----

Especialistas instan a repensar o modelo de xestión do territorio no foro Pensar o mundo dende Galicia

“Cómpre abrir o debate da ordenación do territorio, e facelo desde unha perspectiva social, cultural e tamén ambiental” apuntou a arquitecta Teresa Táboas no marco da xornada “Territorio, patrimonio e identidade”, a sétima sesión do foro Pensar o mundo dende Galicia organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG). Unha idea na que afondou o arqueólogo Agustín Azkárate, que engadiu que “non se pode recuperar un espazo sen documentalo e comprendelo”. A cita foi gravada e os vídeos pódense consultar no sitio web da institución. Ademais, abriuse a inscrición para a ultima sesión deste foro co que o CCG celebra o seu 40º aniversario. Titúlase “Modelos para unha economía da cultura” está coordinada por Xosé Carlos Arias e terá lugar o vindeiro 9 de novembro.

“Fomos territorio antes que lingua” asegurou a arquitecta Teresa Táboas ao inicio da súa intervención. “Estamos tan vinculados á terra que creamos unha medida propia que é o ferrado”. Na súa intervención explicou que o territorio está no noso ADN: “son capas dun mesmo elemento sobre as que houbo moitas miradas ao longo dos séculos, por iso, cada un de nós ten, desde que somos nenos, unha identidade cromática da paisaxe”. Afondou nas cuestións económicas que mudan a nosa paisaxe, e apuntou que o territorio é, como a historia ou a economía, dinámico. “A pasta de papel alterou o monocultivo que mudou a paisaxe e con ela as cores coas que nos recoñecemos como entidade” explicou Táboas. Foi moi crítica coa situación actual e afirmou que estamos ante nun modelo económico neoliberal que estragou unha parte dos territorios de todo o mundo para favorecer outros. Explicou que ese impacto está medido e que os países que máis consumen teñen unha pegada media por habitante de sete hectáreas sobre outros espazos, mentres que a media mundial é dunha hectárea e pico. “Canto máis pobres son os países menos pegada teñen noutros territorios” aseverou, ao tempo que instou a “abrir o debate sobre a ordenación do territorio, pero non desde un punto de vista teórico, senón práctico”. Para Teresa Táboas “estamos descapitalizando o territorio e as empresas que o explotan teñen que garantir o retorno do que están a recibir”. Na súa opinión, cómpre pular por unha cohesión territorial. “Penso que a ordenación do territorio e o planeamento urbanístico debe facerse sempre desde o achegamento social ademais de ter en conta o elemento ambiental” afirmou.

Agustín Azkárate, director da Cátedra UNESCO de Paisaxes Culturais e Patrimonio, e especialista na xestión integral do patrimonio cultural inmoble, falou do papel dos territorios e das paisaxes na construción das identidades do futuro. Coincidiu con Teresa Nieto na pertinencia de abordar o problema da ordenación do territorio. “É un debate que vai ir a máis e temos que posicionarnos” apuntou na súa intervención. Porén, apuntou que “temos a sorte de ter un convenio europeo da paisaxe que supuxo un xiro copernicano na xestión e valoración dos espazos”. Afirmou que “está de moda o banal” e que “non se pode recuperar un espazo sen comprendelo e para iso hai que documentalo”. Na súa opinión é un erro recuperar a “esencia” dos bens culturais e patrimoniais porque “non hai prístinos que restaurar, o pasado marchou e non vai volver xa que toda degradación leva consigo unha perda. Pero permanece o estratificado, ese pouso por capas que produce a memoria que hai que coñecer e documental”. A súa recomendación pasa por “aprender en termos de capas de memoria estratificadas que teñen estruturas precedentes que hai que entender e contextualizar”.

Baixo o título “A construción do territorio como eixe das identidades patrimoniais nas sociedades líquidas contemporáneas” falaron os xeógrafos, Valerià Paül Carril, da Universidade de Santiago, e Álvaro Domingues, da Universidade do Porto, xunto coa arquitecta Teresa Nieto. Foi esta última quen incidiu na transición enerxética actual que “está consistindo na invasión de territorios ignorando os seus valores culturais e naturais”. Na súa opinión urxe “a caracterización e protección das paisaxes das paisaxes que manteñan os valores identitarios que lles permitan ás xeracións futuras de galegos e galegas recoñecérense como pobo”.

Última sesión Pensar o mundo dende Galicia
Co peche desta sesión abriuse a inscrición da última cita do foro Pensar o mundo desde Galicia. Titúlase “Modelos para unha economía da cultura” e nela participan o presidente da Association for Cultural Economics International, Luis Cesar Herrero; o xornalista e filósofo, director da Escola Europea d’Humanitats, Josep Ramoneda; xunto coa investigadora Diana Fernández Méndez; o director de Econcult, Pau Rausell Köster e a investigadora de Ecobas, Marta Rey García. Esta xornada debaterá sobre a diversidade de relacións existentes entre cultura e economía, resaltando que, aínda que con frecuencia se esqueza, o impacto económico é unha das dimensións máis destacadas dos fenómenos culturais. Na sesión falaranse dos problemas, das oportunidades e dos principais retos que derivan dese feito.

Un ano de foro
O foro Pensar o mundo dende Galicia chega á sétima edición despois de debater sobre a calidade da democracia, a tecnoloxía dende un punto de vista humanista, o futuro da comunicación e o feminismo. Este proxecto pretende condensar o traballo promovido dende o CCG desde o seu nacemento. En oito citas mensuais preto de corenta personalidades do mundo cultural, científico e académico galego, ibérico e mundial participaron nesta proposta, que busca reflexionar, debater e profundar na interpretación dos desafíos desta terceira década do século XXI, ademais de recoller a tradición iniciada hai máis dun século pola Xeración Nós e polo Seminario de Estudos Galegos, coa intención de aspirar a repensar o mundo e a sermos unha célula de universalidade.