregasen o mural, pero fun cun escultor amigo e soupen que non se pode sacar, pois está unido, pegado á parede de tal maneira que se rompería en anaquiños, eso me dixo; e o que farei cando menos, é sacarlle unha foto, de ser posible en colores. Atope entre os papeles de Álvarez Gallego unha carta de vostede e soupen por elo o do tiduo da obra, fermosa obra).
Fai pouco fixen un traballo cun fotógrafo amigo: rescatar, copiar dibuxos e palabras consiñados nunhas servilletas-recordo daquel agasallo, daquela cea que nos deron vostedes, moitos amigos, en Buenos Aires, o 28 de xunio do 61. Rescatei dibuxos de Isaac, Laxeiro, vostede, palabras de Dieste, Baltar, Lorenzo Varela (a quen vin en Madrid en novembre 76 ). En fin, sobre todo esto, e o mural, etc., escribirei algún día e airearei estes dibuxos das servilletas, de gran contido emotivo pra nós ó tempo que fermosos.
Por aquí algo imos facendo, na sección dita, e na investigación arredor dos galegos de Cuba. A laboura é moi grande e penso que dea máis dun libro. Teño proieitos, varios proieitos, somente quero tempo, anos, vida pra levar todo a cabo. Non perdo de vista, craro é, todo o que importa hoxe a Galicia viva, o intre que ahí se vive, pero se me toca en sorte (penso que en moi boa sorte) vivir esta esperencia, revolucionaria, de camiño é bo traballar historiando, ou como queira chamárselle a andaina dos galegos.
E namais. De Anisia prós dous, Maruxa e vostede unha aperta, e outra aperta do voso
X. Neira Vilas
|