En outubro de 1923, nove escolantes universitarios, apoiados polos profesores da Minerva compostelá e dos mestres da Xeración Nós, fundaron o Seminario de Estudos Galegos. A institución tivo unha gran repercusión en Galicia e deixou un importante legado de traballo científico e de compromiso coa cultura e a lingua galegas.
Con motivo do seu centenario, o CCG organiza unha xornada para examinar o significado e a relevancia que acadou o SEG en comparación con outros centros de alta cultura de España e Portugal. Estudaranse aquelas institucións que comparten co SEG a condición de seren un complemento ou unha alternativa ás academias e universidades xa existentes, e que sobresaíron por desenvolveren programas de investigación e de difusión da ciencia e da cultura. En concreto, analizaranse tres centros españois: o Institut d’Estudis Catalans (Barcelona, 1907), a Eusko Ikaskuntza-Sociedad de Estudios Vascos (San Sebastián, 1918) e o Centro de Estudios Históricos (Madrid, 1910), promovido pola Junta para Ampliación de Estudios (JAE). Ademais, debido á estreita relación que o SEG tivo con Portugal e a súa cultura, profundarase tamén no caso da Sociedade Martins Sarmento, fundada en Guimarães (1881) en honor do arqueólogo e erudito que lle dá nome.
O programa
A cita comezará co relatorio “Martins Sarmento, um pioneiro da investigação arqueolóxica e etnográfica”, a cargo de Antero Ferreira, presidente da Direção da Sociedade Martins Sarmento (Guimarães). A continuación, Ramón Villares, profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela, analizará o lugar que ocupa o Seminario de Estudos Galegos dentro e fóra de Galicia. Pechará a sesión matinal a historiadora Idoia Estornés cunha intervención sobre a Eusko Ikaskuntza-Sociedad de Estudios Vascos (1918-1936).
Xa pola tarde, Borja de Riquer, profesor honorario e catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universitat Autònoma de Barcelona, analizará a relación de convivencia e competencia entre as academias, a universidade e o Institut d’Estudis Catalans. Após a súa intervención, Javier Moreno Luzón, catedrático de Historia das Ideas e do Pensamento Político da Universidad Complutense de Madrid, pronunciará “El patriotismo liberal: la JAE y el Centro de Estudios Históricos”. A sesión concluirá cun debate entre os relatores e o público asistente.


