NOTICIA

----

O foro Pensar o mundo dende Galicia propón este xoves unha reflexión sobre o patrimonio

O arqueólogo Agustín Azkarate e a arquitecta Teresa Táboas participan este xoves na xornada “Territorio, patrimonio e identidade”, a sétima sesión do foro Pensar o mundo dende Galicia, co que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o seu 40º aniversario. Rebeca Blanco-Rotea é a coordinadora desta cita, que pretende afondar dende unha perspectiva teórica e práctica en como se establece a relación entre unha sociedade o espazo que habita, unha reflexión pertinente no contexto actual no que se están a producir conflitos entre a protección das paisaxes culturais e a forma de implantar enerxías renovables. Xosé Manoel Núñez Seixas, coordinador do foro, e Rebeca Blanco-Rotea inauguran esta xornada, que se pode seguir en directo dende o web e as redes sociais do CCG.

Esta sesión do foro pretende achegar unha reflexión sobre a sociedade galega e a súa relación co territorio. Esta conexión vaise analizar dende tres conceptos chave, que son os que dan título á sesión: o territorio, o patrimonio e a identidade. Como é habitual neste foro, haberá dúas conferencias marco, que pronunciarán Agustín Azkarate e Teresa Táboas, que se complementan cunha mesa de debate.

Agustín Azkarate é director da Cátedra UNESCO de Paisaxes Culturais e Patrimonio, e especialista na xestión integral do patrimonio cultural inmoble. Foi o director científico do plan de renovación da catedral de Santa María de Vitoria-Gasteiz, que recibiu numerosos premios internacionais. Na súa intervención falará do papel dos territorios e das paisaxes na construción das identidades do futuro e fará unha análise do territorio tanto no presente como no seu papel cara ao futuro para solucionar problemas que lle afectan directamente (os novos modelos de explotación do territorio, por exemplo).

Teresa Táboas, arquitecta doutora e exconselleira de Vivenda, coñece moi ben a cuestión territorial. Na súa intervención, titulada “Territorio e identidade galega dende unha perspectiva patrimonial”, afondará no espazo como elemento identitario fundamental, é dicir, na relación simbiótica entre o espazo xeográfico xerador dos recursos económicos e o patrimonio cultural construído, como expresión do territorio humanizado.

Pola tarde, dous xeógrafos, Valerià Paül Carril, da Universidade de Santiago, e Álvaro Domingues, da Universidade do Porto, xunto coa tamén arquitecta Teresa Nieto, participarán na mesa redonda titulada “A construción do territorio como eixe das identidades patrimoniais nas sociedades líquidas contemporáneas”.

Foro Pensar o mundo dende Galicia
O foro Pensar o mundo dende Galicia chega á sétima edición despois de debater sobre a calidade da democracia, a tecnoloxía dende un punto de vista humanista, o futuro da comunicación e o feminismo.
Este proxecto pretende condensar o traballo promovido dende o Consello da Cultura Galega relativo ao debate, a pescuda e a creación arredor de diversos eidos do saber, mais tamén sobre cuestións que abranguen os problemas e inquedanzas da sociedade galega no pasado, no presente e no futuro. En total son oito citas mensuais (que arrincaron en marzo e rematarán en novembro) nas que se abordan temáticas moi presentes nas actividades da institución, como os retos presentes e futuros do feminismo, a sustentabilidade da economía global ou o papel do patrimonio e da paisaxe. Arredor de corenta personalidades do mundo cultural, científico e académico galego, ibérico e mundial participan nesta proposta, que busca reflexionar, debater e profundar na interpretación dos desafíos desta terceira década do século XXI, ademais de recoller a tradición iniciada hai máis dun século pola Xeración Nós e polo Seminario de Estudos Galegos, coa intención de aspirar a repensar o mundo e a sermos unha célula de universalidade.