“Hai tres rúbricas que temos destacar sobre o labor do SEG: a primeira, o sentimento de país; en segundo lugar, o compromiso político e, por último, a renovación da metodoloxía científica” apuntou Francisco Díaz-Fierros na súa intervención. Para el “son as tres constantes que puxeron en circulación e a mensaxe que deixaron para o futuro do país”.
“Tocoume o papel de escenógrafo, de marcar o contexto no que se desenvolve o nacemento, infancia e asasinato, con trece anos a mans dos franquistas, deste movemento” apuntou Justo Beramendi na súa intervención. Baixo o título “O Seminario de Estudos Galegos e a política do seu tempo” fixo un repaso polo que acontecía na ideoloxía, no sistema político, na evolución dos nacionalismos e das ciencias sociais no contexto hispánicos, europeo e americano que foron, nalgúns casos, asumidas polos membros dos SEG. Destacou a influencia do que acontecía na Europa previa á creación do seminario, marcada pola descomposición dos grandes imperios: o ruso, o autostrúngaro e o otomano que acabou creando “entre os Urais e o Atlántico dezaseis novos estados independentes” que alentou e, tamén alertou, a moitos nacionalismos. Beramendi tamén comentou o ascenso dos movementos obreiros e a configuración de sistemas políticos contribuíron a marcar o contexto máis próximo, así como os numerosos movementos de renovación científica que se sucederon no contexto hispánico (a Junta de Ampliación de Estudios, Institut d’Estudis Catalans ou Eusko Ikaskuntza-Sociedad de Estudos Vascos...). Estes últimos serán obxecto de revisión nunha xornada específica o vindeiro día 24 de outubro.
Na opinión de Beramendi, “o condicionante máis importante foi o nacionalismo galego, o único interesado en abordar o paquete completo, é dicir, a cuestión da ciencia e da educación, o sentimento cultural e do sistema político”. Incidiu nesta idea Pilar García Negro, que interveu nunha mesa redonda xunto con Alfonso Mato e Uxío-Breogán Diéguez. “O SEG foi tamén a primeira vez en que se produce unha alianza en Galicia entre a inquedanza política e o centro de coñecemento, de saber, é dicir, a universidade”.
Pola tarde, Ramón Villares, Aurora Marco, María Xesús Fortes Alén e Antón Costa profundaron na traxectoria do SEG e na súa relación coa sociedade.
O programa
O congreso, organizado coa colaboración da Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e Consello Superior de Investigacións Científicas, o Museo de Pontevedra e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, remata este mércores cunha análise ás áreas de actividade nas que o Seminario conseguiu resultados máis tanxibles: a etnografía, a prehistoria e a arqueoloxía, as ciencias, as belas artes e os estudos literarios e a lingua. Xerardo Pereiro falará da antropoloxía; Susana Reboreda máis Óscar Penín de Prehistoria e arqueoloxía; Francisco Díaz- Fierros de ciencia; Ana Acuña de estudos literarios e Henrique Monteagudo de lingua.
Pecha a sesión unha redonda sobre o legado do SEG moderado pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, no que participan Miguel Anxo Seixas Seoane, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, María Xosé Fernández Cerviño e Uxío Labarta.
Proxector
O especial de Proxector, proxecto divulgativo que o CCG mantén coa USC, escolma este mes varias pezas audiovisuais que dan conta do importante legado científico, cultural e lingüístico do SEG. Un documental no que diferentes intelectuais fan un percorrido pola historia do Seminario; unha conferencia de Francisco Díaz-Fierros sobre os antecedentes, os seus principais promotores, a diversidade de membros que chegou a formar parte deste grupo ou os obxectivos cos que se creou; son algúns dos vídeos que se inclúen nesta entrega. As mulleres, as publicacións ou vídeos sobre algúns dos seus membros (Manuel Lugrís Freire, Fermín Bouza Brey...) completan esta entrega.
Unha festa popular: andaina e xantar
O xoves 12 de outubro terá lugar a andaina que rememora a que cen anos atrás un grupo de estudantes (entre os que estaba Fermín Bouza-Brey, Xosé F. Filgueira Valverde, Xosé Pena e Pena, Lois Tobío ou Alberto Vidán Freiría) realizaron e que deu lugar á creación do Seminario de Estudos Galegos. Como naquela ocasión, recrearase o camiño que desde Santiago de Compostela ata o castro de Ortoño, lugar da nenez de Rosalía de Castro. A andaina, que xa ten as prazas cubertas, rematará ás 13:00 horas cun acto institucional coa lectura dun manifesto conxunto de todas as institucións participantes e unha ofrenda floral. Posteriormente, ás 13.30 horas farase unha romaría na Carballeira de Ortoño con música e xantar.
Antero Ferreira, Idioa Estornés, Borja de Riquer, Javier Moreno Luzón e o propio Ramón Villares son algúns dos relatores que permiten facer esta nova lectura en perspectiva comparada.
Vindeira cita: O SEG en perspectiva comparada
Este congreso compleméntase coa xornada “O Seminario de Estudos Galegos e as institucións de alta cultura do seu tempo” que terá lugar o vindeiro 24 de outubro. Ramón Villares é o coordinador desta cita que pretende analizar o Seminario en relación con outras institucións de alta cultura da Península Ibérica: o Institut d’Estudis Catalans (Barcelona, 1907), a Eusko Ikaskuntza-Sociedad de Estudos Vascos (San Sebastián, 1918), ou o Centro de Estudos Históricos (Madrid, 1910), promovido pola Junta para Ampliación de Estudios (JAE). Todos eles centros de alta cultura que comparten a condición de ser complemento ou alternativa de institucións xa existentes (academias, universidades) e se caracterizan por desenvolveren programas de investigación e de difusión da ciencia e da cultura.
Antero Ferreira, Idioa Estornés, Borja de Riquer, Javier Moreno Luzón e o propio Ramón Villares son algúns dos relatores que permiten facer esta nova lectura en perspectiva comparada.




