----

O proxecto audiovisual Crossing borders profunda no momento actual da música de raíz

A música de raíz galega está a traspasar fronteiras e a vivir un momento dourado sobre o que o Consello da Cultura Galega (CCG) profunda nun novo proxecto audiovisual. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o coordinador do proxecto, Manuel Gago, presentaron en rolda de prensa Crossing borders. A música TRAD galega atravesando fronteiras, tres pezas audiovisuais subtituladas en inglés que, da man de creadores como Mercedes Peón, Baiuca (Alejandro Guillán) e Uxía Senlle, entre outros, mais os expertos Óscar Losada e Marina Fernández, percorren a evolución, as especificidades e as claves do éxito da música de raíz.

En outubro de 2022, como antesala da Feira do Libro de Frankfurt na que España era o país convidado e cuxo lema era “Creatividade desbordante”, o Consello da Cultura Galega puxo na rede tres pezas audiovisuais baixo o titulo Galicia, a literature to explore / Galicia, unha literatura por descubrir. Con elas buscábase promover a creación da cultura galega contemporánea a través de materiais bilingües. Aquel proxecto enriquécese neste 2023 coa presentación dun produto audiovisual que se sitúa na senda doutro grande evento, a celebración de Womex, a prestixiosa feira de música de raíz e folk que arrinca este mércores na Coruña. Nesta ocasión, Crossing borders pon na rede un proxecto audiovisual en tres capítulos que profunda na confluencia de estilos, públicos e territorios neste xénero musical.

Tres audiovisuais, tres fronteiras
O formato consiste en tres vídeos curtos filmados en 4k que se achegan á música de raíz galega desde tres ideas. A primeira, “fronteiras de público”, profunda nos novos públicos. “A nosa música é moi exportable e resulta moi exótica para a xente de Europa e doutros continentes porque temos unhas sonoridades e uns ritmos moi xenuínos”, asegura Aída Tarrío, de Tanxugueiras, neste proxecto. Esta idea tamén a comparte o crítico de música folk Óscar Losada, quen asegura: “Escoitan as nosas cantareiras e resúltanlles abraiantes. Temos ese punto de exotismo porque somos bastante descoñecidos”.

A segunda das ideas está encamiñada a explorar as “fronteiras de estilo”, isto é, a hibridación e a confluencia de estilos diferentes, algo que Baiuca resume no proxecto con bastante espontaneidade: “Na miña cabeza pasaba a idea de que pasaría se xuntase o que estaba a facer nese momento, de electrónica ou pop, co que eu mamara de pequeno: a gaita e a tradición”. Con vinte e catro anos chegou o momento. “É un xeito de darlle unha vida máis a toda a música tradicional que temos e levar o repertorio, os ritmos e os instrumentos a outro lugar”, explicou.

“Onde antes había vinte grupos, agora hai dous mil, con moita variedade. Entraron novas formas de entender a música que resultan moi enriquecedoras”, apunta Bieito Romero, que asegura que estamos a vivir o mellor momento en canto a formacións.

Para a crítica Marina Fernández Vigo, “asistimos a un revival do baile e da música de pandeireta. As gaitas ocupaban nos anos noventa todo o panorama, porque desde o século XIX a figura do gaiteiro se consideraba o paradigma da representación do país. Pero ese imaxinario está mudando cara á voz e a pandeireta. Non hai máis que ver o éxito das propostas das Tanxugueiras, Xabier Díaz, Xurxo Fernández ou Mercedes Peón”, apunta.

A última idea son as “fronteiras culturais”, nas que Uxía Senlle e Abe Rábade explican os seus propios puntos de vista. “Gústame pensar na música como unha árbore con raíces sólidas de raíz, pero que non esquece que hai pólas que están libres ao vento, e que poden ser libres porque hai unhas raíces fortes afundidas no chan”, di Abe Rábade, que pensa que cando dúas culturas entran en contacto aflora unha maior conciencia do que é cada un. “O máis auténtico sae precisamente nesa dialéctica. Pasoulle a tantas músicas, ao flamenco, a Duke Ellington cando atopa a cultura europea”, explica no vídeo. Para Uxía a conexión é case natural. Nada en Mos, esa proximidade xeográfica con Portugal permitiulle diluír as fronteiras.

Todos estes materiais audiovisuais compleméntanse con reportaxes elaboradas por culturagalega.gal, nas que se poñen en contexto estas declaracións e se sitúan dentro do panorama da música galega contemporánea. Pódese acceder a este proxecto desde culture.gal, un espazo web do Consello da Cultura Galega orientado a un público internacional.

Plan de Acción Exterior
Esta iniciativa forma parte do Plan de Acción Exterior da institución, que pretende reforzar a presenza da cultura galega no exterior. Este proxecto, da Comisión de Relacións Institucionais e Acción Exterior (CRIAE), que coordina Xavier Queipo, busca actuar na internacionalización da cultura galega, en atención aos dereitos culturais da cidadanía galega, pero tamén en proxectar a cultura galega fóra das comunidades de emigrantes. Este proxecto está baseado en cinco obxectivos estratéxicos e conta con máis dun centenar de actuacións e accións.