NOTICIA

----

O CDIF homenaxea a Marta Bobo cunha xornada sobre as mulleres e o deporte

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá, 26 de outubro, ás 9:30 horas, unha nova sesión do ciclo De pioneiras e andainas. Nesta ocasión, a protagonista será a ximnasta Marta Bobo. A súa traxectoria e os seus logros deportivos servirán como punto de partida para analizar a loita das mulleres por acadar recoñecemento no mundo do deporte. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e Carme Adán, coordinadora da xornada xunto con Cristina López Villar, inaugurarán esta actividade. A cita é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais da institución.

No deporte, ao igual que noutros espazos, as mulleres non comezan de cero, senón que contan co exemplo de moitas outras que as precederon e que deben ser recoñecidas polo legado, tanto individual como colectivo, que deixaron. Marta Bobo é unha desas pioneiras e un referente, a día de hoxe, para as mozas deportistas. Chegou ao máis alto da competición olímpica na modalidade de ximnasia e, na actualidade, exerce como xuíza internacional e como investigadora, adestradora e coreógrafa. Ademais, é integrante da Comisión de Educación da Academia da Federación Internacional de Ximnasia. A través da súa figura, na xornada Marta Bobo. Mulleres e deporte: a paixón por defender o noso revisaranse décadas de loita das mulleres por acadar a igualdade no deporte, ao tempo que se analizarán os principais retos de futuro. Para iso, contarase coa participación de deportistas novas que seguen a eliminar obstáculos e denunciar o acoso e a persecución que viven no eido deportivo. No encontro intervirán tamén algunhas compañeiras e compañeiros de Marta Bobo, que achegarán as vivencias persoais que compartiron durante os tempos de adestramento e logros deportivos da homenaxeada.

O programa
A xornada comezará coa sesión científica “Logros deportivos e dereitos das mulleres: un camiño de esforzo”. Abriraa a presidenta de MUDEGA, Merce Barrientos, cunha intervención sobre as mulleres nos xogos olímpicos. A continuación, a técnica do CDIF Mariám Mariño Costales presentará a Cartografía de Marta Bobo Arce. A cita da mañá rematará coa mesa de relatorios “A visión das mozas no deporte”, moderada por Claudia López López. Nela, as deportistas Raquel Béjar Castro, Candela Martínez Bobo, Laura Santos Iglesias e Sofía Toro Prieto-Puga falarán da súa experiencia como mulleres no mundo do fútbol, da ximnasia, da competición e do alto rendemento, respectivamente.

Pola tarde, Silvia Carregal Martínez, periodista e directora do xornal de deporte feminino galego As Nosas, conversará con Marta Bobo. Posteriormente, Aurora Martínez Vidal, primeira adestradora de Marta Bobo; Sonia Conde, ex-ximnasta da selección española e compañeira en Madrid da homenaxeada, e Alberto Oro, compañeiro seu na Facultade de Ciencias do Deporte da Universidade da Coruña, compartirán as experiencias vividas con Marta Bobo nunha mesa redonda moderada polo xornalista e historiador Héctor Pena. A xornada concluirá cunha performance deportiva.

O ciclo
Esta cita insírese dentro dunha liña de traballo do CDIF que pretende poñer o foco en mulleres representativas da cultura galega e que arrincou en 2009 cunha revisión do legado de Xoana Torres. Tras dela chegaron María Wonenburger, Olga Gallego, Tereixa Navaza, Mabel Rivera, Pascuala Campos, Mercedes Goicoa, Elena Colmeiro e moitas outras mulleres sobranceiras en diferentes campos.

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
A xornada está organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, coordinado por Carme Adán e que ten como membros a Luz Darriba, Montse Fajardo Pérez, Paz Filgueira Paz, Inmaculada López Silva, Cristina López Villar, Mariám Mariño Costales, Luzia Oca González, María Dolores Pereira Oliveira, Ana Belén Puñal Rama e Rexina Rodríguez Vega. Entre as súas actividades, cómpre destacar que o CDIF é responsable do Álbum de Mulleres, destinado a dar visibilidade e facilitar o acceso a información, imaxes, escritos, traballos e traxectorias de mulleres galegas ou relacionadas con Galicia.